Arxentina vive a primeira Feira do Libro de Bos Aires dende a chegada ao poder do conservador Mauricio Macri e esta circunstancia non pasou desapercibida na súa inauguración. Membros do Partido Obrero agardaban no recinto polo escritor Alberto Manguel, mestre de cerimonias e próximo presidente da Biblioteca Nacional da Arxentina, onde o macrismo prevé unha vaga de despedimentos. No entanto, o que pretendía ser un escrache só se produciu durante o discurso de Manguel e non interrompeu os demais nunha cerimonia na que Galicia, por ser Santiago a cidade convidada á feira, foi protagonista nunha caste de celebración adiantada do Día das Letras Galegas.
Xunto ás autoridades arxentinas cortaron a cinta inaugural o presidente da Xunta e mais o alcalde de Compostela, cuxas intervencións abren unha programación pola que pasarán, entre outros, máis dunha vintena de autores e autoras como Manuel Rivas, Teresa Moure, Diego Ameixeiras, Ledicia Costas, Xavier Alcalá ou Chus Pato. Entre as actividades galegas na feira figurará a presentación do Mapa Literario de Santiago, tanto na feira como na Librería Eterna Cadencia, unha das máis recoñecidas da cidade porteña. Trátase, di a edil de Cultura compostelá, Branca Novoneyra, de dirixirse a "quen saben que as palabras constrúen as cidades".
Vinte e cinco autores galegos pasarán pola Feira do Libro de Bos Aires, con Santiago como cidade convidada
O cambio de goberno na capital galega, o pasado ano, deu lugar a que Feijóo e Noriega tivesen que compartir escenario e protagonismo no acto. Así, o titular da Xunta considerou o convite á feira como unha volta da "Galicia literaria" ás súas orixes. "Porque a nosa literatura tivo na Arxentina un renacemento cando a escuridade reinaba alá". Galicia, di o presidente, sempre terá "gratitude" cara a "unha terra que demostrou que a literatura é unha arma cargada de futuro", dixo adaptando as verbas de Gabriel Celaya e gabando o que considera unha "ponte" entre ambos países "transitada nas dúas direccións; como Castelao, Vicente Risco, Xosé Neira Vilas, Camilo José Cela", citou.
"Reivindicamos a Rosalía, a Castelao, a Blanco Amor; pero tamén a Arturo Cuadrado, a Isaac Díaz Pardo e a esa ponte entre Compostela e Bos Aires"
A ligazón histórica de Galicia coa Arxentina estivo tamén na cerna do discurso do alcalde compostelán, que ve na feira unha oportunidade de "axustar contas" co pasado do país e amosar a gratitude co país que lle deu "un fogar" a "moitos dos que lograron fuxir de Galicia" durante a ditadura. "Hoxe -dixo Noriega- reivindicamos a Rosalía, a Castelao, a Blanco Amor, pero tamén a Arturo Cuadrado, a Isaac Díaz Pardo e a esa ponte que hai entre Compostela e Bos Aires". "Non hai nada máis internacional e que te ubique no mundo que exercer de galego", di Noriega, que na súa intervención coidou que a presenza de Santiago na feira pode constribuír a "proxectar un idioma e un xeito de entender o mundo vinculado á literatura". "Os libros -conclúe- teñen que estar na rúa, socializados".
Tanto Noriega como Feijóo aproveitan a viaxe a Bos Aires para desenvolver outras actividades alén da feira. Así, por exemplo, o presidente da Xunta reuniuse co presidente arxentino, Mauricio Marci, e o rexedor de Santiago mantivo tamén xuntanzas con autoridades locais. Asemade, Noriega visitou o Centro Galego de Bos Aires, onde dende o cuarto no que faleceu Castelao, intacto dende o pasamento do político e intelectual, considerou esta homenaxe como "unha boma mostra do enorme respecto que a colectividade galega tiña por quen tivo que exiliarse a causa de defender os valores democráticos e galeguistas". Nesta liña, Noriega lamenta as dificultades que o Centro Galego viviu nos últimos anos e agarda que "nun futuro se poida reguralizar toda a súa xestión económica".