As editoras compostelás promoven unha feira das industrias culturais á marxe do apoio institucional

Acto das editoriais compostelás CC-BY-SA Alberto Ramos

Positivas, Alvarellos, Sotelo Blanco, Contos Estraños, Urco e Hugin e Munin. Estes son os seis selos que constitúen a asociación Editores de Compostela e son as que promoverán, a partir de outubro, unha feira das industrias culturais en Santiago os primeiros sábados de cada mes. “A idea é poñer en contacto os produtores culturais de Santiago e comarca, por poñer ao principio unha demarcación territorial. E poñelos en contacto fisicamente, buscando alternativas novas para visibilizar os nosos produtos”, sinala Henrique Alvarellos, membro da citada asociación e responsábel da editora que leva o seu apelido. Deste xeito, as editoriais de Santiago crean unha nova vía para tentar superar as difíciles circunstancias económicas. “É un camiño paralelo á fonda crise que nos está a matar”, sinala Alvarellos, quen explica que a iniciativa “está aberta a todos; lanzouse a todo o mundo e acollida está a ser boísima”.

A cita será os primeiros sábados de cada mes e o lugar escollido, Área Central

Nese sentido, os Editores de Compostela promoveron a idea e estendérona a todas as chamadas industrias culturais. “Xa houbo contactos con todos, porque a idea é que non sexa só unha cuestión para os libros, senón que estean presentes todos os sectores”, lembra Alvarellos.

A cita será os primeiros sábados de cada mes e o lugar escollido, Área Central, que lles ofrece o espazo e a loxística necesaria para o desenvolvemento dun evento mensual que, moi probabelmente, se chame, sinxelamente, Feira das Culturas.

Polo tanto, todos os sectores están chamados a este proxecto, cuxo financiamento procederá principalmente das achegas que realicen os participantes. Cada colectivo, artista individual, produtora, asociación profesional ou entidade que queira contar cun posto nesta feira ou desenvolver unha actividade, deberá abonar unha tarifa “simbólica”.  O posto por un sábado custará 20 euros e, no caso de querer participar en tres xornadas, a cifra subirá até os 50 euros. “Moi lonxe dos prezos que hai nas feiras do libro ou doutras feiras”, asegura Alvarellos.

“Este proxecto que lanzamos é moi sinxelo e agardamos que a xente o complique coas súas achegas e a súa participación”

“Este proxecto que lanzamos é moi sinxelo e agardamos que a xente o complique coas súas achegas e a súa participación”, engade Paco Macías, de Edicións Positivas, que afronta esta feira con “moita ilusión” e advirte que pretende ser novidosa. “Nós non queremos que sexa unha feira cultural xa vista, ten que ser algo novo e feita entre todos”, engade.

"A feira de Barcelos, coas súas galiñas e os seus porcos, faise sempre, pase o que pase. E non teñen axuda económica nin subvencións institucionais”

A “sinxeleza” que destaca Macías é un dos trazos da concepción da idea, que intenta buscar paralelismo coas feiras que todos coñecemos, máis aló do ámbito cultural. “Non é máis que adaptar a feira tradicional ao noso sector. Coa súa forma e a súa periodicidade”, sinala Macías. Nese sentido, o editor de positivas reflexiona claramente sobre as relación coa administración pública. “Se miramos a Portugal, por exemplo, a Feira do Libro de Porto pode que non se faga, porque non hai cartos públicos ou porque as institucións van aplicar tesoiradas. En cambio, a feira de Barcelos, coas súas galiñas e os seus porcos, faise sempre, pase o que pase. E non teñen axuda económica nin subvencións institucionais”, exemplifica Macías.

É por iso que a organización da feira prescinde de calquera tipo de convenio ou apoio económico das institucións. “O Concello, a Xunta ou a Deputación, se queren participar dalgún xeito, pois poden contratar actuacións e enmarcalas na feira. Nós non lles imos pedir nada”, di Macías antes de proclamar que “hai que funcionar fóra da administración”. “Temos que rachar coa dependencia, organizarnos doutro xeito e buscar  solucións e, sobre todo, buscar o público. Quedar quieto e esperar a administración pois, francamente, é unha estratexia mala”, sentencia. “Se as institucións queren participar, que se acheguen elas”, remata Alvarellos.

“O Concello, a Xunta ou a Deputación, se queren participar dalgún xeito, pois poden contratar actuacións e enmarcalas na feira. Nós non lles imos pedir nada”

Con esta filosofía, a Feira das Culturas principiará o primeiro sábado de outubro. Ao longo dese día, Área Central acollerá nos seus corredores a iniciativa, cos seus postos e actividades. E repetirase, polo menos, ao longo dun ano. “Despois faremos balance, miraremos como funcionou e decidiremos se é hai que repetir”, conclúe Alvarellos.

Acto das editoriais compostelás CC-BY-SA Alberto Ramos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.