Profesores interinos defenden os seus dereitos laborais ante a Xunta

Manifestación de interinos e substitutos en San Caetano Dominio Público @montiagudo

Uns 200 profesores interinos e substitutos concentráronse no mediodía deste luns diante da Consellería de Educación, en Santiago, para protestar contra os recortes sufridos polo seu colectivo e para reivindicar os seus dereitos laborais ante o inicio dun curso caracterizado polos numerosos axustes e a destrución de emprego entre os docentes.

Convocados por CIG-Ensino, e baixo o lema Non á destrución do emprego no ensino, os profesores interinos e substitutos denunciaron a masiva eliminación de postos de traballo no ensino público, ademais de reivindicar "retribucións xustas" para este grupo de docentes, os máis afectados polos recortes levados a cabo pola Xunta e que nos últimos tres anos provocaron a perda de 2.500 postos de traballo. Segundo denuncian os sindicatos, neste curso, que dará inicio o vindeiro mércores, haberá 1.000 ensinantes menos no país.

A redución de prazas "é froito de medidas como a amortización de xubilacións, incremento do horario lectivo do profesorado ou aumento da ratio de alumnado por aula"

“Non aos despidos en educación” e “na nosa man está que non volvan recortar” foron algunhas das consignas que se escoitaron na concentración. Segunda a CIG, a redución de prazas "é froito de medidas como a amortización de xubilacións, incremento do horario lectivo do profesorado ou aumento da ratio de alumnado por aula", o que afecta ao profesorado interino e substituto pero tamén ao persoal funcionario xa que neste momento" incluso 161 docentes con praza non teñen destino adxudicado".  Ademais, denuncian, incrementouse o persoal desprazado nun 25%, e xa son 400 aproximadamente.

Na concentración, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, asegurou que o obxectivo "é o de amosar o rexeitamento absoluto á política de recortes do PP que en lugar de crear emprego, en tres anos destruíu ao redor de 2.500 postos de traballo nos diferentes niveis educativos". "Á destrución de emprego súmase á perda de dereitos que afecta de xeito especial ao profesorado que fai substitucións, ao que se lle reduciu o salario correspondente aos meses de verán", engadiu.

Louzao lamentou tamén que nunha situación de crise como a actual, "en lugar de reforzarse o ensino como servizo público universal,  se reduza a súa calidade porque non se cobren as baixas, o alumnado non vai estar ben atendido en determinadas franxas horarias por falta de docentes, masifícanse as aulas e auméntase a carga lectiva do profesorado, que ademais vai ter que  impartir materias das que non é especialista".

Para finalizar a CIG lembra que os recortes no ensino público veñen acompañados por unha política de “man tendida” ao ensino privado concertado, ao que a actual Consellaría Educación "destinou 1.000 millóns de euros nesta lexislatura con subvencións tamén a centros que segregan alumnado por sexo".

Manifestación de interinos e substitutos en San Caetano Dominio Público @montiagudo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.