Un cambio de criterio na USC obriga centos de persoas a depositar as súas teses en cinco meses

Reitorado da USC © USC

Dende hai un tempo sábese que aquelas persoas que están realizando a súa tese de doutoramento en planos anteriores ao Real Decreto 99/2011 se verán obrigadas a presentala nun prazo determinado, antes de que eses planos se extingan definitivamente. A maioría das universidades, tamén a de Santiago (Instrución 2/2013 da USC), especificaron o 11 de febreiro de 2016 como data límite para efectuar o depósito da tese, incorporando mesmo a posibilidade de permitirlles unha prórroga aos matriculados por primeira vez no curso 2012/2013. De feito, isto está provocando nos últimos meses un grande incremento no número de teses presentadas nas universidades españolas.

Porén, unha resolución do Reitorado da USC, con data do 28 de abril, modifica radicalmente eses prazos, cos que doutorandos, directores e departamentos levaban anos realizando as súas programacións, obrigando a realizar o depósito das teses antes do 30 de setembro de 2015, apenas cinco meses de prazo.

A USC obriga a realizar o depósito das teses antes do 30 de setembro de 2015, apenas cinco meses de prazo

Esta modificación unilateral das condicións inicialmente fixadas ten provocado unha gran preocupación entre as persoas afectadas, que xa comezaron a organizarse. A coordinadora de afectados/as pola Resolución Reitoral, Doutorandos Enfurecidos, celebrou este martes unha asemblea, na que lles esixiron explicacións ás autoridades da USC e unha rectificación nos prazos fixados. Tamén Precarios Galicia convocou unha asemblea para este xoves, na Facultade de Bioloxía. O venres 22 terá lugar unha reunión da Comisión de doutoramento na que presumiblemente se tratará este tema.

De non depositar a tese no prazo fixado, veranse obrigadas a matricularse nos novos plans, que nalgúns casos contan con máis demanda que prazas dispoñibles, o que podería adiar durante un ano ou dous a presentación dos seus traballos

O problema está en que se estas persoas que están realizando as súas teses ao abeiro de plans antigos non completan o proceso nos vindeiros meses, veranse obrigadas a matricularse nos novos plans de doutoramento, que nalgúns casos contan con máis demanda que prazas dispoñibles, creándose unha lista de espera que podería adiar durante un ano ou dous a presentación dos seus traballos. Entre os criterios que se valoran para poder entrar no novo programa de doutoramento están o expediente académico e as publicacións realizadas sobre a investigación en curso.

Outra das consecuencias sería que os e as investigadoras vencellados á USC -mentres non se matriculasen nos novos programas- quedarían nun limbo legal e sen garantía no que se refire ás súas bolsas de investigación e contratos, cun graves prexuízo para eles e elas e para o propio funcionamento da universidade, pois moitos institutos e departamentos da USC verían gravemente afectadas as súas tarefas de investigación e docencia. De igual xeito, a prórroga de bolsas concedidas en función de mencións de excelencia de determinados programas quedarían tamén cuestionadas ao cambiar de plan.

Lembran que outras universidades de toda España, comezando pola da Coruña, "establecen datas límite máis razoables" e tamén a posibilidade de certas prórrogas

A coordinadora de afectados e afectadas, que agrupa a máis dun cento de persoas, critica que a USC nin lles comunicou unha resolución cunhas consecuencias tan importantes para o seu traballo, e lembran que outras universidades de toda España, comezando pola da Coruña, "establecen datas límite máis razoables" e tamén a posibilidade de certas prórrogas. De feito, os plans afectados non se extinguirán ata o 30 de setembro de 2017.

Denuncian que a situación creada obriga a un estado tal de "precipitación" que "prexudica gravemente a calidade da investigación na USC" e sinalan que "a seriedade na investigación non só pasa por ofrecer unha marxe aceptable aos doutorandos, senón tamén polo feito de que un titor ou titora cun ou varios doutorandos nesta situación necesitan dunha corrección pausada" e denuncian que "o mesmo goberno da USC que se autoproclama como referente de calidade e excelencia dispón una medida que soamente trae consigo precariedade e fuga de talento".

Reitorado da USC © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.