A vida, ás veces, resulta tan triste que un non pode parar de rir. Esa lóxica contraditoria é o motor que lle marca o ritmo ás comedias dramáticas. Tamén ás traxicomedia e por suposto, á desgraza descrita como xénero teatral tal e como a entendía Vidal Bolaño. A leituga, a nova montaxe que Emedous estreará o 6 e 7 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña previo paso pola preestrea deste sábado, 31 de marzo, no Auditorio de Rianxo, móvese nesas coordenadas das tristes historias que arrincan sorrisos. O texto, do autor venezolano César Sierra, preséntanos a tres irmáns e ás parellas de dous deles que se enfrontan aos coidados dun pai que leva nove anos en coma. Unha situación estrema que acontece como acontece a existencia mesma: con certa deriva, con non pouca inercia. Aceptando as circunstancias como se acepta que o planeta non para de xirar. Mais un día, a esta familia fréaselle a rotación do mundo no aniversario do pai. Como cada ano, a familia comparte a mesa do festexo. Pero por vez primeira en moito tempo, todos pronuncian o que algunha vez cavilaron, mais sempre calaron. Así estoupa a sinceridade. Entón, xa non amúan, senón que din o que pensan sen pensar o que din, só o que senten ao respecto da responsabilidade, da dependencia, dos coidados.
“Definiría A leituga como unha traxicomedia, como unha comedia dramática da vida, sobre a familia, a súa desestruturación e a súa decadencia xusto nun momento crucial: a inminente marcha dos proxenitores”, explica Víctor Duplá, o director dunha peza que reúne sobre as táboas a cinco grandes nomes da escena: Antonio Durán Morris, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato. En certo xeito, o texto podería semellar unha resposta escénica ao refrán popular de que “un pai e un nai dan para coidar dez fillos, pero dez fillos non dan para coidar nin un pai nin unha nai”. Mais sería unha simpleza resumir deste xeito un texto que se centra na familia, pero tamén disecciona a responsabilidade, a culpa, a perda non asumida ou a morte digna. “É unha obra que afonda na responsabilidade, nas cargas dentro do seo da familia, unha obra que destacaría como catártica”, engade Duplá.
Morris: "É unha traxicomedia, un espectáculo no que se ve o egoísmo que se pode dar na familia; todo comeza no aniverasrio do pai, onde estalla a comedia e tamén un debate sobre a morte digna"
Esa visión ao respecto do texto compártea o actor Antonio Durán Morris, que tamén se refire a A leituga como “comedia de vida catártica”. “É unha traxicomedia da vida moi potente. Resulta moi humana, con moita carne. É un espectáculo catártico no que se mostra o carácter das persoas, onde se ven as personalidades e o egoísmo que se pode dar na familia, tamén as contas pendentes. Todo comeza no aniversario do pai, nun aniversario onde -malia todo- estalla a comedia, pero ao tempo tamén un debate sobre a morte digna”, explica Morris, quen na obra interpreta a Héctor, o marido da irmá maior, Virxina encarnada por Mercedes Castro. Esta parella amosa o seu esgotamento despois de case unha década de dedicación e coidados. Os dous asumiron a situación do pai dende unha operación de cataras que saíu mal até a chegada deste noveno aniversario no que din basta fronte o irmán pequeno, Vinicio (Xosé Barato) e o irmán mediano, Víctor (Federico Pérez) e a súa muller Dora (María Vázquez).
Así rebenta a poxa polos coidados, así comeza unha trama que, por momentos, aguanta comparanzas con Agosto, película dirixida por John Wells como adaptación do texto teatral homónimo do pulitzer Tracy Letts. Neste filme, a familia reúnese ao redor da nai enferma tras a morte do pai. Durante o encontro, agroman secretos familiares e, malia a dureza do que se descobre, o público non para de rir. Talvez, a graza reside na situación estrema e nesa sinceridade que, de tan ferinte que é, resulta grotescamente hilarante. “A leituga si que ten puntos en común con Agosto, pero tamén con moitas obras e películas que abordan o conflito das familias”, matiza Duplá antes de engadir que mentres que a fita protagonizada por Meryl Streep se centra “nos secretos das familias que acaban por saír a luz”, na obra de Emedous o foco sitúase sobre “a responsabilidade, as dificultades de relacionarse nestas circunstancias, nas carencias e culpas”.
