Armando Requeixo comenta a última novela de Agustín Fernández Paz que presenta este venres o seu libro ás 19 horas na Feira do Libro da Coruña, onde asinará exemplares a partir das seis na caseta da Librería Pedreira
A viaxe de Gagarin é o máis recente título narrativo saído do maxín do incansable Agustín Fernández Paz, unha novela que ten un moito de libro de memorias ficcional e un non pouco de bildungsroman, de novela de aprendizaxe na que a infancia e adolescencia do mozo protagonista (un rapazolo da quinta do 1952 que, dende o 2011, lembra feitos e momentos acaecidos na década dos sesenta) son o territorio vivencial no que se desenvolve este relato.
Como pode deducirse do propio título, a paixón pola carreira espacial e a competición ruso-estadounidense que naquela década se desenvolveu é crucial na obra, que se enmarca no temporal xusto entre o primeiro voo orbital dun humano arredor da Terra (o de Gagarin o 12 de abril de 1961) e a aluaxe de Armstrong (o 20 de xullo de 1969). En paralelo a ese ir abríndose ao Espazo de cosmonautas soviéticos e astronautas ianquis vai producíndose tamén a maduración, o paso da puberdade á adolescencia do protagonista, nun xogo de espellos que se retroalimentan e cohesionan estruturalmente a narración.
Mais este marco de referencias temporais externas está ao servizo do novelado dunha historia ben recoñecible (moitas semellantes houbo) da represión franquista contra os militantes clandestinos do PC. Os pais do protagonista e algúns amigos moi próximos loitan coas armas da palabra (son escritores, impresores, mestres) confeccionando revistas por medio das cales informan á poboación da verdadeira España que padecen.
Adobiando a narración, unha romántica e intensa trama amorosa (capuletos franquistas e montescos antifascistas) e o relato dun tempo e unha sociedade que, malia a todo, progresaba daquela maneira e asistía a cambios nos modos e costumes que os ían achegando a certa modernidade dende as cavernas do autoritarismo do Ditador.
A viaxe de Gagarin conta con todos os atractivos para facer da súa lectura unha agradable experiencia
A viaxe de Gagarin conta con todos os atractivos para facer da súa lectura unha agradable experiencia: unha prosa liberada de complexidades lexicais, de períodos curtos e aliviados de hipotaxes recursivas; unha arquitectura narrativa transparente, cun relato memorialístico que avanza lineal e engade dous apéndices tamén secuenciais; o debuxo de personaxes defrontados cos que resulta doado empatizar e nos que apenas hai claroscuros, pois son prototípicos no modelado; e unha deliberada simplificación de calquera recurso que puidese dificultar a interpretación, apostando por unha modalización narrativa única na que os procesos de simbolización e estratificación intertextual foron deliberadamente acomodados para que nada empecese o seguimento da trama.
Os que fiquen con ganas de saber máis sobre A viaxe de Gagarin antes de desembarcar na lectura, o que sen dúbidas recomendo, teñen aínda unha outra posibilidade: a consulta do blog agustinfernandezpaz.eu/gagarin onde o autor foi deitando comentarios de grande interese para mellor comprender os procesos da escrita e as fontes de documentación manexadas para a redacción da novela, incluídas instantáneas e outras referencias decisivas para a comprensión do ánimo comunicativo que gurgulla en moitas pregas das súas páxinas.
Agustín Fernández Paz volveu confirmar a súa pericia técnica e o absoluto dominio dos recursos que todo novelista eficiente e experimentado debe saber manexar con oficio
Con esta nova entrega narrativa, Agustín Fernández Paz volveu confirmar a súa pericia técnica e o absoluto dominio dos recursos que todo novelista eficiente e experimentado debe saber manexar con oficio. Léndoo un decátase mellor de que esa ‘espléndida desolación’ coa que Buzz Aldrin definía a paisaxe lunar é tamén a máis lograda caracterización para un tempo e unha memoria que, porén, nas mans deste vilalbés aínda escharetaron algunhas velaíñas faíscas, tal vermes de luz ardorando na noite máis escura.