O grupo Hi20 da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, encabezado polos profesores Luis Casáis, Eduardo Domínguez e Carlos Lago, investiga distintos aspectos relacionados co rendemento físico dos deportistas. Procuran analizar co rigor e métodos científicos o que até agora se veu deixando ao hábito ou á intuición. Os investigadores sinalan que o cansazo non vén definido unicamente por cuestións fisiolóxicas senón por outro tipo de variables estratéxicas que inflúen no número de metros recorridos polo futbolista no partido disputado.
FC Barcelona ou o os franceses Olympique de Lyon e Lille cedéronlle ao grupo os seus datos estatísticos “para buscar unha xustificación aos resultados e devolverlle un coñecemento aplicado”. Cada vez máis os técnicos procuran que as súas decisións estean avaladas pola ciencia.
Os investigadores sinalan que o cansazo dun futbolista para enfrontar o seguinte partido vén determinado por tres variables que definiron como situacionais. En primeiro termo destaca a localización do partido “xa que cando un equipo xoga como visitante percorre menos metros que cando o fai como local”, apunta Lago. En segundo lugar, o marcador, que inflúe no nivel de entrega do xogador de tal xeito que, se un equipo vai gañando o futbolista fará menos metros a alta intensidade producíndose o fenómeno contrario se vai perdendo. A terceira variable é o nivel do opoñente, “o que quere dicir que canto peor resulta o rival, menos metros a alta intensidade se precisan correr”.
O grupo tamén desenvolveu unha serie de recursos de software para a xestión deportiva e a análise do rendemento individual, como Grafut, Graphys ou Prilesion, que axuda no control e seguemento de lesións deportivas.
Dende hai anos o grupo Hi20 desenvolve unha rede de investigación internacional na que colaboran estreitamente os corpos técnicos de equipos de fútbol de alto nivel das ligas francesa, española, inglesa ou rusa, coma o preparador físico do Olympique de Lyon e do FC Barcelona, Alexander Dellal e Francisco Seirul-lo; do médico do Lille e do Liverpool, Christopher Carling e Barry Drust.