Turquía censura a rede en plena vaga de manifestacións

Actuación da policía turca © El Diario

Parece que o goberno turco non marcou límites para atallar as manifestacións que desde o pasado sábado ocupan as rúas de Ankara e Istambul. As acusacións de excesos policiais están chegando ao primeiro plano informativo. Amnistía Internacional fala xa de cando menos dous mortos este domingo e máis dun milleiro de detidos. O bloqueo das redes é outro dos pasos paradigmáticos polo que todo réxime acosado socialmente parece pasar de forma ineludible. Neste aspecto, a democracia laica turca en mans dun partido islamita non é excepcional.

O detonante do conflito foi a pretensión do goberno turco de Recep Tayyip Erdogan, de ordenar a construción dun centro comercial nun parque céntrico, un dos poucos espazos verdes do centro de Istambul. O transfondo do asunto ten un calado máis profundo e pasa polo xiro extremista dun goberno cuxa deriva relixiosa e conservadora é cada vez máis evidente.

A visión do gabinete de Erdogan respecto das redes sociais e internet en xeral non deixou de expresarse con intentos de represión. Casos coma o do pianista condenado por “denigrar” a relixión en Twitter é unha mostra diso. De feito Turquía é agora mesmo una das nacións democráticas con maior número de xornalistas encarcerados.


Censura e Hactivismo

Erdogan criticou as redes sociais como “a peor ameaza para a sociedade” e dicía que “agora hai unha ameaza que se chama Twitter"

Nunha oportuna entrevista este domingo na televisión turca Haberturk o primeiro ministro Erdogan criticaba as redes sociais como “a peor ameaza para a sociedade” e dicía que “agora hai unha ameaza que se chama Twitter". Informacións aínda por contrastar apuntan a un bloqueo efectivo ás redes de datos para evitar a difusión de contidos acerca das manifestacións. Parece que tampouco quixeron desaproveitar a ocasión para atacar varias sedes do Partido Comunista de Turquía, un dos máis críticos co goberno. Contas de Twitter como @YourAnonNews están a difundir informacións acerca destes ataques e imaxes que manifestantes toman in situ.

Human Rights Watch levaba meses acusando o goberno turco de bloqueos constantes a certos portais e páxina web da man da Oficina de Telecomunicacións turca. OpenNet estimou en 22.536 o número de páxinas bloqueadas actualmente pola devandita oficina o longo de 2012.

As operacións de grupos de Anonymous e medios de activistas na rede non se fixeron esperar e xa se están ofrecendo conexións-pasarela (VPN), para poder manter os servizos de internet

As operacións de grupos de Anonymous e medios de activistas na rede non se fixeron esperar e xa se están ofrecendo conexións-pasarela (VPN), para poder manter os servizos de internet e continuar informando en directo desde as manifestacións. Por outra banda, lanzouse a chamada #opTurkey, que pretende acosar desde a rede o goberno turco para que desista na censura e persecución de xornalistas, blogueiros e informantes en xeral. Diversas páxinas de estamentos oficiais e do partido no poder, AKP, foron atacadas e os seus servizos suspendidos de feito.

Actuación da policía turca © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.