Brúxula e mapa para a xeografía bolañesa

Roberto Vidal Bolaño © Henrique Alvarellos

Queda un mes para o 17 de maio e a cultura galega arrecende a teatro, a oficio, a Vidal Bolaño. Praza presenta esta ampla guía para non perderse o lote de actos, montaxes e publicacións que xa saíron ou sairán ao redor da figura do dramaturgo

“Santa Bolaña, matroa do teatro, ten piedade de nós. Santa Bolaña, protectora de comediantes, ten piedade de nós.” Esta pregaria ecoou o pasado mes de decembro polas rúas e tabernas de Santiago. Unha procesión ruou por Compostela de bar en bar, de barra en barra. Os devotos, con velas na man e moito teatro no corpo, amosaban a súa fe detrás dunha particular imaxe que de relixiosa pouco tiña. Con sombreiro, nariz vermello, cigarro e barba; a Santa Bolaña foi entrando nuns locais compostelás que se converteron en microteatros para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño. O Pozo, o Bar Trece, o Restaurante Rúa ou O Xa Chegou subiron o pano para que todos os seguidores desta divindade laica puideran achegarse, da man organizadora da Candidatura do Povo, a súa obra. Fragmentos de Días sen Gloria, Rastros ou Criaturas reviviron fugazmente entre viño e viño, grazas a participación de actores e artistas como Xesús Ron, Chiqui Pereira, Clara Gayo, Víctor Mosqueira ou Carlos Santiago que, megáfono en man, marcaba o ritmo tanto da marcha como dor rezo e mais da reivindicación. “Galicia non se vende, regálase simplemente. E se isto non se amaña, Santa Bolaña”, proclamaba Carlos Santiago ante á cabeza da santa.

Dende aquela, o país mellorar non debeu mellorar moito e, seguramente, pouco arranxo ten xa. E como isto non se amaña, pois Santa Bolaña. Por iso, o espírito de Roberto Vidal Bolaño no ano en que se lle dedican as Letras Galegas está moi presente e nas próximas semanas as súas palabras reencarnaranse nos escenarios grazas ás diversas montaxes que están a preparar varias compañías dun teatro que, neste 2013 e a pesar de todos os pesares -que non son poucos-, está de celebración. As obras que Espello Cóncavo, Teatro do Atlántico e as revividas Teatro Antroido e Teatro do Aquí estrearán nas próximas semanas serán o gran momento do ano no que as Letras Galegas reivindica o teatro do país a través da figura de Vidal Bolaño.

 

Os Días sen gloria con Manquiña

Espello Cóncavo, Teatro do Atlántico e as revividas Teatro Antroido e Teatro do Aquí estrearán nas próximas semanas serán o gran momento do ano no que as Letras Galegas reivindica o teatro do país a través da figura de Vidal Bolaño

A primeira obra revivida do dramaturgo estreouse o pasado 5 de abril. O Centro Dramático Galego (CDG), que este ano dedica o conxunto da súa produción a Vidal Bolaño, recuperou Días sen gloria. Nesa obra de 1992, o homenaxeado o 17 de maio contaba a historia dun peregrino a conta allea, un home que percorría a Ruta Xacobeo por encargo doutros. Sen nome, simplemente El resulta contratado por unha rapaza Ela, en busca de vinganza contra un cabaleiro con distinción, pero sen honra. Na montaxe do CDG -dirixida por Fefa Noia e con Roi Vidal, fillo do autor, como axudante de dirección-, Manuel Manquiña dálle vida a El, quen no seu día encarnara o propio dramaturgo. A Ela, pola súa banda, ponlle cara a actriz Eva Souto nunha montaxe na que tamén traballan os intérpretes Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta.

A peza poderase ver até o próximo 28 de abril no Salón Teatro de Compostela. Despois, Días sen gloria iniciará unha xira por doce localidades. As súas paradas serán O Barco de Valdeorras (Teatro Municipal Lauro Olmo, 3 de maio), Ourense (Teatro Principal, 5 de maio), Tui (Teatro Municipal Área Panorámica, 10 de maio), A Estrada (Teatro Principal, 12 de maio), A Coruña (Teatro Rosalía de Castro, 17 de maio), Ribadeo (Auditorio Municipal Hernán Naval, 19 de maio), Narón (Pazo da Cultura, 25 de maio), Pontevedra (Centro Social Novacaixagalicia, 30 de maio), Rianxo (Auditorio Municipal, 1 de xuño), Vigo (Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro, 9 de xuño), Lugo (Auditorio Municipal Gustavo Freire, 14 de xuño) e Braga (Theatro Circo, 21 de xuño). Ademais, o CDG coproduce varias das montaxes sobre o autor compostelán que verán a luz nestes meses.

