Tres de cada catro persoas de menos de 60 anos en Galicia teñen perfil nalgunha rede social

CC-BY-SA John Schnobrich / Unsplash

As "novas tecnoloxías" xa non son tan novas e o uso de Internet é un elemento cotián para a maior parte da poboación dende hai tempo. Na súa Enquisa de Características Esenciais da Poboación, que complementa o Censo de 2021, o Instituso Nacional de Estadística preguntou sobre o uso que a poboación lle dá ás "novas tecnoloxías", especialmente á frecuencia coa que accede a Internet ou compra e vende a través da rede.

Por debaixo dos 40 anos apenas hai diferenzas entre os datos galegos e os do conxunto do Estado, cun 98,6% de menores de 30 anos e un 95,8% entre 30 e 39 anos con acceso habitual á rede, cifras equivalentes á media

Os datos amosan unha mocidade (en realidade ata os 50 anos) unanimemente conectada e un progresivo descenso na porcentaxe de usuarios partir desa idade. En Galicia, por exemplo, o 70% da poboación acceden "habitualmente" a Internet, nove puntos por debaixo da media española.

Porén, cómpre destacan que por debaixo dos 40 anos apenas hai diferenzas entre os datos galegos e os do conxunto do Estado, cun 98,6% de menores de 30 anos e un 95,8% entre 30 e 39 anos con acceso habitual á rede, cifras equivalentes á media. No grupo de idade seguinte, de 40 a 49 anos, conéctase o 90% dos galegos e a porcentaxe segue a ser moi elevada entre os 50 e os 59 anos (79%). 

Entre os 60 e 69 anos a cifra cae ata o 57% e é aquí onde se producen as maiores diferenzas coa media española de usuarios (68%). Por riba de 70 anos só acceden a Internet en Galicia o 20%.

A enquisa tamén reflicte que hai un maior uso de Internet no homes (72%) que nas mulleres (68%). Porén, compre salientar que as diferenzas só se producen por riba dos 50 anos, xa que nas xeracións máis novas homes e mulleres acceden á rede por igual.

O INE pregunta tamén polo uso das redes sociais, sinalando que o 56% dos galegos e galegas contan con perfil e conta nalgunha destas redes, nove puntos por debaixo da media española.

O 56% dos galegos e galegas contan con perfil nalgunha rede social. A porcentaxe supera o 94% por debaixo dos 30 anos

De novo, as diferenzas prodúcense por riba dos 50 anos, pois entre as xeracións máis novas os datos galegos e españois son equivalentes, cun 94% de mozos e mozas de 30 anos con conta nalgúnha rede socials e un 88% das persoas entre 30 e 39 anos. En conxunto o 76% dos galegos e galegas de menos de 60 anos, tres de cada catro, teñen algún perfil nas redes sociais. 

Mesmo entre os 60 e 69 anos, máis do 35% dos galegos e galegas usan as redes sociais, lonxe iso si dos datos medios do Estado español (46%)

Neste caso, homes e mulleres participan nas redes sociais por igual. De feito, unha porcentaxe lixeiramente maior de mulleres (56,4% fronte a 55,7%) conta con perfil nalgunha delas.

Máis do 60% dos galegos e galegas entre 16 e 50 anos mercaron algo por Internet no último mes

Por último, o uso de Internet para a compra de produtos e servizos (e tamén para a súa venda esporádica a cargo de persoas que non se dedican a esa actividade) popularizouse nos útlimos anos ata facer que máis do 60% dos galegos e galegas entre 16 e 50 anos mercaran algo por Internet no último mes. O dato é aínda maior nas mulleres, que sobre todo entre as xeracións máis novas empregan máis que os homes a rede para acceder a produtos e servizos.

Neste caso, a fenda xeracional semella estar nos 50 anos. Entre os 50 e 59 anos a porcentaxe de persoas que mercan habitualmente a través da rede fica no 30% e no grupo de idade seguinte -de 60 a 69 anos- cae por debaixo do 20%,

O 12% dos galegos menores de 30 anos vendeu algún produto a través da rede no último mes e a porcentaxe chega ao 13% entre as persoas de 30 a 39 anos

Moita menos xente vende a través de Internet, pero as cifras están a medrar con rapidez, pois o 12% dos galegos menores de 30 anos vendeu algún produto a través da rede no último mes e a porcentaxe chega ao 13% entre as persoas de 30 a 39 anos. Entre os 40 e 49 anos a porcentaxe é do 9%, con valores que a partir dos 50 anos caen ata cifras moito máis reducidas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.