A Mesa pídelle á RAG que "rectifique" a decisión de dedicarlle as Letras a Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde © http://www.ahlm.es/

A Mesa pola Normalización Lingüística non apoia a decisión adoptada este sábado polo pleno da Real Academia Galega de dedicarlle a Xosé Filgueira Valverde o Día das Letras Galegas de 2015. Nun comunicado, a entidade pídelle á RAG que "rectifique" a designación, que considera "un insulto a todas as persoas que padeceron con exilio, prisión e morte a defensa da lingua e cultura galegas".

Para A Mesa, "unha persoa como Filgueira Valverde, que destacou por formar parte da estrutura do réxime franquista, tanto como alcalde de Pontevedra como de procurador en Cortes", non pode "ser obxecto de homenaxe, precisamente por ter sido un réxime que dirixiu os seus ataques máis feroces contra a lingua e cultura galegas, con consecuencias que en grande medida padecemos na actualidade".

A entidade chama á sociedade galega "a se organizar" para que "o Día das Letras Galegas siga a ser unha xornada de reinvindicación do noso idioma"

En palabras de Marcos Maceira, presidente da Mesa, “dedicar alegremente o 2015 a unha persoa coa súa traxectoria, é un insulto a todas as persoas que nas peores circunstancias imaxinábeis fixeron todo o posíbel para dignificar a lingua galega, pagando mesmo a súa actividade a favor do noso país e da nosa lingua coa prisión, o exilio ou a morte”, e é xa que logo, un insulto tamén para as persoas que hoxe seguimos a traballar para que a lingua galega recupere os espazos que lle foron roubados”. Para Maceira, “se a lingua galega está viva e conta cunha rica produción literaria e cultural é grazas ás persoas que sofriron a represión do réxime do que formou parte Filgueira”. “O Día das Letras Galegas ten que ser o día da unidade de todo o pobo galego en torno á súa lingua, o que é claramente contraditorio con festexar a complicidade con quen tentou aniquilala”, sinalou.

Finalmente, a entidade fai un chamado "á sociedade galega e a todas organizacións de defensa da lingua e cultura galegas" a se organizaren "para que o Día das Letras Galegas siga a ser, como até o de agora, unha xornada de reinvindicación do noso idioma".

Xosé Filgueira Valverde © http://www.ahlm.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.