Baiona celebra unha nova edición da súa festa da Arribada

Presentación da Festa da Arribada, este mércores en Compostela © Concello de Baiona

A XXII Festa da Arribada prensentouse este martes en Compostela, nun acto que serviu pra convidar a toda Galicia a participar do 3 ao 5 de marzo no “momento máxico” do desembarco da carabela La Pinta a Baiona en 1493, traendo as novas a chegada ao Novo Mundo. Esta Festa de Interese Turístico Internacional é un dos símbolos do Concello de Baiona.

O alcalde convidou a todos os galegos e galegas a trasladarse a Baiona para “vivir un soño que esperta emocións e estimula os sentidos, a maxia dunha vila que regresa ao Medievo e que non perdeu as súas raíces e segue sendo unha vila mariñeira”

O alcalde da localidade, Ángel Rodal, convidou a todos os galegos e galegas a trasladarse a Baiona para “vivir un soño que esperta emocións e estimula os sentidos, a maxia dunha vila que regresa ao Medievo e que non perdeu as súas raíces e segue sendo unha vila mariñeira”. Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que a Festa da Arribada é unha das celebracións “máis singulares”. “Desde Turismo de Galicia somos conscientes de que as festas, polas súas características e singularidades e polo seu recoñecemento e prestixio autonómico, son un recurso a manter e potenciar. A súa celebración supón un importante reclamo de atracción turística e engaden importantes accións de difusión turística que constitúen un extraordinario incentivo para as economías locais”, sinalou Castro.

Ao acto tamén acudiron o secretario xeral del Cultura, Anxo Lorenzo; o conselleiro de Sanidade e exalcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña; o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; o presidente dos comerciantes e empresarios de Baiona (Aceba), Marcos Comesaña, e a concelleira de Cultura, María Iglesias. Vázquez Almuiña destacou o logro da Arribada pese aos "poucos anos que leva, que se vexa coma algo propio por parte dos veciños e tamén que, todo aquel que a visita volve sempre". "Síntome orgulloso coma baionés e creo que tamén debe ser un sentimento de orgullo para os baioneses e para o resto dos galegos", dixo.

O grupo Non si teatro? escenificou nos soportais da praza das Praterías o anuncio da chegada da carabela La Pinta á praia da Ribeira

Como remate á presentación e despois do visionado do spot oficial da Arribada, o grupo Non si teatro? escenificou nos soportais da praza das Praterías o anuncio da chegada da carabela La Pinta á praia da Ribeira. O colofón foi unha degustación de Ñoclos de Pinzón e Tarta de Sarmiento, doces típicos da celebración.

Presentación da Festa da Arribada, este mércores en Compostela © Concello de Baiona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.