O pasado mes de febreiro o alumnado de 4º de ESO do IES Punta Candieira de Cedeira participaron nun obradoiro de poesía impartido por Carlos Negro, co que aprenderon diversas técnicas e fórmulas expresivas e que lles ensinou que un poema é "unha onza de chocolate, algo pequeno, escuro e o máis doce do mundo", en palabras de Kirmen Uribe. Co aprendido no obradoiro alumnos e alumnas escribiron un feixe de poemas, utilizando nomeadamente a fórmula da repetición.
Algúns mestres denunciaron ante a Consellería de Educación a existencia dun poema no que aparecía o verso "Odio España"
Semanas despois, co gallo do Día Internacional da Poesía, celebrado o 21 de marzo, a Biblioteca Escolar Punta Candieira decidiu colocar os poemas por todo o centro de ensino; polas paredes, nas escaleiras, nas columnas, polo teito... espallando a poesía polo instituto.
Non houbo ningún problema ata que uns días despois algúns mestres denunciaron ante a Consellería de Educación a existencia dun poema no que aparecía o verso "Odio España". "Odio que non me deixen facer as cousas. Odio todo o que empece por 'odio que'. Odio os postureos das redes sociais. Odio aos fachas. Odio ter fame. Odio os críticos. Odio perder o tempo. Odio a sociedade na que vivimos. Odio a tauromaquia. Odio que se me meta o rímel nos ollos. Odio a xente hipócrita. Odio España. Odio que me obriguen a comer. Odio a fantasía pintada de rosa..." é o inicio completo do poema denunciado.
Días despois a Dirección do IES Punta Candieira decidía retirar exposición
A Consellería puxo a situación en coñecemento da Inspección, sinalando a existencia "dun texto que fomenta o sentimento de odio, algo que non ten cabida nun centro educativo". Días despois a Dirección do IES Punta Candieira decidía retirar a exposición.
Dende a Biblioteca Escolar Punta Candieira denúnciase "censura" e "prohibición" e critícase "a delación e a covardía en forma de denuncia por parte de membros anónimos do claustro, sen argumentos e sen dar réplica á argumentación". Ademais, acúsase á Consellería de Educación de dar a orde de retirar a exposición, algo que o departamento autonómico nega, indicando que só puxo o tema en coñecemento de Inspección.
A Biblioteca Escolar denuncia "censura" e "prohibición" e reclama a protección do dereito á expresión do alumnado"
O equipo responsable da biblioteca escolar defende que "a creación literaria forma parte do sentir cultural dos pobos e debe ser protexida polo dereito á liberdade de expresión" e que "as autoridades académicas deben velar polo dereito de expresión dos alumnos, e de todos os seus administrados, segundo contemplan as leis educativas e tamén a propia Constitución".