Máis unha vez asistimos ao evento literario do ano en Arteixo: o seu premio de narracións breves. O evento, programado para a mañá para os medios xeralistas poderen (quereren?) dar noticia do mesmo, conta habitualmente coa presenza de escolares e xubilados, para alén das personalidades implicadas, a propia organización, os tres finalistas (foto da dereita) e algúns espectadores de horarios estraños como quen isto escribe. Ninguén pode, salvo desempregados con vontade de pasear, acudir cun horario laboral común.
Con todo, o acto decorreu coa axilidade e emoción de sempre, sen dúbida debidas á veteranía da organización e á expectación que xera un premio tan recoñecido, necesario e portanto valioso para o sistema literario como este de Arteixo. Neste sentido, sendo de resaltar o bon facer do coordinador, o experimentado mestre Julio Mancebo, do xurado representado este ano polo poeta e libreiro Modesto Fraga e das sentidas e humildes palabras do gañador do certame, Adolfo Caamaño, destacaron as palabras do alcalde da vila Carlos Calvelo.
"Quero facer un chamamento para que todos se animen a ler autores galegos, posto que son os nosos creadores máis cercanos e os que mellor poden conectar coas nosas preocupacións, cos nosos motivos de delicia e os nosos interrogantes vitais"
Efectivamente, cun discurso que non ten nada a ver coa política cultural dos seus compañeiros de partido na actualidade na Xunta e en concellos próximos como o da Coruña, defendeu con rotundidade o feito literario e a lectura de "historias que farán a nosa vida mellor, porque se para algo serve a literatura é para mellorar a existencia de todos os que a disfrutan".
Mais isto non ficou aí, pois mesmo considerou facer un decidido e oportuno alegato en favor da literatura galega: "Quero facer un chamamento para que todos se animen a ler autores galegos, posto que son os nosos creadores máis cercanos e os que mellor poden conectar coas nosas preocupacións, cos nosos motivos de delicia e os nosos interrogantes vitais". Queremos pensar que estas louvábeis palabras, ao menos, han de servir para asegurar a feliz pervivencia deste certame en tempos tan pouco respeitosos co xenio autóctono.