Albert Serra: “Hai algo, non direi subversivo, pero si inédito ao ver a Louis XIV morrer con esta banalidade”

La mort de Louis XIV © Cineuropa

Cando Albert Serra recolleu o premio Cineuropa en 2013 apuntou que aínda que era un galardón “merecidísimo” quizá fose algo prematuro recoñecer a súa traxectoria e por tanto ía facer méritos para ser digno del no futuro. Meu dito, meu feito. Tres anos despois volve ao compostelán Teatro Principal para presentar La mort de Louis XIV, a crónica dos últimos días dun Rei Sol prostrado na cama. O filme, que foi presentado no Festival de Cannes, valeulle o prestixioso premio Jean Vigo que outorga o cinema francés a novos realizadores, o que dá unha pista do grao de aceptación do seu cinema no país galo.

O filme nace dun encargo frustrado do Centro Pompidou, nun primeiro momento o proxecto consistía nunha instalación coa morte do monarca en tempo real durante quince días, pero ao non realizarse por razóns orzamentarias ofrecéronlle levar a historia ao cinema. Como comentou Serra no Teatro Principal isto fíxose “respectando o espírito da performance, mantendo unha unidade de espazo, tempo e acción para observar de maneira íntima e próxima a morte, non en tempo real pero polo menos cunha percepción do tempo bastante sofísticada”. Desta forma vemos consumirse a Louis XIV nunha habitación, aos pés dunha cama pola que desfilan criados, cortesáns, doutores, relixiosos... Vemos como di Serra “o poder absoluto enfrontándose á morte: a impotencia absoluta” e onde nós, como espectadores, asistimos ao espectáculo sen ningún tipo de amarra histórica ou contextual. “Liberándonos de toda a información, de toda a ideoloxía, de todo o que sabiamos para facer un pasado vivo que sexa imprevisible e teña a poesía e o misterio das cousas que pasan en presente”, explicou o director catalán.

La mort de Louis XIV é, se cadra, a película máis accesible da filmografía de Albert Serra e, sen dúbida, a que fai un tratamento histórico dos personaxes máis fidedigno. Esta circunstancia non elimina, polo menos non por completo, os acenos de identidade do seu cinema. Evidentemente é unha película máis contida e menos excéntrica pero tamén existen alivios narrativos marca da casa como a relación entre os médicos ou o charlatán de Marsella que, case como un alter ego do propio director, rouba o protagonismo ao Rei Sol nos instantes que aparece en pantalla. Cinematograficamente o máis interesante é a montaxe da segunda metade da película, cun sutil traballo de imaxe e son que fai que o paso entre escenas sexa fluído pero confuso, xogando a mesturar tempos e espazos, xerando unha sensación similar á que padece o monarca que xa non distingue entre noite e día, entre vida e morte. O logro desta película atopámolo, con todo, na representación do feito histórico en si, no punto de vista e o tratamento totalmente desmitificador que propón. Non hai grandilocuencia ningunha ou unha espiritualidade exacerbada no proceso, é simplemente un home moi enfermo morrendo. O propio director é consciente diso cando afirma que “hai algo, non direi subversivo, pero si inédito en ver  un personaxe desta magnitude morrer con esa banalidade”. E reivindica ese “enfoque moderno” no retrato da morte de Louis XIV.

O filme nace dun encargo frustrado do Centro Pompidou, unha instalación coa morte do monarca en tempo real durante quince días

Esta é a primeira película do cineasta na que traballa con actores profesionais e o elixido non foi outro que a lenda Jean-Pierre Léaud. Aínda que Albert Serra se apresurou en aclarar que a elección neste caso é por afinidade persoal e non por méritos profesionais, resulta inevitable non trazar un paralelismo entre o personaxe, o Rei Sol, e a persoa, o actor fetiche de François Truffaut e rostro inmortal da Nouvelle Vague da que Serra é en parte herdeiro. O propio director comentou a importancia da presenza do francés na cinta afirmando que “Jean-Pierre Léaud concentra no seu rostro toda a complexidade dos temas que rodean o Rei. El co seu só rostro pode fixar gráficamente as liñas das problemáticas”. Aínda, o catalán gabouse de poñer a proba ao actor co seu particular método de traballo, afeito interpretar ante unha soa cámara, Jean-Pierre Léaud “perdía a perspectiva” ante o dispositivo de tres cámaras co que roda. Un dispositivo que aínda que non é habitual no cinema, el defende máis se cabe para esta película. “Os temas tratados gardan unha coherencia coa forma de rodar, con tres cámaras, con variacións das escenas, sen ensaios... Mantendo a idea de performance, de rodar o presente”, sostivo Albert Serra engadindo que “con tres cámaras desaparece a idea de significados concretos e ao mesmo tempo nace a idea do que que deberían ser todas as películas: crear sentidos en tempo real”.

O filme amosa "o poder absoluto enfrontándose á morte: a impotencia absoluta"

Aínda que estamos ante unha película formalmente impecable e neste sentido a máis precisa do director, el mesmo recoñeceu ante as preguntas do público que persoalmente gustaba máis de Historia de la meva mort (2013). Non en balde estamos ante un encargo, libérrimo na súa execución pero encargo ao cabo e iso limita en parte o despregamento de virtudes ao que nos ten acostumado. Antes de presentala advertiu que esta “é unha película modesta, que aínda así, na súa modestia, non deixa de ser unha das mellores películas do cinema español”. Resulta complicado adiviñar se tras a afirmación se atopa un fino sentido do humor, un ego indomable ou as dúaas, en calquera caso os argumentos cinematográficos que ofrece lexitima a provocación. Tras a proxección profundando nas súas preferencias e ambicións confesou que a súa película ideal axuntaría a excentricidade e a “tolemia” de Historia de la meva mort coa “precisión” de La mort de Louis XIV e prometeu que sería “a seguinte película”. Ou como diría o doutor do Rei Sol na escena final da película: “a próxima vez farémolo mellor”.

Albert Serra, durante a súa intervención en Cineuropa, no Teatro Principal de Santiago © Cineuropa
Cartaz de 'La mort de Louis XIV' © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.