A exposición no Museo Británico Definindo a Beleza: o corpo na arte grega antiga, mostra os distintos conceptos sobre a beleza a través de varios autores, temas e épocas. Non segue unha orde cronolóxica concreta. Explica como a xorde a idea do canon, o ideal físico e espiritual e de que maneira se expresou tanto en mulleres coma en homes, no intelectual coma na vida cotiá.
Non segue unha orde cronolóxica concreta. Explica como a xorde a idea do canon, o ideal físico e espiritual e de que maneira se expresou tanto en mulleres coma en homes, no intelectual coma na vida cotiá
Na entrada a esta exposición indícase como o ideal grego filtrouse na cultura romana antiga. Nela atópase o alto-releve da lápida dun rapaz coas verbas Τρύφων Ευτυχου, empregada nos anos de Augusto como o retrato ideal dunha persoa nova. Con este mármore do século IV a.C explícase como a cultura romana admirou e asumiu moitos dos valores estéticos gregos e moitas das pezas que aparecen na exposición son réplicas romanas en mármore de obras en bronce gregas perdidas. A cultura grega é excepcional pola súa concepción do corpo. Mentres que noutros territorios o nu era observado como algo vergoñento, en Grecia a visión que tiñan era nobre, bela e moral. Estes referentes gregos transcenderon no tempo ata a actualidade.
A primeira estancia da exposición está dedicada ao nacemento do concepto da Beleza ideal. No paralelismo entre o desenvolvemento dun actividade política e un intenso interese pola Arte, xurde tamén o interese pola conciencia do propio ser humano. Nas paredes exponse a cita de Protágoras “o home é a medida de todas as cousas”, co fin de transmitir o antropocentrismo que especialmente na Atenas do século V a.C tería a súa voz mais potente. Na sala ponse énfase sobre o razoamento deste ideal, na maneira na que os artistas centráronse na figura do rapaz cunha constitución atlética. O exercicio formaba parte desta idealización. Mais tarde cando a cultura grega estendeuse por Oriente, a diversidade dos pobos aumentaron o grado de realismo nas obras artísticas.
As esculturas de esta sala constitúen algunhas das mellores pezas da exposición. Atópase unha copia romana en mármore de Afrodita do século II d. C, réplica dunha obra do século III a.C-II a.C. Tamén vese a escultura dun rapaz en bronce, orixinal do 300 a.C descuberta recentemente no mar Adriático. Representa un atleta nu, empregando o strigilis para retirar o aceite da pel empregado para protexerse do sol durante os adestramentos. Nembargantes destacan as obras dos tres grandes mestres do período clásico grego: o Doríforo de Policleto, o Discóbolo de Mirón e unha escultura do Partenón realizada coas directrices de Fidias.
Con respecto a estes autores coméntase coma Ageladas, mestre de esculturas en bronce, era mentor dos tres. Cada unha dos escultores parten da mesma pescuda da Beleza ideal no corpo masculino pero todas teñen unha respostas distinta. O Doríforo de Policleto, unha reconstrución en bronce das copias romanas da escultura perdida do 440-450 a.C en bronce, representa a Beleza ideal conformada a través da proporción e a matemática. O Doríforo é un atleta espido, cunha expresión física que revela a referencia precisa da Razón e que segue as teorías matemáticas de Pitágoras. Coa súa premisa de que “todo únese pouco a pouco a través dos números” e a convicción de que o número pode ensinar a orde do mundo, Pitágoras influíu sobre a constitución da Beleza. Non pode esquecerse que ademais Policleto escribiu un tratado sobre a teorización do Canon, a medida física simétrica perfecta.
O Discóbolo de Mirón, a través dunha copia romana en mármore do orixinal en bronce do s. V a.C, mostra como Mirón abriga a idea de que a Beleza reside no equilibrio dos opostos. Sobresae na súa visión frontal. Todo nela responde a contraposición: o brazo estirado do atleta nu co disco, responde o xesto libre do outro brazo formando un arco. Mentres o torso está de fronte, o rostro e o movemento das pernas aparece de perfil creando un zig-zag. Sobre o Discóbolo atópase unha cita de Sócrates: “na retratística do tipo ideal de beleza...ti ves o mesmo tempo de moitos modelos os riscos mais belos de cada un deles”. A obra de Mirón non é realista pero encarna o ideal xeométrico dunha beleza masculina.
O Discóbolo de Mirón, a través dunha copia romana en mármore do orixinal en bronce do s. V a.C, mostra como Mirón abriga a idea de que a Beleza reside no equilibrio dos opostos.
A terceira peza que da resposta sobre o pensamento do belo é a escultura de Ilissos, divindade dos ríos. Trátase dunha obra xerada a partir de Fidias para o frontón do Partenón en Atenas. Está realizada en mármore e datada entre o 438 e o 432 a. C, formando parte do grupo de pezas do Partenón do Museo Británico. O escultor desta obra mostra o corpo tendido, co torso relaxado en contraposición a forza das pernas. A creación de Fidias é mais natural que Mirón. Non é unha proporción ou unha xeometría calculada, senón que transmite un movemento e un ritmo máis intuitivo, orixinarios dun fondo coñecemento da fisioloxía. Tanto esta obra coma as anteriores responden a unha frase de Aristóteles proxectada nas paredes: “as formas principais da beleza son orde, simetría e unha delineación física clara”.
