A que non se terán enfrontado Mofa e Befa. De Shakespeare e Valle-Inclán. De Diderot a McDonagh. De Quevedo a Calderón. Ningún texto, escenario ou público deu vencido o dúo cómico formado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. E parte do segredo está na súa filosofía: se non hai solución, inventa unha. Improvisa. Xa o demostraron hai ben tempo co seu Manifesto para un Teatro Perralleiro, un dos seus primeiros espectáculos.
Mais van alá xa máis de 25 anos e agora parece máis claro ca nunca, pois así o confirma a Cranios Privilexiados ou Crítica da razón perralleira, a súa última montaxe, dirixida por Carlos Santiago, na que percorren nada menos que a Historia da Filosofía. Apuntando ademais algunhas irrebatibles teorías sobre o ser galego -co seu carácter "anarquista"- ou sobre temas de actualidade que, como mostra da "estupidez" hexemónica, superarían o talento creativo do máis retorcido dos pensadores. Falamos con Carlos Santiago aproveitando o paso de Cranios Privilexiados polo Teatro Principal de Santiago.
O texto é teu e de Pepe Sendón. Atopei algunha información que dicía que tamén era autor Quico Cadaval…
É que inicialmente iamos ser Pepe, Quico Cadaval, Manolo Cortés e eu pero, despois, por circunstancias varias, quedamos só Pepe e eu. Ao principio foi como unha choiva torrencial de ideas. Xuntamos tanto material que tiñamos un tocho descomunal e, despois, fomos desbotando cousas. Fomos traballando con eles dous, con Evaristo e con Víctor, para pulir o texto e pasalo pola turbomix imbatible do dúo. Foi un proceso moi guai, moi divertido.
"Xuntamos tanto material que tiñamos un tocho descomunal e, despois, fomos desbotando cousas"
O público podería preguntarse, pero, Mofa e Befa van poñerse serios? Mais Mofa e Befa teñen feito de todo…
Son dous actorazos de recursos ilimitados que teñen tocado todos os paus: o teatro isabelino, o barroco español.... Esta vez tocoulle á filosofía, xa en plan rachar coa pana. (Ri).
"Son dous actorazos de recursos ilimitados que teñen tocado todos os paus"
A obra estreouse no FITO. Leva xa unhas cantas funcións. Como andas indo e vindo a Portugal, non sei se puideches acompañalos moito…
Estreouse no FITO, si. Eu estiven en todo o proceso, claro, despois fun un tempo para Portugal e xa volvín coa xira avanzada. Mais aínda lle demos unha volta despois da estrea. Quedaban algúns filósofos por meter e decidimos meternos con eles en masa, na escena do Philoshophical Freak Show, que acaba por ser unha psicanálise aldeá da historia da filosofía.
Cando comezaba a obra, a min facíame pensar na túa outra peza Finlandia...
Algo pode ter que ver, é parte do meu estilo… Pero a verdade é que este traballo está pensado a medida deles, co tema da filosofía como pretexto. A obra está feita en función deles, que levan xa 25 anos sendo Mofa e Befa. O xogo foi partir da súa propia filosofía escénica, que declararon hai dúas décadas e media no Manifesto do Teatro Perralleiro. A idea era retornar o formato inicial deles: o dúo cómico, o biombo… pero cunha volta filosófica.
"O xogo foi partir da súa propia filosofía escénica, que declararon hai dúas décadas e media no Manifesto do Teatro Perralleiro"
Con Pepe Sendón xa traballaras e con Mofa e Befa… imposible non terte atopado con eles antes en distintos proxectos.
Claro. O grupo que se xuntou para facer este proxecto eramos xente que xa traballaramos con Mofa e Befa dunha maneira ou da outra: cancións, sketches… E para min ademais foi un desafío persoal, porque vinos “nacer”, como dúo, na sala Nasa, nas Ultranoites e sempre admirei o seu talento escénico. A fórmula que escollemos para o espectáculo non era nova, en absoluto, pero o desafío era embutirlles toda a zorza filosófica… Cando mo propuxeron, de feito, a miña primeira reacción foi dicir: buffff! (Ri).
