Na rebusca de lecturas pendentes destas últimas semanas descubro Camarada: eu só quería facer algo bonito, o poemario que Begoña Díez Sanz publicou nas compostelás Follas Novas Edicións.
Nada sabía ata hoxe desta valisoletana do 78 que, dende hai case tres lustros, reside na cidade do Apóstolo. Infórmome agora de que é filóloga e profesora, extremos ambos que xa sospeitara pola lectura destes seus versos, ao que parece, de estrea.
Díez Sanz arquitecturiza un volume en catro “actos” nos que insire desigual número de composicións. Anúnciase, así, dende a propia estrutura externa a deliberada mestizaxe xenérica, que hibrida o teatral e o poético, do mesmo xeito que moitos destes textos deixan tamén transparentar o aforístico entre o lírico e o ensaístico.
Camarada... é tamén un gran cóctel de lecturas filtradas, moitas veces con cita expresa, con homenaxes e chiscadelas de ollo constantes que, en non poucos casos, se conciben como auténticas metaliteraturizacións nas que todo cabe, dende os clásicos grecolatinos ata a poesía galega do XXI, pasando por Kafka, Beckett ou Manuel Antonio.
Díez Sanz aposta polo xogo gráfico e a especial disposición versal e tipográfica da páxina, tamén coa escrita parentética e encorchetada, as iteracións e paralelismos, a citación e a creativa contaminación dos paratextos, recursos todos que contribúen a un deseño poético actual e fragmentario, que marida a estética máis á moda co tratamento dos grandes temas de sempre: o amor, a memoria, a identidade, a morte, o paso do tempo, a afirmación xenérica ou o compromiso social.
Multiculturalista, polixenérica e cosmopolita nas súas referencias, a poesía de Begoña Díez Sanz en Camarada... concreta unha formulística e un sentir en converxencia entre a modernidade e a tradición
Multiculturalista, polixenérica e cosmopolita nas súas referencias, a poesía de Begoña Díez Sanz en Camarada... concreta unha formulística e un sentir en converxencia entre a modernidade e a tradición que tamén axudan a substanciar, e moito, as suxestivas fotografías en branco e negro de Xabier Guimarey Maquieira que acompañan os textos.
Aínda que Díez Sanz nos lembra nun dos seus textos que “está moi ben visto/ nos últimos tempos/ morrer nos poemas” —¿e cando non? ¡que llelo pregunten aos nosos trobadores medievais!—, o meu desexo é moi outro: o de longa vida para a súa escrita, agardando por futuras entregas que a confirmen como a interesante voz que agora nace.
Begoña Díez Sanz, Camarada: eu só quería facer algo bonito, Santiago, Follas Novas, 2014, 74 pp.