 

Ultranoite do Aquí

Cando a finada Sala Nasa abriu as súas portas, Roberto Vidal Bolaño subiu ao seu escenario e leu unha sorte de pregón inaugural

Cando a finada Sala Nasa abriu as súas portas, Roberto Vidal Bolaño subiu ao seu escenario e leu unha sorte de pregón inaugural. Comezaba así a andaina en San Lourenzo do grupo Chévere e, tamén, a estreita relación que mantivo o escritor coa sala, lugar onde estreou varias das súas montaxes. Vidal Bolaño xa non está e a Sala Nasa xa botou o peche. Non obstante, esa relación artística segue moi viva e Chévere, na súa nova estadía en Teo, decidiu homenaxear o home do sombreiro dedicándolle unha Ultranoite, o espectáculo humorístico de variedades que a compañía desenvolveu durante vinte anos na Nasa e que agora exportan a Galicia enteira, tendo como base A Ramallosa.

A Ultranoite do Aquí estreouse tamén o venres 5 de abril no auditorio teense e nela son constantes as referencias á obra bolañesa. O espectáculo comeza cunha peza na que os actores de Chévere, enfundados nun sombreiro e cun nariz vermello, falan directamente co propio Vidal Bolaño no máis alá para poñelo ao día sobre o que pasou nestes últimos dez anos. Quen asistira á homenaxe a Vidal Bolaño celebrada en outubro no Salón Teatro en Compostela soaralles este comezo da Ultranoite, na que tamén participan Mónica Camaño. A actriz recupera para este espectáculo un fragmento da obra Animaliños, que interpretara hai xa dez anos, e que reproduce na compaña de Sé Paredes nesta ocasión

Esta Ultranoite xa pasou por Teo, mais o Fórum Metropolitano da Coruña acolle esta fin de semana dúas novas funcións. O 26 e 27 de abril, Chévere chegará ao Pazo da Cultura de Pontevedra. As intrigas catedralicias, as leas do Concello de Santiago, as comprometedoras fotos de Feijoo con Marcial Dorado e o declive da Cidade da Cultura son algúns dos temas que Chévere trata desta volta neste cabaré colectivo. As entradas pódense adquirir na redenasa.tv

 

Laura Ponte e BailadELAS

Laura Ponte, xunto a Roi Vidal, levan a cabo unha montaxe na que a actriz interpretará cinco monólogos de personaxes femininos da obra de Bolaño

A histórica compañía Antroido, fundada por Roberto Vidal Bolaño e Laura Ponte, volverá aos escenarios máis de vinte anos despois da súa desaparición.  Laura Ponte, xunto a Roi Vidal, levan a cabo unha montaxe na que a actriz interpretará cinco monólogos de personaxes femininos da obra de Bolaño. A Chonchoniña de Saxo Tenor, a Minia de Laudamuco ou a Esther de Rastros serán algunhas das femias ideadas polo dramaturgo que volverán a escena encarnadas por Ponte nun espectáculo que, segundo o director da obra, Xavier Estévez, é “un menú degustación” da escrita bolañesa. “BailadELAS son trazos, son anaquiños bolañeses que conforman un espectáculo atractivo. Ademais, permitirá que a xente se achegue de novo á figura de Roberto”, explicou recentemente a propia actriz nunha entrevista en Praza. Aos cinco personaxes escollidos unirase un sexto, ideado por Roi Vidal, quen se encargou do libreto. O fillo de Vidal Bolaño reflexiounou, na mesma entrevista en Praza, sobre o regreso de Antroido. “Debería chamar a atención que Antroido, unha compañía que hai máis de vinte anos deixou de existir, regrese agora. Por que volve hoxe? Isto pode funcionar como toque atención. Eu, que non vivín eses tempos, si que vexo a nivel histórico moitos paralelismos entre o que sei daquela época e o que vivimos hoxe”,  sinalaba Vidal.

A obra estrearase en Rianxo o 4 de maio e a partir de aí iniciarase unha xira por Galicia: Narón (Pazo da Cultural, 9 de maio), Ponteareas (Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, 12 de maio), Ourense (Auditorio Municipal, 16 de maio), Santiago de Compostela (Teatro Principal, 13 e 14 de maio para escolares e 18 e 19 de maio para público xeral), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ames (Casa da Cultural do Milladoiro, 24 de maio), Brión (Centro Social Polivalente, 25 de maio), Betanzos (Aula Municipal de Cultura, 26 de maio), Lalín (Salón Teatro, 31 de maio) e Redondela (Multiusos da Xunqueira, 9 de xuño).

 

Anxeliños

"Debería chamar a atención que Antroido, unha compañía que hai máis de vinte anos deixou de existir, regrese agora. Por que volve hoxe? Eu, que non vivín eses tempos, si que vexo a nivel histórico moitos paralelismos entre o que sei daquela época e o que vivimos hoxe”

En 2008, Espello Cóncavo levaba a escena Anxeliños, obra na que Vidal Bolaño amosaba as ruindades económicas e morais dunha sociedade en crise. Cun texto que ben podería estar escrito hoxe, a obra contaba a vida dunha empresa de cobros de morosos na que o seu dono, Charlie, está metido en varios problemas. Un deles, ter que lidar co regreso do seu misterioso irmán Damián, un gángster que lle trouxo demasiadas dores de cabeza.