"Para min foi un desafío persoal, porque vinos “nacer”, como dúo, na sala Nasa, nas Ultranoites e sempre admirei o seu talento escénico"
Evaristo adoita ser -non só nesta obra- o máis “intelectual” dos dous. Aínda que en ‘Cranios privilexiados’ hai por veces como un intercambio de papeis, e están bastante equilibrados…
É o xogo clásico do dúo cómico, do clown. Un é o “serio”, a autoridade que todo o sabe, que neste caso é Evaristo, e o outro é o clown anarquista que nunca para quieto, que é Víctor. Pero diante do tema abrouxante da filosofía, acaban por equilibrar os papeis, claro.
Falando de anarquistas, penso que o de que o pobo galego é, en realidade, anarquista, sempre contra o Estado, é a teoría definitiva sobre a nosa idiosincrasia…
(Ri). Pero iso xa o dicía Fermín Bouza Brey, como lembraba nun artigo xenial o seu fillo Fermín Bouza alá polo 2005, cando as eleccións para botar a Fraga. O anarquismo esencial, dicía, dunha xente apegada á terra e á natureza. Tamén falaba diso Marcial Gondar, autor, por certo, da Crítica da razón galega, unha das referencias secretas da peza. O galego, como pobo labrego e mariñeiro, foi sempre alleo ao Estado, e por iso precisa de intermediarios, que no espiritual son os santos, que se encargan de mediar nos negocios do alén e no temporal son os caciques, que se encargan dos negocios do aquén con esa entidade incomprensible chamada Estado. E non sei eu se daremos saído diso nos próximos séculos. De aí esa frase da peza: Os galegos somos anarquistas de seu e por iso non podemos vivir sen caciquismo.
"O galego, como pobo labrego e mariñeiro, foi sempre alleo ao Estado e por iso precisa de intermediarios, que no espiritual son os santos e no temporal son os caciques"
O achegamento aos filósofos é -falabamos diso antes- falar deles e con eles na obra, e meterse con eles. Coma con Sócrates, que tan importante se cre, pero é un borrachón con sona de pederasta. O filósofo máis interesante de todos é Polemón.
O xogo aí foi procurar no álbum familiar de Mofa e Befa, onde aparecen personaxes tan extraordinarios coma o tío Reveriano ou a tía Remedium, que xa tiña protagonizado algún skecth. E para fiar a cousa desta volta botamos man da figura do pai, Desiderio Pan Pena, alcumado “Polemón”, chamado así polo seu gusto pola polémica e por ser o antagonista do filósofo académico, platónico. Así que Mofa e Befa son fillos de Polemón, o que non deixa de ter a súa coña alegórica.
A escolla de Sócrates tamén ten que ver con iso. Fronte á visión idealizada de Sócrates, a visión de Platón, cóllense outras visións da época, como a de Aristófanes. A Polemón, filósofo rural e presocrático, o que lle interesa é o lado máis humano e terrenal de Sócrates, fronte a esa idea do Sócrates que se sacrifica bebendo a cicuta para salvar a razón a custa da propia vida, unha estupidez na que se funda toda a historia da filosofía occidental.
"A Polemón, filósofo rural e presocrático, o que lle interesa é o lado máis humano e terrenal de Sócrates"
Saen polo medio moitas chiscadelas a cuestións de actualidade. O opinan sobre filosofía Rajoy, Merkel e Trump.
É que o poder sempre ten unha relación complicada coa filosofía. A filosofía, cando funciona, funciona como límite. É a idea de pensador de Spinoza -filósofo ourensán, por certo, como Polemón- o individuo que se pon a pensar no límite do sistema. Cando estabamos comezando con este proxecto, foi ademais cando se estaba falando da supresión da Filosofía dos plans de estudo de Secundaria. Porque claro, unha materia que axuda a facer preguntas, a pensar, pois non pode estar, cando o que se quere son ovellas e non homes e mulleres libres. Pode parecer unha visión moi simple e redutora, pero é que o simplismo mental é o camiño por onde nos queren levar, e sen dúbida, nos levan.
"O simplismo mental é o camiño por onde nos queren levar, e sen dúbida, nos levan"
O texto xoga un pouco co tópico sobre os galegos: que non lles vai o tema da lóxica binaria. Idea, por certo, que está no libro de Marcial Gondar do que falabamos antes.
