David Pintor é un dos nosos mellores ilustradores, probablemente o máis internacional. O seu traballo leva un selo moi persoal, cheo de detalle, impresiona pola súa calidade, pola súa cor e non lle falta imaxinación para crear novos mundos cos que soñar. Leva máis de vinte anos no mundo da ilustración, primeiro como caricaturista político alá por 1992 e despois coma ilustrador a partir do ano 2000 cando pensou noutros campos como o da ilustración infantil.
Que momento estás a vivir?
Agora mesmo sigo coa miña carreira como humorista gráfico, e vivo un momento moi interesante para min, onde estou diversificando o meu traballo mantendo unha actitude aberta a todas as infinitas posibilidades profesionais que se me están a presentar. Levo xa máis de 20 anos de profesión, e creo que xa fixen moitas cousas, pero teño a sensación de que o mellor está inda por vir...
Cantos libros publicaches este ano e para cantas editoriais?
Este ano publiquei catro libros ilustrados: O Brinca vai! de Paco Nogueiras editado por Kalandraka, que é todo un éxito e xa vai pola segunda edición; A menina alta, un álbum ilustrado que fixen para unha editora brasileira e que sae este nadal; That day, when..., un libro para unha pequena editorial armenia con sede en Francia, e The white world, un álbum ilustrado para os máis pequenos, para o mercado coreano. No mes de xaneiro sairá o álbum ilustrado que acabo de rematar sobre a primeira Guerra Mundial, da que se cumpre o centenario, para unha editorial italiana, e co quedei especialmente contento. O seu título é A piccola grande guerra, e presentarase na próxima feira de Boloña de 2015 coincidindo co aniversario da participación de Italia na primeira das grandes contendas.
"O meu proxecto máis inmediato é acabar o libro de Barcelona para a editorial Kalandraka, que continúa a colección que empecei con Compostela, e seguín con Lisboa"
Publicas en moitos idiomas galego, portugués, inglés, italiano, catalán, coreano, español... Hai algunha publicación especialmente significativa para ti?
O proxecto do libro That day when..., escrito en armenio, foi dende o principio moi atractivo para min. Coñezo a Hasmig Chahinian, a editora, dende hai varios anos. É unha muller nacida en Libano e que reside en París, moi interesada na literatura infantil e que se animou a fundar unha pequena editorial infantil para publicar libros en armenio que é unha lingua minorizada. Ela faloume da escaseza de libros infantís escritos orixinariamente en linguaxe armenia, e iso foi un grande aliciente para min á hora de aceptar facer as ilustracións para este libro que a propia Hasmig escribira. Poder participar nun proxecto como ese foi unha honra para min.
"A crise está golpeando moi forte no sector editorial, que segue sendo un dos campos máis fecundos para os ilustradores. E aínda que case todas as editoriais respectan e valoran o traballo do ilustrador, quedan algunhas que non o fan"
Cales son os proxectos de futuro máis inmediatos en que estás a traballar?
O meu proxecto máis inmediato é acabar o libro de Barcelona para a editorial Kalandraka, que continúa a colección que empecei con Compostela, e seguín con Lisboa. Unha homenaxe que quero ir facendo a esas cidades que visitei e que me marcaron a nível persoal. Teño que dicir que son uns libros onde me sinto moi cómodo e onde podo traballar dunha maneira totalmente libre na súa concepción. Ademais, que sexa Kalandraka quen o edite é un auténtico luxo.
"Aínda se ven nos andeis galegos libros infantís nos que o autor das imaxes non aparece nas cubertas, a pesar da importancia que estas teñen no libro"
Que pensas da situación actual do sector da ilustración e das oportunidades que hai?
A situación é, en xeral, moi complicada. A crise está golpeando moi forte no sector editorial, que segue sendo un dos campos máis fecundos para os ilustradores. E aínda que case todas as editoriais respectan e valoran o traballo do ilustrador, quedan algunhas que non o fan. Eu destacaría cunha primeira ollada, varios problemas, algúns relacionados coa crise como unha precarización maior do traballo dos ilustradores ou que esteamos peor pagados. Ante a falta de traballo, moitos profesionais vense obrigados a aceptar pagamentos por debaixo do normal e cada vez menos ilustradores poden vivir dignamente do seu. Outro problema é a minusvaloración e aínda se ven nos andeis galegos libros infantís nos que o autor das imaxes non aparece nas cubertas, a pesar da importancia que estas teñen no libro. O sectarismo é un mal da nosa LIX e a pesar de que na variedade hai riqueza, algúns profesionais somos ignorados e apartados dalgúns circuítos culturais, tendo que emigrar a outros mercados fóra de Galicia. Nalgúns casos tamén hai indefensión xa que segue a haber ilustradores que non cobran, cláusulas abusivas nos contratos, utilizacións ilegais das imaxes, etc.
"O sectarismo é un mal da nosa LIX e a pesar de que na variedade hai riqueza, algúns profesionais somos ignorados e apartados dalgúns circuítos culturais"
A pesar disto, hai que dicir que estamos nun momento con algúns detalles que invitan ao optimismo, pois tamén hai oportunidades cara ao futuro pola internacionalización do noso traballo, ao ser máis doado para un ilustrador, debido ás novas tecnoloxías, traballar en todo o mundo. A imaxe é universal e pode abrirnos as portas a un mercado global. A importancia do libro ilustrado medrou considerablemente e existe un interese evidente polo libro-obxecto, onde a imaxe ten un papel moi importante. A día de hoxe, eu considero que é na ilustración onde se encontran os máis interesantes artistas plásticos do momento. Un non deixa de asombrarse da variedade e calidade que hai en todo o mundo, somos creadores e esa segue sendo a nosa forza para un futuro escenario cultural. Diversificando o noso campo de acción en deseño, cómic, decoración, merchandising, animación, moda, videoxogos... amplíanse tamén as oportunidades ata o infinito.