A Fundación Manuel María reedita dúas obras infantís e xuvenís do poeta que foran descatalogadas

Cando o mar foi polo río © Fundación Manuel María

Neste ano de letras, letras tan ben artelladas como as do autor patrio Manuel María, a fundación que leva o seu nome, a Casa-Museo Manuel María, traballa arreo na dignificación e reivindicación do escritor de Outeiro de Rei.

Nun labor inxente, prepara a saída do prelo de moita da súa obra, moita dela descoñecida para o público, moita que ten que ver coa nosa Literatura infantil e xuvenil. Este martes,  na casa natal do escritor conmemorarán os 86 anos do nacemento de Manuel María cos alumnos do CPI de Cerceda con torta incluída . Haberá un concerto gratuíto de Uxía no que a artista contará coa colaboración doutro xenios da nosa música como son Xabier Díaz, Sérgio Tannus, Paulo Silva,  Santi Cribeiro e vestirán os seus versos con música. O acto dará comezo ás 20.00 horas e cómpre reservar previamente a entrada contactando co Museo. A voz de Uxía ademais, será gravada para incorpora temas como O merlo de Terra Chá, O carro, do Soño na Gaiola, Manual do Señorito que cantara Manuela no seu día e que formará parte dunha obra posterior.

Dentro das publicacións que estaban descatalogadas e que acaba de reeditar a fundación atópanse dúas da triloxía protagonizada por Manuel de Paderna: Cando o mar foi polo río, ilustrada por Leandro Lamas e A tribo ten catro ríos, ilustrada por Felipe Senén (Viaxes e vagancias de M.P editada no seu día por SM dentro da colección Barco de Vapor é a terceira obra, que aínda non se reeditou).

Manuel de Paderna, Manueliño de Paderna n'A tribo ten catro ríos, é un rapaz veciño de Outeiro de Rei, un rapaciño calado e melancólico, agudo, protagonista da triloxía que nos vai guiando polo seu mundo, un mundo ateigado de natureza, de interacción co medio, de denuncia social, daquelas inxustizas seculares que chegan até hoxe; que nos achega información dunha sociedade formada por caciques que non miran para o pobo. Trátase dunha triloxía didáctica do autor chairego dirixida a un público a partir dos doce anos de idade.

Manuel de Paderna, tamén é un ser lido e sabio, ao que fan alguacil, que coñece a Ramón Lamote, profesor de Chairego e debuxante de Soños por encarga.

Como ter un cuarto río en Outeiro de Rei, Como naceu o Regato do Cepelo, para parecerse ao Paraíso Terreal é o tema do primeiro capítulo d'A tribo ten catro ríos, que se publicou por primeira vez no ano 1991 en Ediciones SM e que tamén inclúe Crónica dunha sesión municipal que non saíu nada mal, Verdadeiro relato duns amores de Manuel de Paderna, Orixe e lenda do campo de Santa Isabel, Breve e proveitosa noticia da barbería de Paderna, Historia do quiosco da música que había na Praciña do Concello e A espingarda do Vagancias.

Cada relato aparece introducido por un poema recollido do libro de versos Ritual para unha tribo capital de concello do ano 1986. A calidade poética e narrativa do autor, o seu léxico, a súa áceda sátira política, a magnífica disposición do texto mergúllanos con facilidade neses ríos da contorna chairega, amosando un exemplo de sociedade, cos seus valores e cos seus defectos, que enriquece a visión étnica de pobo ao narrar as nosas  tradicións.

Coitelo, amigo e irmán,
fai o xeito e a maneira
de voar desde a madeira
e axiña na miña man!

Dentro das publicacións que estaban descatalogadas e que acaba de reeditar a fundación atópanse dúas da triloxía protagonizada por Manuel de Paderna

Cando o mar foi polo río é o segundo volume dunha triloxía na que Manuel de Paderna se transforma, medra, madura, daquel rapaz que era algo poeta, coñecedor da maxia das palabras, torna un home que posúe xa o enfeitizo poético e o dominio da palabra, que fai parar as augas dos ríos, varía a situación dos mares, abrolla fontes ou cura persoas. Cando o mar foi polo río publicouse no ano 1992 en Ediciones SM dentro da colección O Barco de Vapor, ilustrado por Miguelanxo Prado e tamén se compón, ao igual que o primeiro volume por varios relatos: Por que é lisa a Terra Cha, Da romaría que Manuel de Paderna fixo a San Breixo de Parga, ao Santuario do San Alberte, Por que é octogonal a torre de Vilalba, Verdadeira historia da Charca do Alligal e das Fontes medicinais de Lagostelle, A verdadeira historia da Lagoa de Cospeito, Do que lle aconteceu a Manuel de Paderna coas ras do seu amigo Fompedriña, Crónica na que se relata a auténtica historia do nacemento do río Miño, Das retesías de Manuel de Paderna contra Pepe da Costa, Onde se contan as guerras dos veciños de Santabaia cos de Lanzós e dos de Lanzós cos de Santabaia e como remataron coa concordia de Vilalba e Ditos e lendas de Manuel de Paderna. Ao igual que o primeiro volume, cada relato tamén aparece introducido por un poema recollido do libro de versos Ritual para unha tribo capital de concello (1986).

Nesta obra, rica en referencias ao mundo chairego, fálase de veciños, de asociacións, de artistas e coetáneos do autor

Nesta obra, rica en referencias ao mundo chairego, fálase de veciños, de asociacións, de artistas e coetáneos do autor, poetas como Miguel Anxo Fernán Vello, de Xosé Luís García Mato, Díaz Castro, Luís Pimentel, o escultor Victor Corral, etc., de como o noso protagonista empequenece os montes da Terra Chá volvendo a súa xeografía plana ao son da música..., de don Capitón, alcalde de Outeiro de Rei, e as súas cacicadas xunto con outros alcaldes da zona: Rábade, Vilalba, Cospeito..; das primeiras palabras de Manuel de Paderna ao nacer (lúa chea), da tradición, da historia (Marechal Pardo de Cela), das propiedades curativas da auga, da lenda da lagoa de Cospeito, do nacemento do Miño... Trátase dunha obra enriquecedora do sermos nós, de ler con calma e sendo explicada previamente na aula, de identidade, de entretemento e dunha porta á reflexión crítica da realidade que se nos presenta, de como facer que os nosos rapaces sexan nosos e non sexan desleigados en costumes e tradición.

A terra Chá, somentes é
un pobo aquí, outro acolá,
mil albres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar
O resto é soedá.

Cando o mar foi polo río © Fundación Manuel María
A tribo ten catro ríos © Fundación Manuel María
Uxía cantará na Casa Museo © Fundación Manuel María

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.