Canto máis se investiga máis numerosas e mestas son as pólas da árbore da evolución humana, pero as sombras que proxectan tamén son máis intricadas e escuras. Para alumear as zonas descoñecidas da evolución humana, os investigadores somérxense nas profundidades de covas onde viviron os antepasados dos humanos modernos na busca de respostas, e ás veces de sorpresas.
Así aconteceu hai catro anos na cova rusa de Denisova, no sur de Siberia, onde os paleontólogos atoparon o óso dun dedo e dous dentes dun grupo humano descoñecido até o momento, e do que agora se reconstruíu o ADN. Os resultados, publicados na web da revista Science esta semana, abren novas posibilidades para tirar do fío da evolución humana.
Por primeira vez conséguese reconstruír o ADN completo a partir dun único óso.
A calidade excepcional do material conservado no pequeno óso permitiu aos científicos do Instituto Max Planck de Leizpig, Alemaña, reconstruír todo o código xenético. Para conseguilo aplicaron por primeira vez un método desenvolvido por investigador Matthias Meyer que permite duplicar moitas veces fragmentos moi pequenos de ADN até reproducilo por completo. Este sistema xa o empregan os forense pero nunca se adaptara á paleontoloxía.
Os investigadores do Max Planck xa conseguiran reconstruír só en parte e con menor calidade o xenoma dos restos de Denisova. Porén agora conseguiran reproducilo cunha calidade semellante á que se obtería de analizar o xenoma dunha persoa actual. Os Denisova son o primeiro grupo humano que se descubre a través do ADN e non comparando a forma dos ósos.
Os Denisova son o primeiro grupo humano que se descubre a través do ADN.
Este detallado mapa xenético permitíu comprobar a presenza dos xenes que provocan a pel escura e os ollos marróns. A pesar destes puntos en común, o habitante de Denisova ten máis puntos en común cos neandertais que cos humanos modernos. Amais, os xenes do espécime ruso teñen unha maior presenza no xenoma dos habitantes sueste de Asia e de Oceanía, e unha presenza moito menor no dos europeos.
O reducido tamaño dos resto si que impide datalos con exactitude. Os investigadores calculan que o individuo investigado viviu entre 82 e 74.000 anos atrás, e que os Denisova se conformaron como un grupo humano diferenciado hai entre 270 e 440.000 anos. Tampouco está claro como e até onde chegaron, nin cando se extinguiron.
Agora os investigadores aplicarán este sistema aos neandertais.
Agora os investigadores queren aplicar o mesmo método de reconstrución do ADN aos neandertais. Paradoxalmente, este grupo está moito máis estudado e consérvanse moitos máis restos, pero aínda non se puido recuperar o seu material xenético con tanta calidade. Os científicos agardan coñecer mellor como evolucionaron estas especies e que parte do seu xenoma forma parte do noso para deitar un pouco máis de luz sobre as sombras que aínda ocultan a orixe da humanidade.