O pasado ano unhas trescentas sinaturas de profesores universitarios, alumnos e tamén reitores e decanos de centros de todo o planeta apoiaron unha proposta dirixida á Modern Language Association en demanda de que os estudos sobre lingua e literatura galegas contasen cunha sección propia permanente e un grupo de debate de seu no seo desta entidade. Esa proposta vén se acadar o seu obxectivo. Este xoves os seus impulsores recibiron unha comunicación oficial da directora executiva da Modern Language Association, Rosemary G. Feal, indicando que o Galician Language, Literature and Culture Forum fora aprobado, como lle confirmou o profesor Gabriel Rei-Doval ao xornalista Xesús Fraga.
Gabriel Rei-Doval destaca que se trata "dun éxito sen precedentes para a lingua, literatura e cultura galegas a nivel internacional"
O primeiro congreso en que isto será plenamente oficial celebrarase en xaneiro de 2016 en Austin (Texas), mais o Galician Language, Literature and Culture Forum figura xa no novo organigrama da MLA. Gabriel Rei-Doval destaca que se trata "dun éxito sen precedentes para a lingua, literatura e cultura galegas a nivel internacional". "A nosa lingua, literatura e cultura pasan a formar parte da Champions League", engade. De MLA formaban xa parte as principais linguas do mundo, e tamén un grupo selecto de linguas, culturas e literaturas minorizadas entre as que se encontran a catalá, a escocesa ou a yiddish, entre outras.
O Comité Executivo proposto, e agora aceptado por MLA, constituído por socios da mesma e que foron tamén autores da proposta, está formado por: Kirsty Hooper (Univ. Warwick, UK), Eugenia Romero (Ohio State University, USA), Obdulia Castro (Regis College, USA) e Gabriel Rei-Doval (Universidade de Wisconsin-Milwaukee, USA). Na elaboración da proposta participou igualmente Benita Sampedro (Universidade Hofstra, USA), José María Rodríguez García (Duke University, USA) e Miguel González Abellás (Universidade Washburn, USA).
A proposta tiña a súa orixe na lista de correo González-Millán Galician Studies, un foro creado en 2004 para debater asuntos relacionados con Galicia e os Estudos Galegos cunha perspectiva ampla e global. Destacábase que a creación desta sección propia permanente e dun grupo de debate achegaría "a atención sobre os estudos galegos" en todo o espazo académico anglosaxón e tamén elevaría "o perfil" da lingua, literatura e cultura galegas, conectadas cos estudos noutros campos
A Modern Language Association
Destacábase que a creación desta sección propia permanente e dun grupo de debate achegaría "a atención sobre os estudos galegos" en todo o espazo académico anglosaxón e tamén elevaría "o perfil" da lingua, literatura e cultura galegas
A Modern Language Association é a máis importante asociación norteamericana para investigadores en lingua e literatura, con máis de 30 mil membros en máis de 100 países. Nos Estados Unidos e Canadá, MLA establece estándares para a investigación, organiza un congreso anual de tódalas disciplinas dentro do campo das linguas, literaturas e culturas, fornece os recursos para realizar entrevistas de traballo neses mesmos eidos e, en xeral, é aceptada como a corporación que valida e recoñece os estándares académicos neste país e en boa medida internacionalmente.
Os promotores da demanda, inspirada e que reivindicaba o traballo pioneiro de dinamización da cultura galega nas universidades estranxeiras realizado por Xoán González-Millán nos Estados Unidos até a súa morte en accidente de tráfico en 2002, lembraban tamén a actividade doutros investigadores e intelectuais. No texto destacábase o labor de Ramón Martínez López, Ernesto Guerra da Cal, Xosé Rubia Barcia e Emilio González López, e tamén o traballo da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG). O éxito é de todos eles.
Salientábase igualmente a creación de centros de estudos galegos nas universidades de Birmingham, Oxford-Queen’s College, Cork, Stirling, Bangor, California-Santa Barbara e La Trobe, en Australia. E tamén que o galego se estuda en Liverpool, Exeter, Southampton Warwick (Reino Unido), e en Wisconsin-Milwaukee, ou a súa presenza cada vez máis frecuente en congresos de primeiro nivel nos Estados Unidos.