Representantes de alumnos no Consello de Estudantes boicotearán a reunión co Goberno

Reunión do Consello de Estudantes do Estado © CRUE

Na tarde deste martes está prevista a celebración dunha nova xuntanza do Consello de Estudantes do Estado (Ceune) en Madrid. E traerá polémica. Representantes estudantís dunhas 35 universidades manteñen desde esta mañá unha reunión na que buscan "unha posición común" para opoñerse ao funcionamento dun órgano creado hai máis de dous anos polo Goberno socialista e que consideran "ilexítimo e antidemocrático". Á espera dunha decisión final, os diversos sindicatos estudantís convocados á sesión preparan xa un boicot ante a "falta de diálogo e respecto" que din que amosa o Executivo e, en especial, o ministro Wert, que non ten pensado acudir ao cónclave.

Os sindicatos estudantís denuncian un organismo "ilexítimo e antidemocrático" que non é máis que "un lavado de cara" para o ministro Wert

Así o asegura Adrián Dios, representante da Universidade de Santiago de Compostela pola Liga Estudantil, que leva varios días en Madrid acordando unha posición conxunta xunto aos outros representantes das universidades galegas (outra da Liga e un máis dos Comités) e españolas. "O sentir maioritario é o de impedir que este pleno transcurra con normalidade porque é xa máis que evidente que o que quere transmitir o Goberno é a sensación de que hai un diálogo normal, cando aquí non hai nada diso, senón un lavado de cara", explica Dios, que lembra que os representantes galegos xa decidiran abandonar unha xuntanza anterior.

"As propostas seguen a ser as mesmas e non se dan posibilidades de negociación", denuncian

"Nada cambiou desde aquela e as propostas seguen a ser unilaterais e sen posibilidade de negociación; aquí o que hai é un conflito e o Executivo non quere ceder en nada, así que non temos nada que negociar", asegura o representante estudantil á espera da decisión final que se tome ante unha xuntanza que ten previsto comezar ás cinco da tarde.

Os sindicatos estudantís lembran que o Ceune, que en principio "parece unha decisión positiva para o proceso de democatización do sistema educativo", conta con numerosas eivas xa denunciadas: "o órgano tamén está composto por representantes de universidades privadas e membros postos a dedo polo Ministerio, outórgaselle representatividade só a organizacións estudantís con participación en diversas autonomías, o presidente é o propio ministro, o máis grave, non outorga a posibilidade da toma de decisións vinculantes no organismo".

Do mesmo xeito, recordan tamén que a convocatoria deste pleno realizouse, de novo, "fóra de prazo, xa que debería celebrarse cada tres meses, e non cada seis", máis aídna tendo en conta "a gravidade das medidas tomadas nos últimos tempos" e advirten de que na xuntanza "non se dará liberdade para falar", xa que os estudantes tan só dispoñen dun máximo de tres minutos para expoñer o seu posicionamento.

Así, os representantes do estudantado galego teñen previsto denunciar "a inutilidade e cortina de fume" que supón na actualidade un Ceune que consideran "ilexítimo e non democrático". Do mesmo xeito, amosarán a "total oposición á contrarreforma educativa" porque, segundo critican,  "potencia a segregación por sexos nos centros educativos, amplía a posibilidade da realización dos concertos, ataca os modelos de inmersión lingüística, fomenta a competencia entre os centros e mantén en todo momento unha visión mercantilista do estudantado como mercadoría, en lugar de analizar o sistema educativo como mecanismo que potencie o desenvolvemento da dociedade e ás persoas estudantes como cidadáns que están a ampliar o seu coñecemento".

 

Reunión do Consello de Estudantes do Estado © CRUE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.