Coa periodicidade da andoriña viaxeira, que aloumiña estacionalmente os nosos ceos pero non abura coa súa omnipresenza, chega ás librerías a nova proposta narrativa de Antón Riveiro Coello, un autor que sabe ben da importancia de manter un fío umbilical co seu lectorado que concreta en entregas periódicas de escrita de interese comprobado.
Desta volta a bandada migratoria non nos trae nin rulas de Bakunin nin animalias nin esfinxes de amaranto nin memorias das casas baratas: os contos que, a pedimento dos amigos, foi escribindo e publicando aquí e acolá o limego nestes tres últimos lustros, velaí o precioso material que se recolle en Acordes náufragos, un volume que nace da compilación desas historias antes aparecidas en revistas, volumes colectivos e outros soportes moitas veces de ben difícil acceso e que agora ben luz por xunto por vez primeira.
“Coinciden no tema fantástico e noutros dous puntos cando menos. O primeiro deles e coido que o máis importante, sería o de que en case todos está explícito o asunto do naufraxio, tanto en terra coma no mar"
Acordes náufragos reúne oito relatos e unha novela curta de diferentes temáticas e estilos, ambientadas en tempos e espazos diversos, pero que, secasí, amosan certos elementos cohesivos que os irmandan. Algúns destes nexos de unión son avanzados polo propio Riveiro Coello na “Nota de autor” coa que abre o libro: “Coinciden no tema fantástico e noutros dous puntos cando menos. O primeiro deles e coido que o máis importante, sería o de que en case todos está explícito o asunto do naufraxio, tanto en terra coma no mar. A segunda coincidencia que lle podería dar certa unidade ao conxunto sería a do tema amoroso, na vertente de parella ou familiar”.
Non cabe dúbida de que tanto a pátina fantástica coma o naufraxio vital e as complexas relacións amorosas habitan estas historias. Mais coido que aínda poderían amecérselle ás anteriores outras presenzas máis ou menos constantes como, poño por caso, o destacado papel do mundo da música en moitos deles, a importancia do memorístico na maioría, o relevo do elemento acuoso en non poucos deles e aínda o pairar da loucura e da anormalidade comportamental en varias das tramas.
Xa se dixo que, malia estas bisagras de converxencia, a disparidade circunstancial que fixo agromar no seu día cada unha das narracións explica a súa variabilidade, pois unha cousa é a evocación romántica de amoríos tráxicos e final feliz da noveleta “A canción de Sálvora” (que mesmo chegara a se publicar en volume exento por A Nosa Terra Edicións hai unha década) e outra o relato de obsesión vingativa de “O náufrago irlandés”; moi diferente aparece a levitante “Pirrula ou un punto no ceo” e o desarraigado e identitariamente desposuído de “O afogado de Baronzás”; ben distantes están o metaliterario “O caderno de Alicia” e o doído de xeniais ocorrencias ao que a realidade acora en “O nome no espello”; abondo contrastados os amores alén da morte de “Brucamanigua” e a superstición fluvial de “As memorias do río”.
Outro valor a salientar destas prosas de Riveiro Coello é a súa admirable capacidade para dialogar coa escrita dos máis diversos autores
Outro valor a salientar destas prosas de Riveiro Coello é a súa admirable capacidade para dialogar coa escrita dos máis diversos autores, que transversalizan a súa sombra nestas historias en citas e homenaxes varias, como acontece con Rafael Dieste, Ramón María del Valle Inclán, Eduardo Blanco Amor ou Henri Melville, entre outros, voces maiores que acompañan un narrar consistente no posprocesado que deita novas visións para vellas situacións ben coñecidas.
Talvez estes Acordes náufragos non sexan a melodía de maior ambición de Riveiro Coello —falta afinación para despoxarse de puntuais acomodacións a certos lugares comúns e poida que un maior desapego polos finais de efectismo previsible—, pero queda fóra de toda discusión que hai aquí algúns compases que os oídos máis adestrados saberán apreciar e que achegarán aos que os frecuenten a unha música de fondo de teimas narrativas, fidelidades memorísticas e territoriais e tamén simpatías persoais inequivocamente riveirocoelliana.