O gosto do retrato pintado por Augustus John de Luisa Casati en 1942, mostra a particular fermosura que a modelo sempre creou o seu arredor. Casati, dona dunha escura e extrema elegancia, dende que en 1908 encargara o seu retrato a Giovanni Boldini1, é a mecenas de artistas vangardistas que proxectaron o seu carisma fose en escultura, pintura ou fotografía. A linguaxe visual da propia Casati -inquietante, orixinal, transgresora, atraente, onírica- retro-alimentouse co traballo artístico de entre outros Adolph de Meyer, Giacomo Balla (Futurismo)2, Romaine Brooks (Movemento Estético/Simbolismo), Kees Van Dogen (Fauvismo/Die Brücke), Sarah Lipska e Catherine Barjansky. As obras que a teñen como tema central conservan a aura do extraordinario que transmitía. Casati vivira épocas moi estimulantes e a pintura de John materializa a famosa expresión enigmática que distinguiuna.
Retrato da marquesa Casati cun galgo. 1908. Giovanni Boldini. Técnica: Óleo sobre lenzo. Colección privada.
Este pintor galés coñecera a Casati en París en 1919. A primeira vez que a viu causoulle unha forte impresión. Era moi alta e delgada, cunha constitución en H e acentuaba a súa altura con zapatos de fino tacón. Casati tinguira o cabelo pasando de ser negro a un cobreado dun ton case eléctrico con matices louros. Cortara a súa longa melena ata quedar nunha media melena, maquillándose cunha base moi branca ata ser pálida e empregaba sombras escuras arredor dos seus grandes ollos verdes, coas pupilas brillantes e dilatadas polo uso de beladona. O seu senso do estilo era notable; dende 1910 favorecera os mantos Knossos e os vestidos Peplos e Delphos de Mariano Fortuny, e pouco tempo despois, pasou a vestirse invariablemente de negro, branco, prata ou dourado, preferindo os deseños de Léon Bakst, que traballaba nos Ballets Rusos, así coma de Paul Poiret e a Casa Worth. As súas xoias eran de Lalique e mais adiante, escolleu a Cartier. Na súa autobiografía Chiaroscuro Augustus John describe a seguinte entrada de Casati:
Marquesa Casati. 1919. Augustus John. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 96, 5 x 68, 6 cm.
Unha dama de inusitada distinción entrara. A súa presenza, personalidade e peculiar elegancia parecía arroxar o resto da compañía nas sombras...A nova invitada portaba un sombreiro alto de veludo negro, coa copa rodeada por un torque de ouro antigo, agasallo de D´Annunzio; os seus enormes ollos, enmarcados mediante máscara, brillaban baixo un marco de rizos de cores vivas...Ela movíase na salón con suprema facilidade, mentres miraba arredor dela cunha expresión divertida lixeiramente maliciosa. Os nosos ollos atopáronse...Antes de marchar conseguín unha presentación: era a Marquesa Casati.
Luisa Casati. 1922. Man Ray. Técnica: Positivo en xelatina de bromuro de prata sobre soporte flexible. Medidas: 24 x 18 cm. Centre George Pompidou.
Dende ese momento ambos foron amantes, cultivando unha relación que converteuse nunha amizade de por vida. John realizou tres retratos de Casati: dous en 1919 e outro en 1942. Este derradeiro cadro exponse no Amguedffa Genedlaethol Caerdydd, o Museo Nacional de Cardiff.
A obra ten como título Marchesa Louisa Casati. Trátase dun óleo sobre lenzo que mide 122,2 por 91,7 cm. Nel Casati está sentada nun sillón tapizado en coiro negro cun alto respaldo, o que fai que pareza un trono; vai vestida cun traxe negro, luvas negra bordadas de pasamanería dourada, unha estola de pel negra sobre os ombreiros, pechada cun gran lazo dourado que cae sobre o peito e un manguito tamén de pel negra no brazo esquerdo. A cabeza está cuberta por un sombreiro de ala curta cun velo que cubre o rostro. Leva a base pálida, os beizos vermellos e fortes sombras nos ollos, mentres o cabelo ondulado segue a caída do lazo dourado. Nos seus xeonllos acouga un gato de ollos amarelos, mentres que a figura de Casati destaca contra un ceo de grises, pratas e azuis treboentos.
Marchesa Luisa Casati. 1942. Augustus John. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 122,2 x 91,7 cm. Amguedffa Genedlaethol Caerdydd.
O retrato de John responde o desexo mais íntimo de Casati, un desexo que non residía tanto en ser representada cun aspecto e beleza convencional coma a súa metamorfose nun ser maxestoso e mítico, que identificara claramente o seu cultivo dunha romántica e terrible beleza, ser a Gorgona mais que parecer Psique. Sobre todo a mirada de Casati, intensa, esperta, fundida na maquillaxe negra, percibíndose a través do velo, capta a atención nun rostro difuminado pola gasa. A xestualidade de Casati ten moito do seu instinto da performance. A súa entidade física escenifica non so a súa propia identidade senón tamén distintos roles, cando non unha confluencia de ambas cuestións.
Luisa Casati. 1928. Man Ray. Técnica: Proba de xelatina prateada. Medidas: 12 x 8,9 cm. Centre George Pompidou.
Casati é un símbolo da Belle Époque no seu segundo retrato executado por Giovanni Boldini entre 1911 e 1913, rodeada dramaticamente de plumas de pavos reais. É unha figura en transmutación na pintura de Alberto Martini de 1912 Un lent réveil après bien des metempsychoses, inspirada no poema de Paul Verlaine Kaléidoscope, aparecendo nela en plena transformación nunha bolboreta, con parte do seu corpo xa cambiado mentres aínda ten aparencia humana. É a personificación do Surrealismo na foto de Man Ray de 1922 no que Casati aparece con tres pares de ollos. Cando a invitaron ao Baile dos Lenzos Famosos en 1935 en París, presentouse interpretando o retrato de Elisabeth de Austria, o seu ídolo da infancia, realizado por Franz Xaver Winterhalter en 18653.