Todo tratado de filosofía ten que comezar por unha lóxica e, no caso da lóxica galaica, non chega con dous valores de verdade, o verdadeiro e o falso. Iso é o tópico, claro. Mais tamén é o ollar desde abaixo, o ollar que cuestiona o absoluto e as súas categorías estancas.
"No caso da lóxica galega, non chega con dous valores de verdade"
Tamén sae o agradecemento á Deputación de Ourense por editar as obras de Polemón. Un auténtico “ladrillo”.
De xente ben nacida é ser agradecida. Porque a Deputación de Ourense é a única institución capaz de editar libros inverosímiles como a Crítica da Razón Perralleira, un auténtico ladrillo que ningún editor se atrevería a publicar. Quitando a Paco Macías, claro, que o atopei o outro día e xa lle cachei as intencións de pasar a obra do formato en barro cocido a papel de toda a vida.
"A Deputación de Ourense é a única institución capaz de editar libros inverosímiles como a Crítica da Razón Perralleira"
Supoño que verías a obra un monte de veces desde a estrea. Pero no Principal non parabas de rir.
É o meu método de dirección. Se río, a cousa vai ben. Aínda que con estes dous fenómenos no palco o de rir é un método dubidoso, porque non paras un segundo de facelo, e iso como método científico tampouco pode ser bo.
Tamén sae Pitágoras. En xeral, todos os discursos acaban enfrontándose coa crítica da razón perralleira, a razón que impregna a política, a publicidade, os medios de comunicación…
Pitágoras é un mafioso, un tipo que impón o principio de autoridade por riba de todo. E a pregunta aí é que cando a autoridade prima sobre a razón, que nos cabe esperar? Pouca cousa. Un fillo metido na Xunta ou un tímido avance na lista de espera do hospital. Tamén é unha sátira do lado sectario da filosofía académica. Parece que os que saben son os que están metidos nun círculo pechado, na Academia, e esa tradición, que vén de Pitágoras e pasa por Platón, chega ata nós.
"Cando a autoridade prima sobre a razón, que nos cabe esperar? Pouca cousa. Un fillo metido na Xunta ou un tímido avance na lista de espera do hospital"
O saber como patrimonio dunha elite, fronte ao saber e a intelixencia popular. Diso falou Peter Sloterdijk na Crítica da razón cínica. Como o relato da historia da filosofía foi deixando fóra a filosofía subterránea, a que ten que ver máis coa risa e o xesto obsceno, a sátira, o Entroido, o misterio bufo ou o que nos nosos días viñeron sendo o dadá, ou o punk… Dicía Sloterdijk que a verdade é aquilo capaz de aturar todas as risas, e se isto é certo, que eu penso que é, fixémonos en todas as caralladas que a prensa ou a televisión fan pasar por verdade todos os días. Pobres estupideces que non resisten nin catro gargalladas.
"Se a verdade é aquilo capaz de aturar todas as risas, todas as caralladas que a prensa fai pasar por verdade todos os días, non resisten nin catro gargalladas"
A muller de Polemón fala do masculinato recorrente da cultura galega…
Si, ela é Sofalina, a nai de Mofa e Befa, a filósofa esquecida por ser muller. Ela é a que sabe pensar e non o seu home, que á fin de contas é un cheíñas. Pero ela queda fóra do relato da Historia, coma tantas outras mulleres, porque o pensamento, na tradición occidental, vai ti saber por que, é cousa de homes, coma o Soberano. Parece que non pode haber pensamento sen ter a pirola na cabeza, e as pirolas, por moito que nos amole aos homes, dan para o que dan e pouco máis.
"Parece que non pode haber pensamento sen ter a pirola na cabeza, e as pirolas, por moito que nos amole aos homes, dan para o que dan e pouco máis"
Tamén está ben a teoría sobre a imposibilidade metafísica da concentración parcelaria.
