Propiedade intelectual: Preguntas frecuentes sobre a Lei Lasalle

O secretario de Estado de Cultura, José María Lasalle © El Diario

O avogado David Bravo explica a proposta do Goberno que penaliza a copia privada e que podería permitir a persecución das páxinas de enlaces.

Por que se chama Lei Lasalle? É que xa é unha lei en vigor? Marcho do país agora mesmo.

Non, non está en vigor. Chamámoslle así para abreviar e en honra ao seu máximo impulsor (José María Lassalle, secretario de Estado de Cultura), como sucedeu coa Lei Sinde, á que se chamaba deste xeito mesmo cando só era unha proposta.

Antes de preguntarche como deixa a Lei Lasalle a copia privada e que pasa coas descargas de internet, quero preguntarche como está a copia privada a día de hoxe para poder valorar a diferenza.

A copia privada quedou en pouco menos que nada coa reforma que se fixo en xullo de 2006, na que se incluíu o requisito de que a copia é privada, e por tanto legal, só se se fai a partir de obras ás que se accedeu legalmente. Aínda que parece claro que isto se incluíu para deixar fóra ás descargas de internet, o certo é que o concepto "acceso legal" non se define na lei e dá opción ao debate xurídico. Este concepto impreciso está presente tamén noutras lexislacións como as de Alemaña e Austria, onde tamén xerou debates interpretativos, uns dándolle o significado máis xeneroso posible de cara ao que fai a copia e outros ao contrario.

E como quedaría a copia privada coa Lei Lasalle?

O que fai a Lei Lasalle é rematar con ese debate en España decantándoo á opción máis favorable á industria dos contidos. A Lei define agora expresamente o que é "acceso legal" e restrínxeo ás copias que se fagan dun soporte orixinal -polo que a obra debe estar adherida a un soporte- e sempre que o adquiriras en propiedade por compralo, excluíndo así copias de obras orixinais pero alugadas e mesmo as que se fan dun orixinal que che presta un amigo. Ademais esíxese que esa copia do orixinal que compraches a fagas polos teus propios medios, se a fas "con asistencia de terceiros", será ilícita.

Só se permiten as copias que se fagan da tele ou a radio, sempre que sexa exclusivamente co propósito de ver ou oír a obra nun momento "máis oportuno"

E xa está? Non hai máis copias que sexan legais que as que as que fas do orixinal que compraches?

Só se permiten esas copias e as que se fagan da tele ou a radio, sempre que sexa exclusivamente co propósito de ver ou oír a obra nun momento "máis oportuno".

Como? Entón volvemos aos tempos de facer coleccións de pelis que gravamos da tele? Pero se iso deixouno de facer a familia Alcántara alá pola tempada 11.

Non, nin iso. Esta lei non permite esas coleccións máis propias dos tempos do vídeo Beta. Como digo, a lei aclara que é unha gravación que só se pode facer para gozar da obra nun momento que che sexa "máis oportuno", non para gardala de forma permanente. Para deixalo aínda máis claro, a lei matiza que se tratará dunha "reprodución temporal", é dicir que isto é para que vexas o programa ou a película nun intre que che veña mellor, non para que te fagas unha videoteca.

Que pasa coa Comisión Sinde nesta lei?

Refórzaa en todos os sentidos. Até hoxe non fixen máis que recibir notificacións da Comisión onde sacaban argumentos que eu non vía en lei ningunha. Pois ben, coa Lei Lasalle xa a teñen. A Comisión consegue que os seus argumentos se transcriban fielmente no texto da Lei e practicamente coas mesmas palabras que eles viñan utilizando. Isto tamén quere dicir que a Comisión, moi adiantada ao seu tempo, estaría apelando a leis futuras, coma nunha película de ciencia ficción.

Nin sequera se require lucro por parte da web, senón que abonda con que a súa actividade "sexa susceptible de causar un dano patrimonial"

Quere isto dicir que agora poderán ir contra as famosas webs de ligazóns?

Antes de pasar a iso déixeme aclarar este punto outra vez: a Comisión Sinde-Wert non só pode ir contra webs de ligazóns, pode ir contra calquera páxina "denunciada" e que ao seu xuízo vulnere dereitos de propiedade intelectual. O fincapé que se fixo sempre nas páxinas de ligazóns é porque a Comisión parece ser creada expresamente para acabar con elas saltándose aos xuíces. No entanto, aínda que sempre se poñan estas páxinas como exemplo, nada impide que o procedemento ante a Comisión Sinde-Wert se dirixa contra calquera outro tipo de web, como de feito xa está a suceder a día de hoxe. É máis, nin sequera se require lucro por parte da web, senón que abonda con que a súa actividade "sexa susceptible de causar un dano patrimonial".

Pero se eu lera nos xornais que esta lei só ía contra páxinas piratas desas que gañan millóns de euros. Cal é a fonte desas noticias?

Creo que é Times New Roman.

O 100% das webs que aloxan o contido enlazado desde este tipo de webs están fóra de España (rapidshare, letitbit, uploaded.to, etc.,) polo que en todos eses casos agora o procedemento se dirixiría directamente contra a web de ligazóns

Entendo. En calquera caso, como deixa a Lei Lasalle ás páxinas de ligazóns?