Casati non levou unha réplica do magnífico vestido de gala deseñado por Charles Frederick Worth que aparece na pintura, senón unha camisa negra bordada de plumas e unha saia tamén negra cunha cola bordada igualmente con plumas brancas e negras. Usou unha perruca rubia peiteada nun recollido con bucles tocado con estrelas, e portaba unha fusta de montar, aludindo o entusiasmo de Elisabeth pola equitación. Con esta caracterización Casati posou para Man Ray. Unha destas fotografías, na que aparece ca fusta pola espalda con dous cabalos no fondo pintados por Christian Bérard, tivo gran éxito e foi amplamente difundida na prensa, converténdose de inmediato nunha das súas imaxes máis célebres.
Luisa Casati coma Elisabeth de Austria, con “Flick” e “Flock” no fondo. 2 de Outubro de 1935, The Tatler. Fotografía de Man Ray.
No lenzo de 1942 Casati é ela mesma pero tamén é unha meiga. Da iconografía das magas e meigas toma a presencia dun gato negro, un animal estreitamente ligado a elas. Casati amaba os animais e sempre que podía os tiña con ela, como cando paseaba cos seus leopardos por Venecia de noite. Nos seus retratos aparecen serpes, galgos, leopardos ou loros. Na data desta pintura Casati tiña con ela varios cans pequineses e este gato.
No lenzo ademais de ser a súa compañía, tamén forma parte da alucinación que é a súa imaxe. As pinceladas soltas e desintegradas resaltan esta idea, diluíndo os contornos e coas cores aplicadas freneticamente. Casati alentaba esta estética. Nestes anos cando saía a rúa alarmaba os adultos cos que se cruzaba, mentres que os meniños en troques adorábana. A filla dun amigo de Casati lembra:
A xente pensaba que eu debía estar asustada por ela dende que tiña so nove ou dez anos nese momento. Pero todo o contrario, eu pensaba que ela era fabulosa. Nunca esquecerei aqueles enormes ollos, o seu alto sombreiro co seu velo, ou a maneira que tiña de falar comigo con tanta amabilidade. Mentres ela estivo connosco, deume unha boneca automática francesa do século XIX e un gran álbum cuberto de veludo vermello, que aínda ambos conservo con cariño. Sería falso asumir que Casati era unha muller groseira polo seu aspecto chamativo. Non existía nin unha chisca de vulgaridade nela. Casati era a derradeira da súa clase. Nunca mais volveu a existir alguén coma ela dende entón. Así que poderás comprender porque, na súa vida final, moitos de nos quixemos estar con ela de algún xeito. Durante a época do Nadal, enviáballe cestas de Fortnum & Mason. Aínda que non volvín a ter contacto directo con ela dende a miña infancia, deixou unha impresión inesquecible en min que terei comigo o resto da miña vida.
O cadro desprende o refinamento innato de Casati; John enfócana como unha dama tenebrosa dunha presenza heroica. As tristes circunstancias de Casati nas décadas dos 40 e 50 non fixeron que perdera nada do seu significativo carácter, algo que o pintor trasladou o lenzo. Desta actitude de Casati deu fe Cecil Beaton, que escribiu: “Ela sostíñase coma unha emperatriz, os seus xestos audaces e valentes. De algún xeito o indomable espírito sublimaba a vella alta copa de satén negro que levaba na súa cabeza e metamorfoseou a vella rosa de algodón do seu ombreiro nun obxecto de beleza. Aquí estaba unha gran muller, alguén cuxo carácter e valor podía superar toda mediocridade e xeraba nobreza rompendo a pobreza”.
Notas
1- Esta obra de Boldini foi o primeiro retrato admirado de Casati. Foi exposto no Salón de París o 14 de Abril de 1909. Vestida cun estilizado traxe negro de Paul Poiret, un gran sombreiro de plumas negras e longas luvas brancas, Casati acompáñase dun bouquet de violetas de seda que combina cas mangas e o baixo do vestido. Moitos dos asistentes observaron con desasosego a mirada de Casati, as pinceladas visibles, a ausencia de contornos e as cores empregadas. Pero o mesmo tempo estes riscos contribuíron a que fora aprezada coma unha obra mestra, sobre todo pola poderosa combinación da cor violeta e o negro e a fidelidade o rostro.
2- Casati trabou unha boa amizade cos futuristas, de quen foi apoio e referente intelectual; na súa colección de arte contaba con varias esculturas de Giacomo Balla, Umberto Boccioni e Luigi Russolo. Pola súa parte Filippo T. Marinetti consagrou a Casati o retrato que Carlo Carrà fixera del en 1910, chamándoa “a gran futurista Marquesa Casati” e adicoulle o Manifesto della danza futurista, publicado o 8 de Xulio de 1917 en La Italia Futurista.
3- Winterhalter pintou en 1865 o retrato oficial de Elisabeth, a súa imaxe mais coñecida e reproducida; nel leva o cabelo recollido nunha coroa de trenzas con estrelas de prata e diamantes, un peiteado da súa perruqueira Franziska (Fanny) Angerer Feifalik. Viste un longo vestido de satén en cor marfil cuberto de gasa branca de estrelas prateadas, un colar de perlas cun colgante, un chal de gasa branca e un abano pechado. Elisabeth posa xunto a unha base con dúas columnas xónicas entre flores, destacando a súa figura nunha paisaxe ao atardecer.