"Todas as familias felices parécense,
as desgraciadas sono cada unha ao seu xeito”
Anna Karénina, Parte I (1877). León Tolstoi.
Nalgúns contextos, resulta unha tarefa complicada establecer un debate aberto sobre a familia sen que certos sectores traten de impor o seu modelo “tradicional”. Afortunadamente, nin antes nin agora, ese modelo é o único e na diversidade atopamos ricos matices para aproximarnos a unha institución social tan poderosa. O cinema, que é libre, asómase de maneira habitual á familia para ofrecernos distintos puntos de vista e maneiras de manter relacións afectivas. A pasada semana en Cineuropa proxectáronse tres longametraxes que serven ao caso: Tots volem el millor per a ella de Mar Coll, The unspeakable act de Dan Sallitt e Tokyo Family de Yôji Yamada.
Mar Coll xa tratara o tema de forma máis explícita na súa ópera prima Tres dies amb la família (2009). Agora, a directora catalá segue interesándose polo contexto familiar nunha película menos coral que se centra nunha muller que se recupera dun accidente. Como xa nos deixa entrever o título, en Tots volem el millor per a ella as decisións e opinións da contorna son determinantes. Tras sufrir un accidente de coche, Geni (interpretada por Nora Navas) está inmersa en plena rehabilitación, ten que acudir ao fisioterapeuta e ao psicólogo, empezar a retomar o seu traballo e a súa vida diaria. Pero ela xa non é a persoa que era. As secuelas físicas son patentes e as psíquicas, máis ocultas, supoñen un obstáculo. A súa familia e os seus amigos empúrrana a recuperar unha vida que xa non é súa mentres que ela nada ao contraxeito tentando, ante todo, buscarse a si mesma.
En The unspeakable act, Jackie, unha adolescente de dezasete anos, leva anos namorada do seu irmán, un feito que a condiciona cada vez máis nunha época que coincide a súa espertar sexual coa marcha do seu irmán á universidade. O director, Dan Sallitt, constrúe a personaxe principal e a trama de forma moi intelixente, ambos os irmáns son conscientes do que ocorre, a tensión é en moitas ocasións insoportable e a “palabra innombrable”, a “i-word" está presente en todo momento. Nesta situación, a particularidade da familia é esencial para entender a historia. Nun momento do filme, a voz en off de Jackie debulla quen é quen na súa disfuncional familia mentres observamos fotografías enmarcadas dos descritos. Todos son conscientes do que ocorre entre eses dous irmáns, pero ninguén pode ou quere abordar o tema.
Tres películas que falan sobre a familia, cada unha desde un punto de vista e cun obxectivo distinto, pero todas suman para ampliar a mirada do espectador.
O terceiro filme desta involuntaria triloxía é Tokyo Family de Yôji Yamada, un remake actualizado de Contos de Tokio (1953) unha das obras mestras de Yasujiro Ozu. Homenaxear unha das mellores películas da historia pode ser unha empresa arriscada, mesmo para un director veterano como Yamada, con todo o director xaponés conseguiu traer a historia ao noso tempo mantendo o espírito da orixinal. Contos de Tokio servía como radiografía do Xapón de posguerra, de como a crise e a occidentalización desencadearan un proceso de perda de valores e desmembraran a familia. Desgraciadamente, sesenta anos despois, a problemática é a mesma… agora o tren é de alta velocidade e o balneario un hotel de luxo, pero para unha parella de anciáns a cidade é unha contorna hostil. Os avós retardan o atarefado movemento da súa familia na urbe, son tartarugas na autoestrada.
Tres películas que falan sobre a familia, cada unha desde un punto de vista e cun obxectivo distinto, pero todas suman para ampliar a mirada do espectador. Neste punto volvemos ao soado comezo da novela de Tolstoi, neste momento un axioma á hora de aproximarnos ao concepto de familia. En Barcelona, Nova York e Tokio atopamos tres familias, coas súas particularidades e problemas, tres familias diferentes “cada unha ao seu xeito”.