Dúas voces insubmisas. Afoutas, contestatarias, fronte aos poderes que nos oprimen. Irmandadas na oposición á violencia, ao patriarcado. Carmen Blanco e María Xosé Queizán. As dúas, autoras fundamentais no pensamento feminista galego, afondan no seu compromiso nas súas últimas obras. A primeira, nos poemarios ‘Un mundo de mulleres’ (Biblos) e ‘Lobo amor’ (Unión Libre). A segunda, na novela ‘Meu pai vaite matar’, (Xerais).
‘Un mundo de mulleres’ é unha reivindicación do amor. Unha celebración da vida, do pracer. Un canto libertario. Como os microrrelatos da súa anterior obra ‘Atracción total’. Libros “inspirados pola poesía da paz”, segundo a súa creadora os define. Desta volta, Carmen Blanco volve condensar unha linguaxe clara e directa en versos minimalistas, reducidos con frecuencia a unha soa palabra.
“Estes poemas lóstrego queren alumar a apertura múltiple na condensación dun punto dos principios, seguindo o estilo mistérico e sapiencial dos pensamentos poéticos universais, como, por exemplo, o das sibilas. Mais os poemas longos, reiterativos e paralelísticos seguen o estilo da poesía dos rituais supostamente ‘prepatriarcais’ de moitas das relixións máis antigas que se coñecen. E tamén hai pracer fónico, a música que canta, onde nace Lobo amor”, explica a escritora.
‘Lobo amor’ retoma a sinatura da heterónima de Carmen Blanco, Enma Luaces. Poemas de só un par de versos, con ronsel de haiku, e enumeracións de vertixe, dialogan con lobos e lobas libres, liberados. ‘Un mundo de mulleres’ homenaxea, precisamente, a forza de donas autoafirmadas que viviron en distintas épocas ou poboaron a literatura. Das sereas unidas aos “Ulises libres” a Rosalía de Castro, Elisa e Marcela, ou as represaliadas tras o golpe do 1936.
Blanco continúa, así, o seu traballo de visibilización do lugar das mulleres na historia. Como en ‘Alba de mulleres’, nos seus ensaios sobre literatura feminina, ou na súa participación en exposicións como ‘Vivas en nós’ ou ‘Vermellas, chamábanlles rojas’. Presta, sempre, unha atención especial ás anarquistas, protagonistas dos seus libros 'Casas Anarquistas de Mulleres Libertarias’ e ‘Feministas e libertarias’. “A musa memoria da loita pola liberdade é imprescindible para mellorar o mundo”, asegura.
O erotismo, o corpo “negado polos poderes”, o desexo libre como símbolo da vida, da orixe, está tamén moi presente en ‘Un mundo de mulleres’. Como a diversidade: lingüística, étnica, nacional...; ligada a unha reivindicación da tolerancia, da convivencia en paz, alén das fronteiras. Internacionalismo, cos pés postos en Galicia: o lugar, a muller que, nesta obra, agoira que os seus desexos de ser “absolutamente libre” se cumprirán.