"O teatro e a xente que o fai posíbel non poden ficar indiferentes diante da "crise", espolio ou atraco que estamos a vivir. Cédolles pois a palabra". Francisco Pillado Maior apadriña Banqueiros, o volume que Laiovento presenta este domingo no Culturgal e no que dramaturgos galegos expoñen a través da arte a súa visión da devandita "crise", que o editor observa como "o eufemismo utilizado con maior frecuencia para explicar unha realidade cada vez máis triste, ruín e inxusta". "Considero un macabro e desafortunado eufemismo falar de "crise" cando en realidade estamos a ser vítimas dun calculado e programado saqueo da mafia financeira internacional". Aos seus responsables é a quen se retrata neste volume, do que Praza Pública ofrece o seu limiar.
"Os especuladores, os banqueiros e os seus secuaces" están, relata Pillado, inmersos nun proceso de "acoso e derribo" de dereitos que realizan "a cara descuberta, conscientes de que gozan da máis absoluta impunidade". "De momento, xa se recortaron os salarios dos sectores máis desfavorecidos da sociedade" e agora -augura- "só teremos que agardar para saber canto tardarán en prohibir o dereito á folga". Diante de todo isto, proponse que o teatro exerza, a través deste volume, "o papel que secularmente desempeñou -xunto cos púlpitos- como principal medio de comunicación de masas".
"Que se faga o escuro e que a verba máxica da linguaxe teatral nos ilumine e esperte as conciencias"
"Que se faga o escuro e que a verba máxica da linguaxe teatral nos ilumine e esperte as conciencias, afectadas polo virus da vulgaridade ou da berlusconización. Teño a certeza de que as obras recollidas neste volume perdurarán bastante máis no tempo que esas indemnizacións millonarias que recibiron certos banqueiros que, como diría don Antonio Machado, 'van apestando la tierra". "Gocemos, pois, do espectáculo que agora comeza", convida Pillado.