Un equipo codirixido dende a UVigo identifica en Etiopía os restos máis antigos de Homo erectus e adianta a aparición da especie

Fragmento mandibular de 'Garba', o exemplar máis antigo da especie 'Homo erectus' © UVigo

Unha investigación liderada por Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Margherita Mussi (Universidade La Sapienza de Roma) e publicada na revista Science sitúa por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai 2 millóns de anos

Ata agora pensábase que o Homo erectus, considerado como a primeira forma de homínido de trazos plenamente ‘humanos’, aparecera hai 2,06 millóns de anos. Porén, unha investigación dun equipo internacional multidisciplinar liderado por Eduardo Méndez Quintas (Universidade de Vigo) e Margherita Mussi (Universidade La Sapienza de Roma) vén de mudar por completo o que coñecíamos sobre esta especie. 

A investigación, que foi publicada este xoves na revista Science no artigo Early Homo erectus lived at high altitudes and produced both Oldowan and Acheulean tools, presenta os restos máis antigos coñecidos ata o momento da especie Homo erectus: o fragmento mandibular dun individuo infantil, ao que denominan Garba. Os restos foron atopados anos atrás no xacemento de Melka Kunture (Etiopía) pero ata agora non foran identificaron como da especie Homo erectus. A súa datación adianta a aparición do Homo erectus e da tecnoloxía achelense a hai dous millóns de anos. 

Reconstrución ilustrada de 'Garba' co detalle da posición do fragmento mandibular e o detalle dos dentes analizados. Ilustración de Diego Rodríguez-Robredo © UVigo

“Estes resultados supoñen un envorco no panorama da evolución humana a nivel mundial, xa que se adianta a aparición do Homo erectus, considerado como a primeira forma de homínido de trazos plenamente humanos", destaca o investigador da UVigo

Eduardo Méndez, membro do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio e profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense, destaca que “estes resultados supoñen un envorco no panorama da evolución humana a nivel mundial, xa que se adianta a aparición do Homo erectus, considerado como a primeira forma de homínido de trazos plenamente humanos".

O fragmento mandibular de Garba corresponde a un individuo infantil de 2-3 anos de idade ao que o equipo investigador, a falta de datos para coñecer o seu sexo, prefire referirse como nena. “O fragmento mandibular de Garba conserva no exterior dous dentes de leite, pero estes, ao non ser definitivos, son pouco representativos para a identificación a nivel de especie. Os dentes definitivos e, por tanto máis significativos, estaban no interior do óso”, explica Eduardo Méndez.

Entre os diferentes tipos de homínidos localizados no continente africano, este Homo erectus, que se desenvolveu "no frío altiplano etíope e non no cálido val do Rift", foi o que logo deu o salto a fóra de África pois estaba xa adaptado ás condicións climáticas frías dos novos territorios

Méndez salienta, así mesmo, que a investigación permite realizar a hipótese de que entre os diferentes tipos de homínidos localizados no continente africano, este Homo erectus, que se desenvolveu "no frío altiplano etíope e non no cálido val do Rift", foi o que logo deu o salto a fóra de África pois estaba xa adaptado ás condicións climáticas frías dos novos territorios.

O Homo erectus é a primeira forma de homínido coñecida de trazos plenamente humanos. “A aparición na escena evolutiva deste taxon supuxo unha aceleración substancial no proceso de difusión das poboacións humanas dentro e fóra de África e, por tanto, é a primeira especie humana que sae do continente africano, hai algo máis de 1,8 millóns de anos”, sinala Méndez. A data e a zona de África na que se desenvolve inicialmente estaba en discusión pois estimábase que a súa aparición inicial roldaría os 1,9-1,8 millóns de anos, pero non estaba definitivamente establecida. 

Paisaxe actual de Melka Kunture © Uvigo

O fragmento mandibular de Garba corresponde a un individuo infantil de 2-3 anos de idade ao que o equipo investigador, a falta de datos para coñecer o seu sexo, prefire referirse como nena

As condicións físicas máis desenvolvidas dos Homo erectus (en comparación a outros exemplares iniciais do xénero Homo, como os Homo habilis) permítelles, segundo detalla o investigador, implementar novas e máis sofisticadas solucións tecnolóxicas, entre as que destacan a invención da tecnoloxía achelense e a capacidade para utilizar o lume.

Esta tecnoloxía achelense, comenta Eduardo Méndez, “é o nome que atribuímos ás ferramentas de pedra que empezaron a utilizar os Homo erectus africanos e que acabaría expandindose a case todo o mundo. Caracterízase pola fabricación de grandes lascas, a partir das cales se tallaban ferramentas máis complexas, como os bifaces (pezas traballadas bifacialmente e con forma de améndoa)”

Os datos recollidos no artigo publicado en Science, sinala o equipo investigador, “fan reformularnos algunhas ideas preestablecidas sobre a aparición do xénero Homo a escala africana”

“Os novos datos obtidos no xacemento de Garba IV mostran que os primeiros Homo erectus utilizan unha tecnoloxía máis elemental (núcleos e lascas), que denominamos Olduvayense. Agora ben, ‘inmediatamente’ cara os 1,95 millóns de anos empezan a fabricar a nova tecnoloxía achelense. Isto supón un adianto de case 300.000 anos na aparición desta tecnoloxía a escala mundial e nun ámbito xeográfico inesperado”, subliña Méndez.

Os datos recollidos no artigo publicado en Science, sinala o equipo investigador, “fan reformularnos algunhas ideas preestablecidas sobre a aparición do xénero Homo a escala africana”. A primeira e fundamental, apunta Eduardo Méndez, é que “a aparición do taxón de Homo erectus non está relacionada cos ecosistemas cálidos e abertos da sabana, senón que ten a súa orixe nunha contorna tépeda e nun ecosistema máis diversificado, como o que observamos no altiplano etíope. Por tanto, sería desde aquí que esta especie irradiaría ao resto do continente”.

O arqueólogo da UVigo Eduardo Méndez © UVigo

Melka Kunture atópase ás beiras do río Awash, a dous mil metros sobre o nivel do mar. A investigación deste xacemento lévase realizando desde 1963

Melka Kunture atópase ás beiras do río Awash, entre os 2000-2200 metros sobre o nivel do mar. Segundo explican os autores da investigación, a súa secuencia sedimentaria recoñecida abrangue uns dous millóns de anos e conserva xacementos arqueolóxicos característicos dos tecnocomplexos Olduvaiense, Achelense e Middle Stone Age. Esta circunstancia converte este enclave nunha das principais secuencias do continente africano para entender a evolución cultural dos últimos dous millóns de anos. A investigación deste xacemento lévase realizando desde 1963 e actualmente desenvólvese baixo a Italo-Spanish Archaeological Mission at Melka Kunture and Balchit.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.