“Os tempos do Brundibár significaron un conto de fadas sobre a vida normal no gueto de Terezín”. Con estas palabras define a ópera infantil Brundibár Dagmar Lieblová, supervivente do holocausto nazi que formou parte do coro orixinal que interpretou esta peza do compositor checo Hans Krása no gueto de Terezín (na antiga Checoslovaquia), onde entre a opresión e o exterminio se chegou a representar até 55 veces para os habitantes confinados. Unha vía de escape no medio do horror que Lieblová lembrará esta fin de semana, na que visita Galicia para ofrecer unha conferencia no Paraninfo da USC sobre a súa experiencia e asistir á estrea en galego da ópera Brundibár -montaxe producida pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago en colaboración coa Asociación de Amigos da Opera de Vigo- que chega ao Teatro Principal de Compostela este sábado ás 20.00 horas e a Vigo, ao Teatro Afundación, este domingo ás 17.30 horas.
Lieblová, nacida en Kutná Hora en 1929, foi recibida onte no Concello de Santiago polo alcalde compostelán, Martiño Noriega, quen quixo subliñar “o exercicio de memoria” que implica traer ao galego a ópera Brundibár. “Non esquecer é un exercicio de memoria moi recomendable. Agradecemos a presenza de Dagmar Lieblová na nosa cidade”, sinalou Noriega, para despois subliñar a enorme “carga simbólica” da ópera. Pola súa banda, a propia Lieblová amosouse “sorprendida e agradecida” polo convite a asistir a estrea da versión en galego desta ópera tan significativa, tanto para a súa memoria individual como para a colectiva. “As impresións daquela época fican por sempre na memoria, non se poden borrar”, sinalou brevemente Lieblová perante os xornalistas, antes de facer un chamamento á tolerancia ao indicar que vivimos en toda Europa “un momento moi perigoso” por mor ascenso das forzas de extrema dereita e o aumento da xenofobia e mais da intolerancia
A peza que agora chega a Santiago e Vigo chegouse a representar até 55 veces para as persoas confinadas no gueto de Terezín
Precisamente a intolerancia é un dos temas principais desta ópera infantil, que foi composta por Hans Krása en 1938. A súa estrea celebrouse en 1941, de xeito clandestino, nun vello asilo xudeu sen a presenza do autor, que xa fora deportado a Terezín, unha cidade fortificada próxima a Praga reconvertida durante o III Reich nun gueto particular. “Terezín converteuse nun gueto para xudeus prominentes. Alí confinaron a veteranos da I Guerra Mundial, artistas, creadores, músicos, médicos... Era un gueto que, dalgún xeito, tiña unha disciplina suave, unha opresión de baixa intensidade. Mesmo contaban cun consello xudeu que os gobernaba e permitían expresións artísticas como as representacións desta ópera”, lembra Jesús Couceiro, presidente da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago.
Dagmar Lieblová, estes días de visita en Galicia, foi unha das poucas menores superviventes do campo
Esa represión máis laxa só respondía a un interese propagandístico do réxime de Nazi que, por desgraza, non garantiu a supervivencia dos recluídos. “Terezín servíalle ao nazis como elemento propagandístico a nivel internacional, para amosar unhas condicións de confinamento que eran realmente ficticias e que non se correspondía coa realidade do holocausto. Nese ambiente, permitíanse manifestacións culturais como o Brundibár, tal e como puido observar unha expedición da Cruz Vermella, que acudiu aló en 1944 ante os indicios sobre o xenocidio perpetrado polo nazismo”, sinala Couceiro, antes de engadir que gran parte dos habitantes do gueto de Terezín morrerían alí ou asasinados en Auchwitz, inluído o propio Hans Krása.
Porque os datos desmentían o espellismo prefabricado polo réxime e confirman a tráxica realidade: dos preto de 141.000 xudeus que entre 1941 e 1944 ingresaron no campo-gueto de Terezín, 33.000 finaron no campo, principalmente polas pésimas condicións de vida, e outros 88.000 foron levados a outros campos de exterminio. Dos 15.000 nenos e nenas que pasaron por Terezín, só sobreviviron un cento. Dagmar Lieblová foi unha das poucas menores superviventes.
