A personalidade artística do século XIX posúe a cualidade de ser unha constante de influencias, reinterpretacións e combinacións de estilos. Non ten un movemento concreto que o represente, nin tampouco algún predominante. “Nós pintamos todo. Pintamos deuses e Madonnas, heroes e campesiños, nós pintamos cadros clásicos, bizantinos e góticos…o único estilo que non temos é o noso” comenta Friedrich Theodor Vischer.
O arco que ten de alicerce 1800, e nace nas consecuencias da Revolución Francesa, neses 100 anos esténdese nun espazo extremadamente vital. A cada novo cambio político, social e económico sucede unha transformación, case constante, que ten como espello unha multiplicidade de formas e referencias. A diversidade de estilos -o rigor e formalidade do Clasicismo, a graza e lixeireza da Escola de Thomas Sheraton- é tan representativa coma a énfase no tratamento nas artes do ornamento, que ten un lugar destacado. Cada punto de produción plástica terá un entendemento, un tratamento dos materiais, unha técnica e un repertorio de motivos que resulta diferente.
Esta infinidade estilística constitúe unha linguaxe moi rica e particular. Tendo en conta que se trata dunha fase de transición entre a obra artesá e produción industrial en masa, os resultados son notables. Por exemplo as citas da arte gótica ou renacentista aplícanse non só a pintura ou á arquitectura, senón tamén ás tipoloxías e novos conceptos dos mobles (como son a intimidade e a simplicidade, presentes no estilo Biedermeier). Outro exemplo é o Neoclasicismo que tomando coma fonte de inspiración os modelos clásicos, fai evolucionar a percepción dos interiores centrándose na proporción da composición espacial e na cor.
Estas referencias e alusións débense ao desexo, mais que nunca, de que as obras mais recentes se asocien, comparen e perfeccionen con apropiadas eleccións nas obras antigas e modernas. É significativa a apreciación da Historia como referente estético, relacionada ca idea da profunda relación entre a Historia e o presente. Este pensamento leva a unha formulación das obras de Arte inspiradas en estilos e temas anteriores, pero realizadas cun carácter e cuns termos propios. Un modelo diso sería a Loita de Amazonas de August Kiß en 1834. A obra está inspirada no mito clásico grego das amazonas e aínda contando con todas as representacións precedentes, Kiß dálle a súa obra unha forza e unha enerxía que lle outorga valor por si mesma.
Este espírito trasladado á arquitectura atópase na fachada do edificio El Moderno (anteriormente Hotel El Moderno) en Vigo. O arquitecto Michel Pacewicz constrúeo en 1897. A súa interpretación do estilo Luís XV é intelixente, sen caer no recargado que moitas veces se produce nestes casos. Responde así ao gusto estendido en Europa dunha arquitectura poderosa e distinguida; Pacewicz combina unha proporción simétrica cun movemento suave. Na parte superior altérnanse os volumes curvos cun perfil recto. Os balcóns en ferro e pedra compoñen un ritmo ondulado, que inicia ao descender a fachada unha contraposición de fiestras arqueadas, de molduras sinuosas, con balcóns rectilíneos. Incorpora texturas lisas e granuladas e motivos clasicistas (antefixas, ménsulas, follas de acanto), sendo máis sobresaíntes os de estilo rococó.
Nos laterais, onde as pezas onduladas de ferro forxado, Pacewicz leva unha estrutura de columnas corintias adosadas que conducen a arcos rematados en volutas no centro. Este centro está ocupado por unha cartela elíptica con formas vexetais, disposta sobre un fondo labrado con motivos rococós de redes rómbicas. Estes motivos están moi presentes no mobiliario francés de mestres do XVIII coma Jacques e René Dubois (pai e fillo). E son de igual modo empregados para cubrir as superficies de salóns e habitacións entre 1735 e 1788. De feito un dos seus máximos expoñentes é La Grande Singerie de Cristophe Huet (1737) no Château de Chantilly. Pacewicz incorpora este motivo traballado en madeira -e de interiores- nunha fachada principal de pedra, o que resulta moi orixinal. Tamén o repetirá para os paneis de madeira das fiestras que flanquean a entrada. A estes detalles engádense baixo os balcóns os mascaróns e os festóns de flores propios do estilo citado. Os elementos ornamentais son os que potencian o efecto global das estudadas perspectivas para cada parte do edificio.
A imaxe que ofrece é, máis que aristocrática, burguesa. Non busca tampouco ser artificiosa ou rebuscada, senón magnífica e ao mesmo tempo exquisita e acolledora
No mesmo senso ecléctico está a cheminea conservada da propia edificación de El Moderno. A composición das súas distintas partes constitúe unha mostra da herdanza artística francesa e o emprego de novos medios. A chambrana de madeira clara ten nos laterais medias figuras femininas, características da arte francesa do XIX (o seu rexistro débese a J. Verchère). As molduras onduladas dispoñen unha sinxela sarta clásica de perlas que rematan no centro con volutas. Nese centro sitúase unha cuncha xa de estilo Luís XVI, flanqueada por ramalletes de flores esculpidas. A chambrana serve de enmarque das placas de metal dourado, creadas arredor das formas da rocaille. Por último está a cheminea propiamente dita. Realizada en ferro forxado con motivos xeométricos planos, constitúe o punto central. A ornamentación no seu conxunto, está realzada polos materiais (madeira e metal) e as tonalidades (castaño, dourado e negro). A imaxe que ofrece é, máis que aristocrática, burguesa. Non busca tampouco ser artificiosa ou rebuscada, senón magnífica e ao mesmo tempo exquisita e acolledora.