A segunda sala da exposición céntrase na aplicación da cor en escultura e cerámica. Moitos obras escultóricas estaban coloreadas, pois a cor era considerada un elemento intrínseco a Beleza. Destaca a réplica da escultura de Atenea, a deusa da sabedoría, que ocupaba o centro da Acrópole de Atenas. Esta reprodución da obra de Fidias parte de varias copias romanas do bronce orixinal realizado entre o 450 e o 440 a.C. Trátase dunha figura alta en bronce. O corpo de Atenea, a longa túnica, a cabeza de Medusa, a lanza e o casco que porta son dourados mentres a éxida e a cinta do cabelo son prateadas. O que causa maior impresión son os seus ollos, dun verde intenso, que chaman a atención sobre o rostro.
Esta escultura comparte espazo con figuras arcaicas. Mostran as fortes cores que as caracterizaban, destacando o tratamento das cores primarias. A cuestión do cromatismo tiña unha particular importancia pois tiña unha connotación de pulcritude. Unha frase de Helena de Troia da obra de Eurípides “Helena” (412 a.C) empregada nesta sala resume esta filosofía da cor: “se só puidera desquitar a miña beleza e asumir un feo aspecto, a maneira na que ti limpas coa cor dunha escultura”.
Xunta co estudo da cor nesta sala está a representación dos homes coma deuses. Unha ánfora pintada de Atenas, realizada entre o 530 e 520 a.C, mostra dúas escenas; por unha parte pode observarse a Atenea. En Atenas adicáranlle na súa honra os Xogos Panatenaicos, que xurdiron nesta cidade arredor do VI a.C. Nestes xogos combinábanse competicións atléticas, cerimonias relixiosas e eventos musicais. Pola outra parte pode verse os atletas en plena celebración, bailando para festexar a vitoria. Esta ánfora funcionaba para gardar aceite e coma unha lembranza dos xogos dun ano concreto, pero tamén lembra os atletas que participaron nos xogos.
O alcance da divindade a través do esforzo está encarnado en Heracles, celebrado coma o derradeiro atleta e heroe. Considerado o fundador dos Xogos Olímpicos, a súa intelixencia e fortaleza demostraba que os homes podían converterse en inmortais coma os deuses. O busto de Heracles, unha copia romana en mármore do 117-138 d.C do bronce orixinal do s. IV a.C, preside este espazo. O seu mito dos Doce Traballos está representado en ánforas coloreadas datadas no 520-510/540-500 a.C: nelas pode verse a Heracles xunto a Atenea, a súa protectora, e a Iolaos coma o seu acompañante. Nelas aparece loitando contra o León de Nemea ou o Xabarín de Erimanto. Nas derradeiras Heracles aparece na súa viaxe o Olimpo xunto a Atenea e a súa entrada na casa dos deuses, con Niké coroando a Heracles baixo a mirada de Zeus.
O alcance da divindade a través do esforzo está encarnado en Heracles, celebrado coma o derradeiro atleta e heroe
A sala que segue mostra a evolución artística do tratamento escultórico do corpo. Comeza pola análise do kouros (rapaz) e da koré (rapaza), coma as primeiras manifestacións artísticas sobre a Beleza na metade do século VI a.C. O progreso desta linguaxe vese no drapeado que Fidias levou o mármore nas figuras do frontón do Partenón, neste caso a través da escultura de Iris (438-432 a.C). O extracto dos xinetes nos frisos do Partenón mostra como o idealismo físico e do espíritu transcende a celebración específica para converterse na festividade da propia polis, a cidade. A complexidade que alcanza a linguaxe visual do movemento corporal do drapeado está representada na escultura dunha das nereidas do Monumento das Nereidas datado entre o 390 e 380 a.C.
As seguintes estancias están adicadas a representación da vida cotiá a través de pequenas esculturas no s. V a.C e sobre a consideración do corpo na literatura, sobre todo na poesía épica da Ilíada (VIII a.C) de Homero. O máis relevante é o troco na concepción da escultura feminina. Ata ese momento o termo kalos (belo) era so aplicado a escultura masculina nu. Co desenvolvemento da sensibilidade do corpo a través do drapeado e unha estética moral diferente, nace a figura de Afrodita completamente nu no século IV a.C da man do mestre Praxíteles coa Afrodita do Cnido, considerado o primeiro espido feminino igual o masculino.
O final da exposición mostra o impacto que este legado tivo sobre todo no Renacemento e o século XVIII, momentos no que asimilación dos conceptos da Beleza ideal grego avanzaron cara á concepción moderna do corpo
Rematando a exposición atópase a contraposición os conceptos da Beleza ideal en dúas temáticas; a primeira é a inclusión de riscos animais na figura humana, como nas figuras dos centauros, os sátiros ou a Esfinxe, que simbolizan a irracionalidade e o desequilibrio. A segunda temática é a representación do carácter individual a través do realismo na época helenística. Cos avances de Alexandre Magno e a súa morte no 323 a.C consolídase a cultura grega, sendo a escola de Fidias a corrente artística mais apreciada. O realismo vese nas esculturas de pensadores, poetas e filósofos colocadas nas bibliotecas. Son notables os retratos de Homero (II-I a.C), Sófocles (II-I a.C) e Crisipo (I a.C), así coma as esculturas de Sócrates. Os retratos de intérpretes de teatro, mariñeiros, xente nova ou anciá tamén son numerosas. O final da exposición mostra o impacto que este legado tivo sobre todo no Renacemento e o século XVIII, momentos no que asimilación dos conceptos da Beleza ideal grego avanzaron cara á concepción moderna do corpo.