A de onte foi unha gala de clausura máis reducida que en anteriores edicións, onde o antano director Enrique Nicanor estiraba os discursos máis da conta, e precisamente a brevidade e o ritmo agradecéronse. Como autoridade, só o alcalde de Ourense, o recén estrenado Agustín Fernández, saíu ao estrado, como na apertura, a dar as grazas a toda a organización, os profesionais e moi especialmente ao público, que, co seu apoio, afirmou, “garante a continuación do festival”. Foi esta, a número 17, a que case non se celebra pola falta de financiamento das administración, unha edición tan exitosa ou mesmo mellor cá anterior, con grandes colas tódolos días e curiosidade por tódolos ciclos, non só polas películas que competían na sección oficial.
As actividades paralelas, tales como os coloquios das mañás con profesionais do audiovisual, tanto galego como español, e os concertos á noite, ambos na carpa do Festival, completaron o certame e contribuiron a animar e mover aos espectadores, que responderon á chamada que este ano, como o anterior, se lles facía para asegurar, coa súa fidelidade, a continuidade do festival, que este ano viu recortado en case a metade o seu orzamento. Finalmente, este ano púidose celebrar unha edición máis, a decimosétima, aínda que en formato reducido, polos escasos cartos e a celeridade coa que foi preparado (a finais de agosto rematou a recepción de material, e en tan só dous meses visionáronse 128 pezas, das cales 45 superaron a selección, que se subtitularon e prepararon para o festival).
Probablemente por ese formato máis austero, non houbo grandes discursos, moitos invitados nin premios, mais si unha gala e un guión e presentación á altura, da man do dúo cómico Os da Ría, que tamén levaran a de apertura, e que espertaron a gargallada do público co seu particular idioma inventado, o galegueiro, a súa retranca e os números músico-satíricos que os caracterizan, acompañados dunha banda. Se na primeira a personaxe homenaxeada fora Fernando Ónega, nesta lembráronse de Miguel Delibes e da infanta Elena, cun catártico fin de festa no que invitaron a un “couro váscolo”, que en realidade era o equipo de 12+1, Unha comedia metafísica, a comedia de Chiqui Carabante que pechaba o OUFF (Ourense Film Festival) 2012.
Mais iso era á altura das dez da noite, e até esa hora foron desfilando pola alfombra vermella e no escenario do Auditorio Municipal de Ourense os gañadores desta edición, cuxo xurado estaba composto polo produtor Emiliano Otegui, Dolores Ben, Ángeles de la Cruz e Dominic Lees. Raquel Vázquez e María Barreiro, da organización, entregaron unha mención especial á actriz Nadia de Santiago pola súa primeira interpretación en Ali. Outra mención foi para Lucio Bonelli pola fotografía de Historias que só existen quando lembradas, de Julia Murat. Manuel Precedo, presidente da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) e do Cineclube Padre Feijoo de Ourense, entregou o Premio ao Mellor Guión para a iugoslava The Enemy, de Dejan Zečević , e o seu guionista Djordje Milosavljević. Non puido asistir, mais enviou unha mensaxe de vídeo para agradecer o premio.
A montadora da coprodución de Brasil, Arxentina e Francia, Historias que só existen quando lembradas, tivo que erguerse outra vez da butaca para ir recoller, en nome da súa directora, o Premio Especial do Xurado, da man de Dolores Pita. Chegaron entón os galardóns máis esperados, entre os cales se atopa o Premio Carlos Velo ao Mellor Director, que foi a parar ao sevillano Paco R. Baños, realizador de Ali. O seu amigo e tamén director Chiqui Carabante foi o encargado de entregar a estatuíña.
O Premio do Público á Mellor Película foi para precisamente para Ali, a gran triunfadora de onte. Foi o alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o encargado de entregar o galardón. Antes, dixera xa que, malia que advertira na gala de apertura que o festival estaba “ferido de morte”, coa “resposta rotunda e extraordinaria” do público, “enchendo as salas de cine”, este “garantiu”, segundo as súas palabras, “o futuro deste festival”.
O Premio do Xurado á Mellor Película foi presentado por Emiliano Otegui, produtor de, entre outras obras, Tesis, A lingua das bolboretas, El Bosque Animado ou Amanece que no es poco, que afirmou que as doce películas que participaron na sección competitiva son “moi boas, cheas de matices e riqueza”, ademais de que “son moi difíciles de ver nas salas comerciais”, polo que suliñou a importancia de festivais como o de Ourense, “capaces de achegar este tipo de cinema ao espectador”. De seguido entregou a distinción á polaca Roza, de Wojciech Smarzowski, preseleccionada polo seu país para competir nos Oscar de Hollywood. O director do filme non puido asistir ao acto por estar gravando a súa próxima película, pero si mandou unha mensaxe na que amosaba que, para el, "é unha honra e un orgullo recibir este premio". Smarzowski agradeceulle ao festival “o ter escollido a nosa película para competir no certame, ao público por ir vela e aos membros do xurado por concedernos este premio", e sinalou tamén que en Polonia "temos unha rexión xeográfica e histórica chamada Galicia, Galitzia, da que eu son", polo que, segundo dixo, "aínda que nunca estiven aí, unha parte do meu corazón ficará para sempre en Ourense".