Sete de cada dez galegos e galegas usan Internet, pero mantense a fenda coa media estatal

Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

O Instituto Nacional de Estadística (INE) publicou este xoves a súa Enquisa sobre Equipamento e Uso de Tecnoloxías de Información e Comunicación nos Fogares, corresondente ao 2014, que cada ano analiza distintos indicadores de acceso e uso da teconoloxía e de Internet.

Segundo os seus datos, sete de cada dez galegos e galegas (69,3%) é usuaria de Internet, é dicir, usouno nalgún momento nos últimos tres meses. Esta porcentaxe crece catro puntos dende o 2013 (65,6%) e vinte dende o 2009 (49,3%). Segue existindo unha fenda con respecto aos datos do conxunto de España (76,2%), pero esta diferenza, de sete puntos, vaise reducindo. Iso si, moi de vagar, pois hai cinco anos a fenda era de dez puntos. A gran maioría dos internautas galegos (un 78,9%) navega a diario (ou cando menos cinco días á semana), moi por riba dos que afirmaban facelo hai cinco anos (o 61%).

  06 07 08 09 10 11 12 13 14
España 47,3 51,5 55,9 59 63,5 66,5 69,5 71,6 76,2
Galicia 42,1 42,5 46,5 49,3 52,5 58 63,5 65,6 69,3

% de persoas que usaron Internet nos últimos tres meses

Os galegos e galegas utilizan Internet, sobre todo, para buscar información (89,3%), recibir ou enviar correos electrónicos (84,3%) e ler noticias e medios de comunicación (87,3%). A consulta de xornais dixitais é un dos usos nos que os e as galegas superan a media española, como tamén o fan no uso da banca electrónica, na fixación de citas co médico ou na descarga de películas ou música. Pola contra, Galicia está por debaixo da media do Estado na realización de videochamadas ou na escoita de radio online.

A fenda de uso de Internet con respecto á media española vaise reducindo moi de vagar, pois hai cinco anos a fenda era de dez puntos

Sete de cada dez vivendas galegas dispoñen de acceso a Internet (69,6%) e practicamente todas teñen conexión de banda larga (69,1% sobre o total). Segue habendo unha pequena fenda coa media estatal (74,4%) pero esta xa se reduce a menos de cinco puntos. Botando a vista atrás, aos datos de hai cinco anos, observamos que en 2009 só o 41,8% das vivendas galegas tiñan acceso a Internet (e só o 37,8% de banda larga), cunha diferenza de once puntos con respecto á media estatal (52,9%). Entre as vivendas que teñen conexión, o 26,8% realízase por cable ou fibra óptica (por riba da media estatal: 20,9%), aínda que a forma de conexión máis habitual segue sendo por ADSL (58,1%)

O acceso a Internet nas vivendas realízase principalmente dende ordenadores portátiles ou tabletas (72,9%), por riba dos equipos de sobremesa (53,3%) e outros dispositivos, como televisións con acceso a Internet (15,6%) ou videoconsolas (17%). No 16,5% das vivendas galegas hai algún e-reader, por debaixo da media española (20%) e moi por debaixo dos datos de comunidades autónomas como Madrid (33%) ou Euskadi (27,5%).

Un de cada catro galegos e galegas (25,9%) mercou a través de Internet nalgún momento nos últimos tres meses

Un de cada catro galegos e galegas (25,9%) mercou a través de Internet nalgún momento nos últimos tres meses. Isto supón un crecemento de catro puntos con respecto ao pasado ano (21,3%) e o dato duplica ao que se rexistraba en 2009 (13,7%). Ademais, deixa Galicia moi cerca da media estatal (27,5%). Os produtos e servizos adquiridos máis habitualmente a través da rede polos e polas internautas galegas son reservas de hoteis (57,8%), roupa (56,6%) e billetes de transporte (47,9%).

 

Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2014, que serán entregados no transcurso da XIX Gala das Telecomunicacións de Galicia, que se celebrará o vindeiro 24 de outubro, as 20 horas, no Gran Hotel da Toxa.

  • O premio Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC foi para Torus Software Solutions, polo seu alto grao de innovación, a creación de emprego, a súa tecnoloxía e a súa aplicación a mercados amplos.
  • O premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 recaeu en Francisco Alberto Varela García, por Análise xeoespacial para a caracterización funcional das infraestruturas viarias en modelos de accesibilidade territorial utilizando sistemas de información xeográfica.
  • O premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador de 2014 foille concedido a UTE Everis-Coremain polo seu proxecto InnovaSIS, Sistema integral de xestión de pacientes.
  • O premio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais recaeu en InfoJC S.L., polo proxecto Dixesta: Tecnoloxías innovadoras para a vida saudable. O galardón recoñece unha proposta transversal e colaborativa, que mellora a calidade de vida, diminuíndo a fenda dixital, e orientada ás necesidades do cliente.
  • O premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións concedéuselle a compañía R, polo seu esforzo e dedicación en pechar a fenda dixital en Galicia.
  • O premio Socio de Honra 2014, da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia foi para a Cruz Vermella de Galicia
  • O premio Enxeñeiro do Ano 2014 recaeu en Gil Carlos Bernárdez Matovelle, pola súa carreira profesional como enxeñeiro de telecomunicacións
Dous nenos ante un ordenador © Consellería de Educación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.