Fronte ao autoritarismo
Han Krása compuxo a primeira versión da música de Brundibár a partir dun texto de Adolf Hoffmeister en 1938, mais o estoupido da II Guerra Mundial imposibilitou a súa estrea oficial. Foi en Terezín, despois da súa deportación en 1941, onde Krása puido ver a súa obra en pé, ao se implicar cos ensaios e as 55 representacións que se levaron a cabo até que, finalmente, foi trasladado a Auschwitz tres anos despois.
“Brundibár encerra unha mensaxe sinxela contra o matonismo en xeral, subliñando valores inesquecibles na loita contra a tiranía”
A historia de Brundibár narra a loita de dous irmáns, Aninka e Pepicek, por conseguir os cartos precisos para mercar leite e, deste xeito, axudar na recuperación da súa nai enferma. Brundibár é o antagonista da peza, un organilleiro que personifica o egoísmo, o abuso do poder, o autoritatismo, a falta de empatía e a vileza moral fronte aos valores de solidariedade, compañeirismo e loita que representan os irmáns, xunto a todos aqueles que os apoian: un can, un pardal e a rapazada toda da aldea onde viven. “Brundibár encerra así unha mensaxe sinxela contra o matonismo en xeral, subliñando valores inesquecibles na loita contra a tiranía”, resume Couceiro quen, ademais, achega unha rápida visión histórica do seu autor: “Podemos enmarcar a Krása como un autor de percorrido breve polas circunstancias que lle tocou vivir, pero que se circunscribe á xeración do expresionismo centroeuropeo. Para o Nazismo, Krása entraba no concepto da música dexenerada, unha música que non tiña cabida na nova orde”.
Esa mensaxe chegáballes aos rapaces e ás rapazas de Terezín que participaron na representación desta ópera que, ademais, lles ofrecía a oportunidade de compensar momentaneamente a dureza da súa vida cotiá. A asistencia aos ensaios, a correspondente formación que recibiron e as postas en escena contribuíron a darlles un alento de irrecuperable normalidade nas súas vidas.
Sesenta intérpretes no escenario
Este Brundibár significará -ademais da súa estrea en galego- a primeira gran produción da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago que para a ocasión reunirá no escenario a máis de setenta músicos novos, ao contar coa participación da Escolanía da Catedral de Santiago e a Orquestra Praeludim. A Escolanía da Catedral, dirixida por José Luis Vázquez, é un dos coros máis antigos de Galicia. Refundada no ano 2008 por iniciativa do Cabido, a Escolanía está formada por uns corenta nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos. Pola súa banda, a Orquestra Praeludium é unha formación fundada en 2014 en Compostela, dirixida por Mateo Iglesias Seoane e está conformada por intérpretes novos divididos en seccións de vento, corda e madeira.
Na primeira gran produción de Amigos da Ópera reúnense a Escolanía da Catedral de Santiago e a Orquesta Praeludim, fundada en 2014
O corpo artístico de Brundibár complétase con Cándido Pazó quen, ademais de exercer como director escénico e de colaborar na adaptación da obra, tamén subirá ao escenario e integrará un monólogo baseado nesta peza, cuxo libreto pertence a Adolf Hoffmeister. “A ópera, en si mesma, resulta bastante breve e por iso, para completar a experiencia deste concerto escénico incluiremos un monólogo que serve de marco histórico e que relaciona a historia desta ópera con outras grandes inxustizas históricas”, sinala Pazó, quen malia toda a dureza adianta que tamén haberá momentos para o riso. “É moi importante que nunha montaxe coma esta, que xoga cunha posta en emoción tan clara, haxa un contrapunto de humor. Para iso empregaremos unha historia tradicional, A tía Miseria, que transmite a idea de estar sempre atentos contra esa lacra consubstancial á existencia que é a miseria humana”, remata Pazó, quen ademais se encargou da adaptación do texto xunto a Fernando Reyes, mentres que Katerina Vlasakova e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago realizaron a tradución ao galego.