Agadic adía a marzo o sucedáneo de Flocos por mor dos dereitos de autor

Flocos.tv, pechada, e a futura Canle.tv CC-BY Elaboración propia

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) lanzará en marzo Canle TV, o espazo virtual que substituirá á desaparecida filmoteca virtual Flocos.tv. Deste xeito, a clausurada videoteca en liña terá continuidade tres anos despois de que, coa chegada do PP ao Goberno, os responsables da política cultural da Xunta decidisen paralizar o proxecto e deixalo morrer. Flocos.tv ficou varado na rede  sen actividade ningunha até que, en febreiro do ano pasado, a Agadic decidiu finalmente botar o peche definitivo e clausurar o portal. Perdíase así un recanto no que calquera internauta podía visionar máis de 400 fitas do audiovisual galego que se foron subindo entre decembro de 2008 e marzo de 2009. Un espazo que, en apenas catro meses de vida, chegou a recibir preto de 10.000 visitas diarias.

O director de Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, xustificou a decisión nos gastos de mantemento que, segundo o seu punto de vista, eran demasiado elevados. Fasero comprometérase entón a pór en marcha unha plataforma dentro da propia web da Agadic. Esa plataforma será Canle TV e poderase consultar a partir de marzo.

Polo menos, esa é a intención de Fasero quen asegura que o sistema operativo do novo portal está completamente listo dende hai tempo. Non obstante, este novo proxecto viuse atrasado por mor dun obstáculo legal: os dereitos de autor. Segundo explica o director da Agadic, as producións aloxadas en flocos.tv estaban nun limbo alegal. "Flocos.tv era un suicidio. Non había permisos por escrito nin dos autores nin dos produtores de ningunha das películas que estaban en Flocos. Queremos entender que existían permisos verbais, pero por escrito non tiñamos nada", recoñece Fasero. Cando Industrias Culturais quixo arrancar Canle TV, atopáronse cos Servizos Xurídicos da Xunta. "Dende Agadic puxémonos en contacto con eles e dixéronnos que sen permisos, non se podía levar acabo. En Flocos había unha situación quizais non de ilegalidade, pero polo menos si de alegalidade", xustifícase Fasero, que insiste en que "só había un acordo verbal, pero ningún documento, nada por escrito".  

Ante este atranco, iniciouse xa un proceso para conseguir os permisos de todos e cada un dos contidos de Flocos. Esta mesma semana, a Agadic está a enviarlles aos autores e produtores unha serie de formularios para que consintan que as súas producións estean dispoñibles en Canle TV. Os responsables desta nova plataforma agardan conseguir as autorizacións daqueles que dean o seu consentimento nas primeiras semanas de febreiro.

Canle TV estará, segundo os cálculos da Agadic, no mes de marzo.

Disporá dun sistema operativo totalmente diferente ao de Flocos e encargouse o deseño á empresa ACV Galaica. Dende o punto de vista de Fasero, o novo sistema "funciona igual de ben ou mellor que o de Flocos" e  resulta máis "económico" que o anterior. "Custa entre 6.000 ou 7.000 euros e non cobran o mantemento", explica. ACV Galaica é a empresa de deseño que se encargou do anovamento do web da propia Agadic o pasado verán. Precisamente aproveitouse ese momento, cando se produciu o lavado de cara do portal de Industrias Culturais, para anunciar que se estaba a preparar o substituto de Flocos e que faltaba pouco para o seu lanzamento. Dende aquela, a web da Agadic reserva un espazo para a nova filmoteca en liña. Se un entra na plataforma, achará unha mensaxe que, dende o pasado agosto, simplemente di: "CANLE TV. Proximamente".

Flocos.tv, pechada, e a futura Canle.tv CC-BY Elaboración propia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.