"Se hai un recorte durante anos o que máis se resente é o capital humano"

Senén Barro CC-BY-NC-ND Casa de América

O libro +Universidad –Especulación poderia resumirse en "temos unha boa universidade pero necesitamos mellorala". Faise unha reivindicación da importancia capital da universidade pública como motor da sociedade do coñecemento e reclámase un fortalecemento do seu finanzamento e da súa autonomia e unha mellora da súa eficiencia. Senén Barro Ameneiro (As Pontes, 1962) é doutor en Física e Catedrático da área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial. Foi reitor da Universidade de Santiago no período 2002-2010. Dende 2008 é presidente da rede de universidades iberoamericanas RedEmprendia. Barro salienta que "debemos primar o emprendemento responsable e non a especulación para non seguir cometendo erros que inflan burbullas" e conclúe que "partimos da mellor universidade da nosa historia e das persoas mellor formadas. Só necesitamos transformar as ideas en medidas concretas e ben fundamentadas e levalas colectivamente á acción".

 

Cal debe ser a prioridade para mellorar o funcionamento da universidade?

Cando escribín o libro estaba pensando na universidade no seu contexto, porque a universidade non é un ente alleo á sociedade. E estaba pensando na universidade que necesitaremos en 15 ou 20 anos. O máis importante é o financiamento, sen dúbida, pero hai outras cuestións que hai que atender. Unha é a do goberno da universidade. Creo que o actual modelo foi o axeitado para ese momento no que había que recuperar a universidade saída do franquismo, que era unha universidade sen voz, sen investigación, sen medios e insuficiente e tivemos varias décadas cun desenvolvemento moi importante. Pero agora o goberno das universidades españolas é moi pouco áxil, e a universidade e a sociedade necesita respostas máis rápidas. Tamén me preocupa o modelo de formación das nosas universidades: apóstase por un modelo máis clásico, cognitivo, de acumulación de coñecemento. Cómpre afianzar o ensino práctico e o ensino para a acción, para emprender no máis amplo senso.

"Hai que apostar por grupos de investigación máis grandes porque con grupos pequenos non consegues resultados"

No libro aposta por levar ese "emprendemento" á investigación e propón igualmente que os grupos de investigación sexan máis grandes para deste xeito competir mellor cos de outras universidades e países. Como se pode mellorar a investigación?

Creo que hai que levar o emprendemento a todos os ámbitos da vida. Na universidade española faise boa investigación sobre todo en canto á cantidade de publicacións, onde España está entre os dez primeiros países. Pero hai que mellorar a calidade e o impacto desa investigación, neses indicadores estamos máis atrás. Hai que apostar por grupos máis grandes porque con grupos pequenos non consegues resultados. En segundo lugar, porque as achegas máis interesantes conséguense nos intersticios das disciplinas, hai que apostar por grupos de investigación interdisciplinares. E terceiro, porque España puntúa moi mal cando falamos da transferencia dos resultados da investigación ao sector produtivo.

"Se se cercena ese capital humano no que se investiu tanto tempo e tantos esforzos, non estamos perdendo só os dous ou tres anos que duren os recortes, perdemos dez anos"

Cos recortes que está habendo estamos perdendo toda unha xeración de investigadores? 

Hai un aspecto que evidencia isto: se hai un recorte durante anos, o que máis se resente é o capital humano: os investigadores en formación ou xa formados pero aínda nas etapas iniciais da súa formación científica. Se se cercena ese capital humano no que se investiu tanto tempo e tantos esforzos, non estamos perdendo só os dous ou tres anos que duren os recortes, perdemos dez anos. Unha cousa é que pasemos dous ou tres anos sen unha infraestrutura que sempre é incorporable despois. Pero o capital humano deixa de prover o tecido produtivo de riqueza e valor engadido.

Dá a impresión ademais de que os recortes se fan sen un plan, se forma improvisada ou chapuceira... Por exemplo cando parece que parte da redución salarial se vai facer nos complementos produtivos, penalizando aqueles docentes con maior produción cientifica.

Non dubido de que hai que recortar en certos aspectos pouco produtivos, pero seguramente hai que facer políticas contraciclicas noutros aspectos. E neste caso a mensaxe que se parece querer transmitir é clara: aqueles que máis traballan ou que máis renden son os que máis van sufrir os recortes. Se hai poucos recursos hai que poñelos onde máis rendemento dan.

"Non dubido de que hai que recortar en certos aspectos pouco produtivos, pero seguramente hai que facer políticas contraciclicas noutros aspectos"

No libro tamén reivindica a importancia da autonomía universitaria, que agora parece estar cuestión polo control que a Xunta exerce sobre as convocatorias de prazas...

A autonomía afecta a esa capacidade de contratación do máis valioso que ten a universidade que son os recursos humanos. Pero tamén se refire á capacidade de goberno ante os posibles secuestros da institución por parte de intereses corporativos. A autonomía refírese non só ás administracións, senón tamén aos poderes económicos.

"Se a universidade traballase para as empresas e se só fixese investigación ao servizo das empresas, iso seria pan para hoxe e fame para mañá"

Que papel debe cumprir a empresa privada na súa relación coas universidades?

O modelo de universidade emprendedora que eu defendo non é o modelo de universidade empresarializada. Non significa vonverter as universidades en servidoras dos intereses da empresa. Eu falo de universidades líderes na sociedade do coñecemento. Non quero que haxa penetración das empresas, eu quero que haxa cooperación estreita. Cando haxa unha sociedade sen empresas podemos falar doutros modelo, pero de momento ten que existir esa relación. Se a universidade traballase para as empresas e se só fixese investigación ao servizo das empresas, iso seria pan para hoxe e fame para mañá.

Senén Barro CC-BY-NC-ND Casa de América
Capa do libro © Netbiblo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.