O 27 de xuño de 2009 ás 18:27 horas a Torre de Hércules foi declarada Patrimonio da Humanidade, polo que se converteu no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Compostela. Este sábado pola noite a cidade da Coruña celebrará o décimo aniversario dese fito histórico cun espectáculo de luz e son protagonizado por un concerto exclusivo de Mercedes Peón, que creou un espectáculo pensado para esta ocasión.
A partir das 21.30 comezará o concerto de Mercedes Péon, titulado Achégate a min
A partir das 21.30 comezará o concerto de Mercedes Péon, titulado Achégate a min. Nel, Peón aplicará á contorna natural da Torre de Hércules os esquemas creativos do seu último traballo discográfico Deixaas, realizado con Mónica de Nut e Ana Fernández. O concerto busca "achegar o carácter universal e emblemático do monumento" cunha escenografía única e diferente. Nesta experiencia artística participarán, ademais de Mercedes Peónm Mónica de Nut e Ana García, as voces líricas de Laura González, Laura Garrido e Yolanda Alleges, e coa proposta escénica de Laura Iturralde.
Ás 23 horas comezará o espectáculo de luz, no que o exterior da Torre converterase nunha xigantesca pantalla de 36 metros de alto e 24 de ancho (ao proxectarse sobre dúas caras do faro, cada unha de 12 metros). O evento, que terá unha duración de vinte minutos, está organizado polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.
As imaxes establecerán un protagonismo compartido entre a Torre de Hércules e un vello mariño cun diálogo que traza un fío argumental que pon en valor a historia deste monumento
A vídeo-proxección repetirase o domingo á mesma hora. As imaxes establecerán un protagonismo compartido entre a Torre de Hércules e un vello mariño cun diálogo que traza un fío argumental que pon en valor a historia deste monumento. A memoria do vello mariño falará das grandes rutas atlánticas dos navegantes, do faro como guía aos mariños, e cunha especial mención á Torre como punto inicial do Camiño Inglés, nunha actividade que se encadra no calendario impulsado polo Xacobeo 2021.
O concerto de Mercedes Peón será precedido pola representación da Hécuba de Eurípides, tamén ao pé da Torre. O espectáculo desta noite completa unha programación, iniciada o pasado mes de maio, que incluíu un ciclo de conferencias que baixo o título A Torre da saudade abordaron o valor do monumento como testemuña das migracións humanas e da natureza.