Unha manifestación artística ornamental de carácter propio é a produción en ferro forxado. A súa aplicación céntrase en balcóns, fiestras, portas e galerías. Constitúe unha colección de motivos e disposicións considerable e dun alto nivel técnico. Son xeralmente bidimensionais. Empréganse imaxes de frondas, flores e froitas, acróteras, cintas de palmetas, coroamentos de estelas e coroas de ramas. Mais son as formas xeométricas ilimitadas as de maior protagonismo. Poden duplicarse e enlazarse, grazas a súa produción industrial. Os traballos en ferro forxado resultan importantes na aparencia das casas. No ámbito das fiestras a ornamentación das mesmas -e a das contras no interior-, a miúdo compleméntase de maneira enxeñosa.
Mais é nas galerías de cristal onde mellor se ve o efecto do ferro forxado. Este material non só ofrece novos repertorios ornamentais, senón unha maneira distinta de entender a galería. O ferro forxado pola súa precisión, resistencia, maleabilidade e lixeireza permite un singular emprego do cristal e a ornamentación. Os remates, as formas caídas sobre o cristal ou cada detalle enlazado, filtran a luz do sol recreándose nas sombras e nas luces transparentadas no interior. De todos os seus usos, a conxunción etérea do cristal e a delicadeza das figuras en ferro dálle a edificación un halo poético, nobre.
Pode ser funcional un ornamento? A resposta afirmativa no ámbito da arquitectura atópase no Gótico. Para incluír as vidrieiras nos edificios empréganse as tracerías, que son o elemento integrador co muro
Pode ser funcional un ornamento? A resposta afirmativa no ámbito da arquitectura atópase no Gótico. Para incluír as vidrieiras nos edificios empréganse as tracerías, que son o elemento integrador co muro. As tracerías conseguen ter a flexibilidade do orgánico e a limpeza da xeometría. Ao ser traballadas sobre a figura do círculo, o resultado é unha ornamentación de tréboles, cuadrifolias, quinquefolias, trilóbulos ou cuadrilóbulos. A importancia das tracerías é que conducen boa parte das enerxías internas do edificio, sen que afecte ao feito de que articulan as amplas extensións de cristal, resultando igualmente atractivas. Co establecemento do Neogótico a mediados do século XVIII e en todo o século XIX, esta ornamentación vese presente de novo na arquitectura civil.
Unha das edificacións que conservan un destes motivos é unha casa ortegana de finais de século, que curiosamente ten puntos en común coa vivenda vitoriana británica nos pobos. Ambas comparten o emprego de gabletes de madeira para as fiestras, así como complementar o debuxo da pedra nas casas con remates, gabletes e vertentes calados. No que defiren é en detalles meticulosos. Na casa inglesa os gabletes e vertentes están cicelados de filigranas descendentes e atópanse non só en fiestras, senón aplicados nas entradas. Na casa galega estas pezas (gabletes e vertentes), que tamén contan con colgaduras, están coroadas con cresterías e remiten ademais das fiestras as bufardas. O detalle mais especial desta galería son os motivos cuadrilobulados.
Permite abrir focos de claridade, mais alá das fiestras convencionais. Este ornamento toma a evolución da fusión da beleza visual e a abertura de luz para os interiores, propias da construción gótica. Os mesmos motivos atópanse tallados seguidamente na parte inferior. A efectiva ornamentación en madeira, da a fachada un aire esmerado e harmonioso.
O ornamento no XIX tanto nas artes mobiliarias coma na arquitectura, observa a capacidade de transformación dese século. Pode traballar como un realzamento arquitectónico, contribuír a unha impresión visual ou ser un fermoso elemento funcional
O ornamento no XIX tanto nas artes mobiliarias coma na arquitectura, observa a capacidade de transformación dese século. Mais igualmente revela a importancia que ten segundo a súa aplicación. Pode traballar como un realzamento arquitectónico, contribuír a unha impresión visual ou ser un fermoso elemento funcional. O seu valor simbólico por un lado débese a coexistencia de estilos, as súas connotacións e a súa constante reprodución. O outro lado é que precisamente por iso está ligado a unha aparente ilóxica. Isto constitúe parte do seu carácter. Poren, no caso de obras ostentosas e menos refinadas, adquire tintes estraños que non pasan desapercibidas; nos escritos de figuras coetáneas fálase do ambiente enrarecido vido dos ampulosos ambientes públicos e privados. Na súa totalidade a consideración da ornamentación, resulta en consecuencia un factor de coñecemento -artístico, pedagóxico- así como de cultura histórica.