Os galegos menores de 45 anos usan máis a rede que a media dos mozos españois

A sentenza obriga a R a desconectar un usuario CC-BY-SA Praza Pública

Usamos os galegos e galegas a rede máis do que a media do Estado? Temos máis ou menos tablets, e-books e demais ferraganchos? A pasada semana o INE publicou os datos da Enquisa sobre Equipamento e Uso de Tecnoloxías da Información e Comunicación nos fogares 2013 e as cifras veñen dicir que Galicia aínda está un chanzo por debaixo da media española en case todos os indicadores. Pero, ollo, estes datos teñen máis lecturas se se afonda un pouco neles.

A porcentaxe de internautas en Galicia creceu en 2013, e pasou dun 63,5% a un 65,3%. Creceu algo menos que no conxunto de España, iso si, onde se pasou dun 69,5% a un 71,6%. O diferencial supera xa os seis puntos. Tamén crece a diferenza na proporción de usuarios do comercio electrónico, que en España experimentou un lixeiro crecemento (do 21,7% ao 22,7%), mentres que en Galicia descendeu unha décima (do 21,3% ao 21,2%).

Son usuarios habituais da rede o 85% dos galegos e galegas que contan entre 35 e 45 anos, fronte ao 83,5% dos españois nesa franxa de idade. Galicia tamén mellora a media nas persoas entre 25 e 35 anos (93,3% fronte a 92%)

Polo tanto, dous de cada tres galegos e galegas (65,3%) son usuarias habituais de Internet, segundo o INE, é dicir, empregaron a rede nalgún momento nos últimos tres meses. Porén, esta cifra agocha unhas grandes diferenzas por grupos de idade. De feito, pódese dicir que a práctica totalidade (máis do 95%) dos menores de 35 anos usan a rede con certa frecuencia, e podemos estender ese titular aos que teñen entre 35 e 45 anos, pois o 85% tamén son considerados usuarios habituais. A porcentaxe baixa até o 67% entre os que teñen entre 45 e 55 anos e, xa de forma máis brusca, até o 33%, nos que contan entre 55 e 65 anos. Por riba desa idade a porcentaxe de internautas é mínima (15%). Hai tamén diferenzas polo tipo de hábitat. Nas sete cidades galegas, a porcentaxe de internautas sitúase entre o 74 e o 80 por cento, unha proporción que nos concellos de menos de 10 mil habitantes, descende até o 48%.

Entre os 25 e os 35 anos o 41,7% dos galegos mercan habitualmente en Internet (fronte á media española do 35%), e o mesmo pasa nos que teñen entre 35 e 45 anos (34,9% en Galicia, fronte a 30% no conxunto de España)

Galicia sitúase, na cifras globais, por debaixo da media do Estado na porcentaxe de usuarios da rede, e noutros indicadores sobre o uso das novas tecnoloxías. Porén, se analizamos as cifras máis polo miúdo, e segmentamos os datos por grupos de idade, chegamos á conclusión de que Galicia mellora a porcentaxe de internautas do conxunto de España entre os menores de 45 anos, mentres que entre os que superan esa idade, o noso país, mantense por debaixo da media. Por exemplo, son usuarios habituais da rede o 85% dos galegos e galegas que contan entre 35 e 45 anos, fronte ao 83,5% dos españois nesa franxa de idade. Galicia tamén mellora a media nas persoas entre 25 e 35 anos (93,3% fronte a 92%). No entanto, entre os 45 e 55 anos, Galicia sitúase cinco puntos por debaixo da media, e entre os 55 e 65 anos o diferencial é de máis de 13 puntos.

  Total 16-24 25-34 35-44 45-54 55-64 +65
Galicia 65,3% 97,8% 93,3% 84% 66,9% 32,9% 15,4%
España 71,6% 97,4% 92% 83,5% 71% 46,6 22,1%

O mesmo sucede con indicadores coma o do comercio electrónico. O 22,7% dos españois mercan habitualmente a través da rede (cando menos unha vez nos últimos tres meses), algo por riba dos datos de Galicia (21,2%). Pero, de novo, analizando os datos por idades, vemos como entre os 25 e os 35 anos o 41,7% dos galegos mercan habitualmente en Internet (fronte á media española do 35%), e o mesmo pasa nos que teñen entre 35 e 45 anos (34,9% en Galicia, fronte a 30% no conxunto de España). Por riba de 45 anos o diferencial é claramente positivo a favor de España.

Nos libros electrónicos Galicia aínda ten moito por percorrer: 13,3% fronte ao 19% español nas cidades de máis de cen mil habitantes e 10,4% fronte ao 15% nas localidades entre cincuenta e cen mil

Conclusións semellantes podemos obter á hora de falar do equipamento. Galicia está, lixeiramente, por debaixo da media española na porcentaxe de fogares con ordenador de mesa (42,7% fronte ao 45,1%), ordenador portátil (51,3% fronte ao 54,3%) ou tablet (15,7% fronte ao 16,3%), e moi por debaixo, iso si, na porcentaxe de vivendas nas que hai algún dispositivo para ler e-books (9,7% fronte ao 14,4%). Porén, nas cidades todo cambia, e as persoas que en Galicia viven en localidades de máis de 50 mil habitantes (as sete cidades) dispoñen de máis aparellos que a media dos españois que residen en urbes superiores a ese tamaño e capitais de provincia. Nestes casos, entre o 59 e o 69 por cento dos fogares galegos contan cun portátil, e entre o 16 e o 23 por cento dispoñen de tablets, porcentaxes moi por riba da media das urbes españolas. A excepción son os libros electrónico, nos que Galicia aínda ten moito por percorrer (13,3% fronte ao 19% español nas cidades de máis de cen mil habitantes e 10,4% fronte ao 15% nas localidades entre cincuenta e cen mil).

Os galegos e galegas empregan máis a rede para informarse (79%) que a media do Estado (70%), e tamén chama atención o peso meirande que ten a “participación política e social"

O uso que os galegos e galegas fan de Internet non se diferencia moito dos usos detectados por estudos semellantes noutros países. Dominan o correo electrónico, as redes sociais e a lectura de medios de comunicación, pero chaman a atención algunhas variables e función, sobre todo as que se pode esperar que lle dea un conxunto de usuarios máis novo e activo. Mentres que proporción de usuarios habituais totais da rede en Galicia é moi semellante á media española, situándose algo por debaixo, os galegos e galegas empregan máis a rede para informarse (79%) que a media do Estado (70%), e tamén chama atención o peso meirande que ten a “participación política e social”, cun 23,9% de internautas fronte ao 19,9% dos españois que afirman usar a rede para ese fin. Os galegos tamén usan máis Internet para consultar a wikipedia (67,2% fronte ao 62,1%) e para facer videochamadas ou telefonar a través de Internet (34,7% fronte ao 28,7%). En cambio, os galegos e galegas usan moi pouco (moi por debaixo da media estatal) a banca electrónica.

A sentenza obriga a R a desconectar un usuario CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.