É que a teoría dos marcos…! Nin a Zenón de Elea lle daría por pensar tal aporía. Aos galegos parécenos que a terra é infinita e por iso sempre andamos a mover os marcos un pouquiño máis alá, como se nunca houbese límite e sempre puidésemos pillar cacho. Moves o marco un nadiña de nada e logo outro nadiña, e vas vivindo así, pensando que nadiña a nadiña, podes facer dunha leira de nada un estadio de fútbol. Pura filosofía. O límite, claro está, son os outros, que tamén andan a mover os marcos e estráganche todas as ilusións.
"A teoría dos marcos… Nin a Zenón de Elea lle daría por pensar tal aporía"
Por certo, que Celestino Fernández de la Vega é o único filósofo, ou polo menos pensador, galego que sae. Co xogo que podía dar, por exemplo, Piñeiro…
Celestino Fernández de la Vega daba moito para a coña porque, claro, fixo un tratado sobre o segredo do humor co que non é doado rir, como coa análise do chiste de Freud. Acaíanos moi ben na historia. Un filósofo pequeno-burgués, académico e galeguista, fronte ao filósofo rural presocrático.
Ou iso de que os galegos levan o ego a posteriori, ao final. Que non son nada cartesianos.
Si, o galego ten o ego a posteriori e esa é a orixe de moitos dos nosos problemas como etnia. Unha intuición xenial de Pepe Sendón. Escribiu unha canción no material inicial do espectáculo con esa idea, que para nós o ego é un sufixo, un banal matiz gramatical, e que non estando mal a priori ter o ego a posteriori. Ao final tanta falta de amor propio non pode dar nun bo negocio. Éche o que hai.
"O galego ten o ego a posteriori e esa é a orixe de moitos dos nosos problemas como etnia"
A escenografía é sinxela: o chan e o biombo, basicamente, ao que se van engadindo elementos. Coma uns cadros nos que se recoñece ben o estilo da autora, Natasha Lelenco, responsable da dirección de arte da obra.
Si, o biombo é o concepto de partida porque é o elemento característico da filosofía escénica de Mofa e Befa, desta volta reducido a pura estrutura transparente. Por iso o traballo de Natasha foi determinante, para animar cun pouco de elegancia moldava unha escenografía tan escasa e perralleira. Despois hai outros elementos, coma o “plasma vertical”, que son moi importantes.
O “plasma” estaba gardado no local de Mofa e Befa e tiñamos claro que tiña que entrar na obra, que había que metelo nalgún sitio. É unha macrolente de cando non había pantallas de plasma nin televisións enormes, entón a xente nos bares facía o que podía para ampliar a imaxe e ver o fútbol máis grande. O “plasma vertical” é toda unha metáfora da razón perralleira: se non hai solución, hai que inventala.
"O 'plasma vertical' é toda unha metáfora da razón perralleira: se non hai solución, hai que inventala"
Tamén sae Manuel Fraga... ao lado de Immanuel Kant e o imperativo categórico. É un dos mellores momentos da obra.
Si, cando Polemón vai ao psicanalista, fala de que o noso problema sempre foi non facer caso do que dicía Don Manuel, e rapidamente o inconsciente faille unha xogada e acaba por confundir a Kant con Fraga e ao imperativo categórico coa policía anti-disturbios. E cando Polemón replica coa esixencia kantiana de comportarnos de maneira que a nosa conduta poda ser un exemplo para todos, Fraga é implacable: “Un ejemplo para todos fue Francisco Franco Baamonde y punto, querido amigo.” Toda unha constatación de cal é a filosofía moral imperante por estes lares..
"Fraga é implacable: “Un ejemplo para todos fue Francisco Franco Baamonde y punto, querido amigo.” Toda unha constatación de cal é a filosofía moral imperante por estes lares.."
Depois hai un auténtico desfile de filósofos: Rousseau, Voltaire, Marx, Nietzsche, Heidegger, Santo Tomás… Entendo que non debeu ser fácil atoparlle sitio a tanto filósofo. E que non quedase forzado.
Si, tamén está Ortega, que quere facer un dúo cómico chamado Ortega y Gasset para triunfar en Madrid, pero titúlao España Invertebrada e Polemón recoméndalle facelo mellor en Cataluña, que en Madrid non vai chistar nada. Hai moitos filósofos, si, e os que quedaron fóra… nin che conto. Pero o desafío foi xuntar a filosofía, que é un xénero discursivo complexo, coa comedia, coa súa rapidez conceptual. O eterno conflito entre o teatro e a filosofía, que vén xa da época dos gregos e que está na orixe da propia filosofía.
