Peche, paro e protestas contra os recortes na Universidade

Manifestación contra os recortes na Universidade CC-BY A Trabe

Peche na Universidade contra os recortes. A Coordinadora en Defensa da Universidade Pública reiniciou este luns unha serie de accións de protesta e mobilizacións contra a redución no financiamento das universidades galegas e os recortes salariais dos traballadores dos centros. Coincidindo co debate no Parlamento da Lei de Orzamentos, PAS da USC concentráronse ás portas da Cámara á espera dunha protesta moito máis masiva de mañá martes e na que colectivos sociais de todo tipo protestarán contra os axustes nos fondos destinados a ensino, sanidade, benestar e outros servizos públicos.

Un grupo de PAS, PDI e estudantes comezou ás 11 da mañá deste luns  un peche de 24 horas na Facultade de Filosofía

Ao tempo, un grupo de PAS, PDI e estudantes comezou ás 11 da mañá deste luns  un peche de 24 horas na Facultade de Filosofía e no que Alba Nogueira, Antonio Pérez Casas, do colectivo de PAS A Trabe, Xoán Carmona, Manuel Outeiriño e Xavier Vence impartirán aulas abertas á toda a comunidae universitaria sobre a problemática de recortes pola que pasa a institución.

Un paro de catro horas apoiará as protestas convocadas para este martes ante o Parlamento e contra os recortes sobre os servizos públicos

Por outra banda, mañá martes 26 está convocado un paro de catro horas na Universidade de Santiago (entre as 13 e as 17 horas) para apoiar a manifestación que diante da Cámara pedirá que non se apliquen os recortes previstos sobre os servizos públicos. Estará acompañado pola celebración dun pique-nique con pan e auga “porque a pan e auga é como nos pretenden deixar”

As mobilizacións son apoiadas por Acción Universitaria, Liga Estudantil Galega e Comités; agrupacións sindicais APA (PAS funcionario da UDC) e TGU (PAS funcionario da USC), sindicatos con presenza nos órganos de representación de PDI e PAS nalgunha ou todas as universidades galegas: CIG, UGT, CUT e USO. Tamén o Comité Intercentros e a Xunta de Persoal Funcionario amosan o seu apoio ás protestas, así como numerosos grupos que se están a sumar nas últimas horas.

As mobilizacións chegan logo de meses nos que a Coordinadora en Defensa da Universidade Pública denuncia a perda de recursos, autonomía e capacidade das universidades galegas tras a redución en 20 millóns de euros que a Xunta impuxo no plano de financiamento ás universidades galegas e que suporá importantes recortes, tamén na masa salarial dos traballadores, unidos a constantes axustes como os dos fondos dedicados á investigación.

Tal e como lembra o blog Na Encrucillada, é "especialmente dramático" o recorte drástico en políticas de investigación, o que está provocando a emigración forzosa de moitos investigadores, "perdendo a nosa sociedade parte do mecanismo para saír da crise a través dun cambio de modelo produtivo". Así, destacan a evolución dos recursos obtidos pola USC a través de proxectos de investigación científica mediante convocatorias da Xunta de Galicia nos últimos anos, ao pasar dos 13 millóns de euros no 2009 a 2,5 millóns no 2012, unha tendencia idéntica ás dos contratos ou convenios. "Se atendemos ao financiamento denominado estrutural das universidades (ao marxe de obxectivos) voltamos a ter retrocesos xigantescos", di.

Pero hai moitas máis queixas. "Estamos vendo xa como hai xente que renuncia á matrícula cando chegan ao segundo ou terceiro prazo de pagamento porque non poden asumir o custo. Temos un índice de renuncias un 40% superior ao do ano anterior", chegou a asegurar o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, nunha entrevista con Praza Pública. Exemplificaba así os efectos que está a ter na institución académica a combinación da crise económica coas reducións de bolsas e as subas das taxas de matrícula. No entanto, para a Xunta o panorama é totalmente oposto. Segundo o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, o que di o reitor coruñés simplemente "non é certo" e non lle pasa a "ninguén".

Cartel que anuncia o peche na Facultade de Filosofía CC-BY A Trabe
Recursos obtidos pola USC mediante financiamento de proxectos de investigación concedidos pola Xunta (2007-2012) © Na Encrucillada

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.