Os museos científicos coruñeses súmanse ás celebracións do 50 aniversario da misión do Apolo XI, que coincide no tempo cun eclipse de lúa visible desde Galicia este martes
O 50 aniversario da primeira pegada da humanidade na lúa, o 21 de xullo de 1969, que a Nasa está a lembrar con distintas actividades e divulgando imaxes e vídeos inéditos, coincide esta semana coa posibilidade de ver desde Galicia, este martes día 16, un eclipse do satélite. A súa ocultación coincidirá case coa saída do astro polo horizonte en Galicia, contra as dez da noite, e terá o seu punto máximo ás 23.31 horas. Pero para que as miradas sigan postas sobre a lúa uns días máis, e coincidindo coa efeméride da viaxe do Apolo XI, os museos científicos coruñeses teñen preparado un amplo programa de actividades.

O planetario da Casa das Ciencias proxecta durante toda a semana o documental 'Lévame á lúa' e o sábado acolle a conferencia 'Como poñer un señor na lúa'
O planetario da Casa das Ciencias acolle durante toda esta semana, ata o domingo 21, a proxección do documental Lévame á lúa, ás 13 horas en castelán e ás 19 horas en galego. A película recorre o rastro do satélite nas culturas humanas e culmina coa chegada dos primeiros astronautas á súa superficie. Ademais, o venres 19, ás 20.30 horas, celebrarase a conferencia Como poñer un señor na Lúa, a cargo de Borja Tosar, máster en Astrofisica e Astronomía e máster en Comunicación Cientifica pola Universidade de Valencia. E o sábado 20, ás 20.30 horas, terá lugar a presentación do libro Pasa tempo, de Pedro Feal Veira.
O Muncyt acolle talleres, observacións con telescopio e unha charla sobre meteoroloxía espacial
Pola súa banda, no Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (Muncyt) este mércores día 17, ás 17.30 horas, haberá un taller infantil sobre a lúa, no que se porá de relevo o papel das mulleres na expedición do Apolo 11, se realizarán experimentos co relevo lunar e simularanse as fases da lúa. Unha actividade na que colabora a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, a mesma que realizará o xoves 18, tamén no Muncyt, de 12 a 14 horas, unha observación solar con telescopio. O mesmo xoves haberá talleres para os máis pequenos e, ás 18.30 horas, unha charla para todos os públicos sobre meteoroloxía espacial, a cargo do grupo de meteoroloxía espacial da Universidade de Alcalá de Henares.