"O desafío foi xuntar a filosofía, que é un xénero discursivo complexo, coa comedia, coa súa rapidez conceptual"
Hai non moito estreouse en Galiza Tráfico, unha das obras que fixeches en Portugal, desta volta coas compañías Baal 17 e Al Teatro. Supoño que tería bastante repercusión alá…
Non penses que tanta porque son dúas compañías do Alentejo e do Algarve e en Portugal hai unha fenda cultural entre as dúas grandes cidades e o interior. A obra funcionou ben e á xente gústalle, pero que teña unha repercusión nacional en Portugal é complicado. Pásalle a todas as compañías que están fóra do círculo do Porto e de Lisboa. O cal non impide que esas outras compañías teñan os seus propios circuítos, máis autónomos, fóra do mainstream lisboeta.
Nos últimos anos traballaches bastante máis en Portugal que en Galiza. Ben, en realidade levas moito tempo, xa de antes, indo e vindo entre os dous países. Comezaras con Teatro Acert?
Vai por fases. A última foi desde 2014 ata agora, pero comecei a traballar por alá xa no 1995, co Trigo Limpo-Teatro Acert. E logo fun traballando con outros grupos, en Lisboa, en Viseu, no Alentejo. Sempre acabo por volver. Ata 2005 pasaba gran parte do ano alá. Logo deixei o teatro un pouco de lado, cando foi o follón do Prestige e me impliquei na Burla Negra, para experimentar con outro tipo de teatro (ri). Pero Portugal sempre está aí e adoro traballar alá.
"Portugal sempre está aí e adoro traballar alá"
E a ti tamén che dixeron teus pais, como pasa en Cranios privilexiados, que a onde ías estudando filosofía?
Si, claro. Meu pai someteume ademais a unha "tortura" cun catedrático de Dereito Administrativo para ver se me convencía de estudar algo “serio”, mais aquilo para min foi decisivo: na conversa tiven moi claro que non quería acabar sendo coma aquel tipo. E así foi: da filosofía ao rock e do rock ao teatro. Aínda que agora estou máis de volta á filosofía, que falta nos fai a todas e todos.
"Fun da filosofía ao rock e do rock ao teatro. Aínda que agora estou máis de volta á filosofía"
A obra é unha comedia, pero non deixa de tratar temas ben serios...
Coñezo poucos xéneros máis serios que a comedia… Trato sempre de levar a seriedade ao límite cómico, como na escena da receita hegeliana para facer unha tortilla, na que se establece a diferencia entre escachar ovos e saber facer unha tortilla. É unha alegoría culinaria da revolución, pois para facer unha revolución é preciso cortar cabezas, pero tamén saber que facer con elas, non vaia ser que nos pase como a Robespierre, que tanto ovo escachou e non foi quen de dar feito a tortilla. É unha sátira de certo esquerdismo…, o que en Portugal chaman a “esquerda caviar”
"Para facer unha revolución é preciso cortar cabezas, pero tamén saber que facer con elas, non vaia ser que nos pase como a Robespierre"
A obra cita, si, a Podemos…
Formamos parte dunha sociedade en crise que se resiste a transformarse, porque apenas contamos con catro ideas do carallo que non van a lado ningún. Xa non vale aplicar biblias, sexan católicas, marxistas, ou neoliberais. Non hai fórmulas máxicas, o único que tal vez nos pode valer é abrir a cabeza e tratar de vencer a estupidez que nos come por todos lados: na política, nos medios, na cultura.
"O único que tal vez nos pode valer é abrir a cabeza e tratar de vencer a estupidez que nos come por todos lados: na política, nos medios, na cultura"
Dicía onte un colega no debate que houbo no Principal despois da función, “estamos a un tweet da estupidez”. E ese é o problema. Esta lenta instalación da estupidez nas nosas vidas, de cada un mirando para o seu cu e deixando ir a cabeza no famoso “significante baleiro”. Con certeza a filosofía non ten a solución, pero aínda nos pode permitir aprender a rir de nós mesmos e darnos a posibilidade de ser xente.