Espello identificador
Os personaxes d'A leituga, ante a mesa do traxicómico aniversario / © Lucía Estévez
Así, A leituga ten como puntos cardinais a responsabilidade, a culpa, os coidados e a decadencia dunha familia que -ao igual que case todas as familias- comparte coas teas a fraxilidade nas costuras. Porque, ao cabo, toda familia pode chegar a semellarse á prenda roupa que se vai esgazando ou ben polo paso do tempo ou ben polo descosido súbito, ese que funciona coa mesma cadencia para o tecido que a ferida sen cicatrizar para a carne.
Que familia non se enfrontou aos coidados e á perda? Cal non esbourou nunha cea de Nadal na peor das explosións que non é outra que a da sinceridade?
E é aí, precisamente nas familias que acaban como retallos, onde o público pode identificarse coma nun espello: Que familia non se enfrontou aos coidados e á perda? Cal non esbourou nunha cea de Nadal na peor das explosións que non é outra que a da sinceridade? “O público pódese ver identificado en diferentes aspectos. Naturalmente, é unha situación moi estrema, pero podemos recoñecernos. Hai unha identificación, pero vai más aló dos coidados, claro, fálase tamén da asunción da perda, da dignidade na morte, de cuestións que nos afectan e que vivimos ou viviremos nalgún momento da vida”, reflexiona Morris antes de insistir en que, malia as circunstancias reflectidas, o humor está moi presente. “Que dúbida cabe! A traxedia é máis tráxica cando a ves e acabas por rir. A leituga é así: é unha traxedia cómica. Unha comedia da vida cunha risa liberadora”, sentencia o actor, que regresa unha vez máis aos escenario da man de Emedous, compañía coa que xa traballou n'O Florido Pénsil (2011) e n'O crédito (2015).
Mercedes Castro: “Parece que a sociedade dá por feito que os coidados van impresos na natureza de ser muller”
Outro aspecto funciona de espello identificador no ámbito social, xa que dos tres fillos que deben coidar o pai, é a única muller, a irmá maior, quen asume os coidados ao longo de nove anos, algo que acontece no 65% dos casos nos que as mulleres quen se responsabilizan dos parentes dependentes. A estatística lémbraa Mercedes Castro, a actriz que interpreta a Virxinia. “Parece que a sociedade dá por feito que os coidados van impresos na natureza de ser muller”, sinala Castro, quen engade que a obra ten unha gran importancia, xa que “aborda temas moi presentes nos conflitos familiares, asuntos de gran actualidade”. Ademais, Castro engádelle matices importantes ao seu personaxe, referentes a como a dependencia afecta ás persoas coidadoras. “Os coidados esgotan, queiman e só saben até que punto quen os asume. Esa situación tamén implica un afacerse, un converter a vida neses coidados. No caso de Virxinia, ela chega a ter un enganche aos coidados e manifesta tamén unha especie de egoísmo, por chamalo dalgún xeito, na medida en que non asume os cambio, non asume a perda, non quere deixar marchar ao enfermo”, reflexiona Castro.
Dez anos co texto
Mercedes Castro, nesta montaxe, ten unha dupla condición. Por unha banda, é actriz e, pola outra, é a produtora dunha peza que lle chegou da man do propio Duplá. “O director tróuxome o texto escollido, cun elenco definido e unha proposta interesante que conta cun compoñente social claro. Pareceume interesante e tirámonos á piscina, como se adoita dicir, para levar a cabo esta montaxe”, explica Mercedes Castro.
Tres feitos vitais impulsaron a Duplá a recuperar o texto da man de Emedous
Dese xeito, o proxecto d'A Leituga aportou en Emedous da man de Víctor Duplá. “Descubrín o texto hai dez anos, pero naquel momento non dispuña dos medios nin da experiencia para levala a cabo”, sinala Duplá sobre o momento en que o seu compañeiro e amigo Paco Merino lle entregou unha copia do texto de Sierra. Un texto que Duplá quixo recuperar unha década despois nun transo de profundo cambio, xa que tres acontecementos o impulsaron a recuperalo: o nacemento dos fillos, o falecemento de seu pai e a súa chegada a Galicia, onde reside e traballa actualmente. “E cando cheguei, comecei a colaborar en talleres coa Asociación Mellórate, no que se reunían coidadoras e contaban en común as súas experiencias”, sinala Duplá. Eses feitos empurrárono finalmente a falar con Emedous e poñer en marcha este proxecto escénico que se estreará o vindeiro 6 de abril no Rosalía Castro da Coruña.