A longa e fértil tradición nosa da escrita a catro mans semella renacer con forza nas xeracións últimas. Algúns dos títulos máis interesantes dos meses pasados naceron de converxencias tales. Así sucede co poemario A guerra, coasinado por María do Cebreiro e mais Daniel Salgado, autores de radicación compostelá e intensa traxectoria ás súas costas malia non iren os seus días máis aló da trintena.
A longa e fértil tradición nosa da escrita a catro mans semella renacer con forza nas xeracións últimas. Algúns dos títulos máis interesantes dos meses pasados naceron de converxencias tales
A guerra é un poemario epistolar, un truque-retruque lírico no que á proposta versal dun dos poetas tándem lle dá réplica o outro, nunha sucesión tan ben trabada coma complementaria.
Formalmente o libro é diverso e xunto a composicións algo máis longas e mesmo conversacionais comparecen outras que ben poderían pasar por (para)aforismos ou poemas definitorios, pois, se nuns a dialéctica e a metafórica son a argamasa, noutros o proceso de conceptualización contrastiva e paradóxica faise predominante.
A guerra é tamén un memorando de cicatrices, de inzos feridos que descrén dos paraísos artificiais, deste mundo noso enleado nunha guerra manifesta que os medios se empeñan en chamar eufemisticamente crise
A guerra é tamén un memorando de cicatrices, de inzos feridos que descrén dos paraísos artificiais, deste mundo noso enleado nunha guerra manifesta que os medios se empeñan en chamar eufemisticamente crise, unha auténtica purga ou decimado social neoliberal amparado nun capitalismo feroz que se adobía con outros horrores, estes si propiamente bélicos, nos que o sen sentido violento alcanza extremos estarrecedores.
Polo medio, a perplexidade, o autocuestionamento da función poética, a posición e o compromiso do que literaturiza, a desconfianza ante os espellos enganosos da palabra gora e os círculos viciosos do dicir.
Os cristais de Méndez Ferrín que non estralan, o lume que alampea pero non queima de Celso Emilio, as problemáticas do corpo que nos iluminaron @s poet@s últimos, a lembranza do asedio á alta casa de Helena de Carlos que esfarela e mil e unha outra alusións metapoéticas fan tamén deste A guerra un tapiz no que a revisión do absurdo e a fera realidade cotiá se fai angueira case comunal.
Os versos de dialéctica brechtiana, a loita contra o conformismo sedente que nos condena a un tempo escuro e de guerra van nestas páxinas abrindo fendas microscópicas para a esperanza, para a resistencia
Os versos de dialéctica brechtiana, a loita contra o conformismo sedente que nos condena a un tempo escuro e de guerra van nestas páxinas abrindo fendas microscópicas para a esperanza, para a resistencia que Walter Benjamin atribuía aos desesperados e tan oportunamente recorda a cita clausuradora de Margarita Ledo Andión, desesperación lúcida que tamén posúen os textos cos que María do Cebreiro e Daniel Salgado fan abanear as nosas conciencias para liberalas da agónica hipnose colectiva na que semellan presas.
Máis que valiosa esta proposta de Barbantesa Editorial, selo con criterio que, outra volta, trae á luz un volume de engados evidentes polo que moito presta parabenizar os autores.