"Que eliminen os concertos coa privada mentres non se arranxe a situación do ensino público"

Helena Gómez, presidenta da Confapa Galicia © Concello da Coruña

Helena Gómez, presidenta da Federación Provincial de Anpas da Coruña, é agora tamén presidenta da Confapa, confederación galega que agrupa as catro agrupacións provinciais. A nova directiva, elixida o pasado venres logo de presentarse como única candidatura, pretende facer forza a través da unión de todas as asociacións de pais galegas para loitar polo ensino público e pelexar contra os recortes que empobrecen a educación no país. Cunha liña nada continuísta e máis combativa que a anterior directiva, Gómez advirte xa de futuras mobilizacións e aposta por acabar cos concertos cos centros privados, polo menos ata que non se melloren as dotacións dos colexios públicos.

Cal é o obxectivo máis inmediato da nova Confapa?

O noso obxectivo principal e inmediato agora será envorcarnos na comunicación coas anpas. Moitas das asociacións non saben en realidade o que é a Confapa e se xa ven as federacións provinciais afastadas, a confederación galega pareceralles unha entelequia. Temos que achegarnos a todas anpas do país, en especial ás do rural, que son as máis illadas e as máis necesitadas.

É moi necesaria a Confapa nestes tempos de recortes e axustes no ensino?

Máis que nunca. A Confapa ten un recoñecemento moi grande a nivel de administración e unha relevancia e influxo que non é capaz de ter unha anpa illada por si soa. Cremos que a Confapa é a ferramenta máis axeitada para resolver os problemas e atrancos que teña a educación pública. Nós temos que ser a voz dos pais, nais e alumnos, pero tamén o foro onde recoller as súas propostas e as súas queixas. Esa é a nosa misión.

"Os pais están máis concienciados porque sofren nas súas carnes e nas dos fillos o que supoñen os recortes"

Debutan nun curso conflitivo, con recortes e reivindicacións constantes. Notaron xa as eivas nas escolas públicas?

Neste inicio de curso, en Primaria, xa puidemos comprobar que faltan especialistas en pedagoxía terapéutica e en mestres en audición e linguaxe, algo que a Xunta está a xustificar á súa maneira. O primeiro que fixemos xa desde a federación coruñesa foi mandar unha enquisa a todas as anpas para que cada  unha delas nos indique as carencias que existen en cada centro. Sabemos que hai eivas importantes e que o rural, especialmente, estaas a sufrir dun xeito máis duro. E aí onde nos teremos que esforzar máis porque moitos destes centros atópanse illados.

Nota os pais e nais máis concienciados polos problemas que traen os recortes no ensino?

Agora os pais están moito máis concienciados porque están comprobando nas súas carnes como lles afectan os recortes e os axustes marcados polas administracións. Desde que o transporte xa non pase pola parada habitual, ata que os fillos queden sen comedor no colexio ou que a masificación e aumento da ratio nas aulas evita que haxa unha atención especializada e personalizada aos nenos. Cando doe na propia casa e na propia familia, os pais mobilízanse, como está a ocorrer con moitas anpas do rural. Pero tamén colaboran e traballan xuntos. Desde a federación estamos a promover un banco de libros para que vaian pasando dunhas familias a outras, pero cando nos demos de conta, case non fixo falta nin organizar nada. Os pais xa se estaban prestando libros mutuamente sen necesidade de que o pedíramos nós antes. Esa é unha demostración de como están as cousas.

Dixera unha vez que agoras profesores e pais están máis unidos.

As familias estanse decatando do prexuízo que están a sufrir os profesores con todos estes recortes. Saben que moitas veces son os docentes os que axudan os seus fillos e os que, por exemplo, sacan horas que non lle corresponden para facer titorías, malia que o aumento de horas lectivas case non lles deixa tempo. Sempre houbo algo esa imaxe de que os profesores só miraban por eles ou que protestaban seguido, pero as familias están vendo agora cal é a situación real.

"Buscaremos o diálogo e o acordo coa Xunta, pero se non o hai, mobilizarémonos; é o noso deber"

Tamén advertira que se os recortes seguían atacando o ensino público, os pais mobilizaríanse.

Mantémonos no mesmo discurso. Primeiro buscaremos o diálogo coa Administración, pero se non o hai ou non hai acordo, mobilizarémonos. Ese é o noso deber: estar cos pais e cos alumnos e axudar e apoiar as familias, máis aínda cando ás anpas nos están a quitar cada vez máis atribucións. Faremos unha xuntanza as catro federacións provinciais e a partir de aí elaboraremos un manifesto sobre as necesidades e os problemas que están a sufrir os centros públicos. Aí veremos o que ocorre.

"Non pode haber un concerto máis mentres non se arranxe a situación da escola pública"

Que opinión lle merecen os concertos con centros privados mentres aumentan os recortes nos públicos?

Non pode haber un novo concerto máis mentres non se arranxe a situación da escola pública. Que se aumente a rede pública e as administracións invistan onde teñen que investir. Esa é unha idea clave do noso proxecto. A nosa posición é moi clara neste aspecto porque a defensa do ensino público é fundamental nos nosos principios.

Hai federacións de anpas que se manteñen á marxe da Confapa e das federacións provinciais, que farán para evitalo?

Non temos moitas noticias da federación que funciona en Vigo, nin doutras anpas que hai por aí soltas... O noso obxectivo é que se acaben integrando na Confapa e nas diferentes federacións provinciais e facerlles ver que a Confapa é a mellor ferramenta para defender os nosos dereitos e expresar as nosas reivindicacións.

Que lle ofrece esta nova directiva da Confapa aos pais?

O que queremos é promover a participación de pais, nais e alumnos a través das anpas, de todos os órganos de goberno nos centros públicos e nos consellos escolares. Que collan forza, que se dean de conta de que as federacións están para iso, para darlle ánimos e asesoramento. Confapa é o instrumento e a ferramenta que mellor pode apoiar e reivindicar as necesidades e queixas de pais, nais e alumnos.

"Manteremos colaboración coa Ceapa estatal; o problema é global porque as decisións veñen de onde veñen e Wert está en Madrid"

Como será a colaboración coa Ceapa estatal?

A nosa relación con Ceapa é boa. Confapa Galicia esta en comunicación e colaboración constante con todas as federacións autonómicas e contaremos cun delegado que participará nas xuntanzas da Ceapa para transmitir en Madrid os problemas da educación en Galicia. Debemos ter en conta que o ministro Wert está na capital de España e que os problemas que afronta o ensino público son problema de Estado. Non todo se resolve con protestas contra o Goberno de Feijóo, xa que hai moitas decisións políticas que veñen de onde veñen. 

 

Helena Gómez, presidenta da Confapa Galicia © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.