A Lei Lasalle di que o procedemento administrativo ante a Comisión Sinde se poderá seguir contra os que vulneren "directamente" dereitos de propiedade intelectual. É unha redacción moi pobre pero que parece querer dicir que se dirixirá contra aqueles que aloxan o contido, é dicir, os que realizan os actos de reprodución ou comunicación pública das obras. Con todo, subsidiariamente, e se esa obra está aloxada nunha web estranxeira "ou cando concorran outros motivos que impidan a eficaz salvagarda dos dereitos vulnerados" -clásica fórmula aberta na que xa cabe todo-, poderán dirixirse contra as páxinas de ligazóns. Esta é a típica opción subsidiaria que, paradoxalmente, non será a excepción á norma senón que será a regra xeral. Segundo a miña experiencia nos procedementos iniciados ante a Comisión Sinde, o 100% das webs que aloxan o contido enlazado desde este tipo de webs están fóra de España (rapidshare, letitbit, uploaded.to, etc.,) polo que en todos eses casos agora o procedemento se dirixiría directamente contra a web de ligazóns.

Entón coa Lei Lasalle poden pechar Google?

Non, a lei está feita a medida dos requirimentos da industria dos contidos, así que define con certa precisión a quen se refire cando fala de páxinas de ligazóns, evitando inquietar a xigantes como Google. A lei matiza que o procedemento se pode dirixir contra aqueles que teñan como actividade principal a de facilitar de maneira masiva a localización de obras, pero a condición de que esa actividade se realice de forma específica, activa e non neutral ofrecendo listados ordenados e clasificados de ligazóns a obras que indiciariamente se difunden sen autorización. Incluíndo -e isto é moi importante- os casos nos que as ligazóns son proporcionadas polos propios usuarios da web e non polo seu administrador.

A Comisión convértese de feito nunha especie de tribunal de excepción para os casos relacionados con propiedade intelectual e será quen impoña todas as accións coercitivas necesarias para que se cumpran as súas propias resolucións

Ademais de darlles argumentos para dirixirse contra páxinas de ligazóns, a Comisión obtén reforzos doutro tipo?

Si, a Comisión convértese de feito nunha especie de tribunal de excepción para os casos relacionados con propiedade intelectual e será quen impoña todas as accións coercitivas necesarias para que se cumpran as súas propias resolucións. A Comisión poderá adoptar medidas para que se interrompan aqueles servizos que considere infractores e para retirar contidos. Iso en realidade xa o tiñan coa Lei Sinde-Wert orixinal pero ademais agora poderán estender estas medidas de retirada ou interrupción, non só aos contidos obxecto do procedemento, senón en xeral a todas as obras que estean representadas pola empresa ou entidade de xestión que o iniciou. Desta maneira a web non podería limitarse a quitar os contidos que expresamente se lle indiquen nunha resolución senón que pode facerse unha solicitude xenérica de retirada de todo o catálogo da "denunciante" que, obviamente, irase actualizando e ampliando co tempo.

Desta maneira estaríase trasladando ás webs cuxos contidos son achegados polos seus propios usuarios a obriga de supervisalos e controlalos previamente para evitar que se suban contidos ou se escriban ligazóns que dirixan a obras do catálogo dunha entidade de xestión ou dunha empresa, algo que será imposible nos moi habituais casos nos que esas achegas se realizan de forma masiva e continuada. Esta obriga de supervisión é contraria ao artigo 15 da Directiva 2000/31/CE, que di expresamente respecto os servizos cuxos contidos son achegados polos seus propios usuarios que os Estados membros non poderán imporlles "unha obriga xeral de supervisar os datos que transmitan ou almacenen, nin unha obriga xeral de realizar procuras activas de feitos ou circunstancias que indiquen actividades ilícitas".

E as potestades sancionadoras son de índole económica ou só deste tipo que explicaches?

Tamén económicas. Para empezar, se non retiras voluntariamente os contidos ou as ligazóns, a Comisión poderá pedir á empresa de publicidade da web que deixe de darche ese servizo para asfixiarte economicamente. Se esa empresa non colabora, poderá imporlle unha multa de 150.001 a 600.000 euros. Ademais o incumprimento por dous ou máis veces de requirimentos de retirada de contidos por parte das webs contra as que se dirixe o procedemento levará unha multa de entre 30.000 a 300.000 euros.

A Comisión, para asegurarse de que se cumpra esta medida, poderá mesmo esixir o bloqueo da web ao provedor de acceso a internet ou esixir ao teu provedor de hosting que quite a túa web do mapa

E basta con retirar as ligazóns ou os contidos e xa te libras da multa?

Non é tan fácil. Se a Comisión considera -como até agora vén considerando sen ter esta lei- que tes unha obriga de supervisar os contidos achegados polos teus usuarios e que tes que retirar non só as obras que che especificaron senón todas as do catálogo dunha entidade de xestión ou dunha empresa, agora terían unha base legal para impor a multa mesmo se retiraches o contido pero despois un usuario a volveu subir (ou enlazar) ou mesmo se o contido que sobe ou enlaza o usuario é distinto pero pertence á mesma empresa ou entidade de xestión que iniciou o procedemento.

Ademais a Comisión poderá tamén obrigar á web que se considerou infractora a publicar a resolución que a sanciona e ao cesamento da actividade durante un ano. A Comisión, para asegurarse de que se cumpra esta medida, poderá mesmo esixir o bloqueo da web ao provedor de acceso a internet ou esixir ao teu provedor de hosting que quite a túa web do mapa, tamén baixo ameaza de multa de 150.001 a 600.000 euros se non colaboran.

Entón, ademais de fuga de cerebros e de Yola Berrocal, vai haber fuga de webmasters en España non?

Si, aínda que se se van fóra da Unión Europea e dirixen os seus servizos especificamente a territorio español, a Comisión poderá tamén pedir medidas para bloquear o acceso desde España a eses servizos durante un ano. Benvidos a China.

O secretario de Estado de Cultura, José María Lasalle © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.