Na montaxe orixinal, Roberto Vidal Bolaño interpretaba os dous irmáns enfrontados, un duplo papel complexo que, con Espello Cóncavo, será Fernando Morán quen volva asumir. “É un esforzo tremendo. Non polo texto, senón porque é unha obra moi complexa, con moitísimos cambios de escena e de vestiario entre os dous personaxes. Ademais, é unha auténtica responsabilidade. E tamén unha satisfacción. Facer teatro en Galicia e levar a escena a Vidal Bolaño é o máximo”, sentencia Morán. O actor coruñés volverá neste 2013 a ese dobre papel na reestrea de Anxeliños que prepara Espello Cóncavo. O seu director, Arturo López, tamén destaca a complexidade do texto, que posúe “os trazos característicos do teatro de Bolaño”, como son “o gran número de escenas” ou os cambios “constantes de escenarios e lugares”.

Espello cóncavo reestreará a súa montaxe o próximo 11 de maio en Oleiros. O día seguinte actuará en Sada e, a partir de aí, xirará por Galicia e parará na Coruña, Pontevedra ou Brión. Fernando Morán encabeza un elenco no que se atopan Estíbaliz Veiga, Rodrigo Roel, Manu Fernández e Isabel Risco.

 

Criaturas

“Nunca entenderei por que me tiñas máis medo a min do que ao común da xente. A miña monstruosidade non é senón o reflexo da que aniña en vós. En ti, en todos”. Con este monólogo do monstro, arrinca Criaturas

“Nunca entenderei por que me tiñas máis medo a min do que ao común da xente. A miña monstruosidade non é senón o reflexo da que aniña en vós. En ti, en todos”. Con este monólogo do monstro, arrinca Criaturas, a peza ideada por Vidal Bolaño en 1999 e que agora Teatro do Aquí recupera co gallo do 17 de maio. Volve así a outra gran compañía de Roberto, que botou o peche a mediados da década pasada e que regresa cunha montaxe dirixida por Evaristo Calvo. Belén Constenla e Xoán Carlos Mexuto volven a participar na reedición da montaxe xunto con Marcos Orsi e Vicente de Souza. Os catro actores encarnarán ao numeroso conxunto de papeis do libreto, no que o Monstro, tras arrincarlle o corazón á súa amada, vaga polo mundo e se cruza cunha serie de individuos que son tan horrorosos ou máis ca el. “Vexo esta montaxe coma unha restauración pictórica, sempre mellorando algúns aspectos, actualizando. Pero, sobre todo, respectando a montaxe de hai 13 anos. Que se recoñeza a man de Vidal Bolaño, iso é o importante, tanto como director e como iluminador, porque non hai mellor maneira de representala que respectando a posta en escena de Roberto”, explica Evaristo Calvo.

Criaturas estréase este venres en Narón, onde este sábado haberá unha segunda función, para iniciar despois unha xira que chegará a sete localidades galegas: Oleiros (26 e 27 de abril), Muros (3 e 4 de maio), Vilagarcía (10 de maio), Santiago de Compostela (do 15 ao 17 de maio), Brión (18 de maio), Illa de Arousa (24 de maio) e Teo (25 de maio).

 

Touporroutou da lúa e do sol

O 4 de outubro está prevista a estrea de Touporroutou da lúa e do sol, unha obra infantil que Vidal Bolaño chegou a representar en dúas ocasións diferente. Na primeira, a través de monicreques e na segunda, con actores reais

Esta peza chegará no tramo final do ano. O 4 de outubro está prevista a estrea de Touporroutou da lúa e do sol, unha obra infantil que Vidal Bolaño chegou a representar en dúas ocasións diferente. Na primeira, a través de monicreques e na segunda, con actores reais. Nesta ocasión, a obra verá a luz grazas a unha coprodución a tres bandas. “O CDG porá os recursos técnicos, a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo achegará a teoría e nós, Teatro do Noroeste, a imaxinación”, explica Eduardo Alonso, de Teatro do Noroeste, quen tamén subliña que a intención para esta montaxe é contar con catro intérpretes novos, porque así o requiren “as esixencias da montaxe”. Teatro do Noroeste xa está traballando no proxecto e Alonso lembra que esta peza foi unha proposta que o CDG lle fixo a compañía que mantén con Luma Gómez.

 

O teatro universitario con Vidal Bolaño

Son varias as aulas teatrais das universidades galegas que se puxeron mans á obra para recuperar o traballo do dramaturgo

Por último, varias son as aulas teatrais das universidades galegas que se puxeron mans á obra para recuperar o traballo do dramaturgo. A Aula de Teatro da Universidade da Coruña-TeatroNORMAL leva a escena A burla do galo, baixo a dirección de Rubén Ruibal. A peza estreouse o pasado mércores 10 de abril e conta cunha xira que a levará o 24 de abril no Teatro Principal de Ourense como parte da décimo sétima edición da MITEU no campus ourensán e o 2 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela na XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia (MOTUG).

Precisamente, no MITEU tamén se poderán ver outras montaxes de teatro universitario ao redor do autor d'As actas escuras. Dese xeito, o sábado 13 Cordelia, Aula universitaria de Teatro de Ourense presentou Vidal Bolaño 2013. Este espectáculo confórmase cunha serie de pasaxes de pezas como Rastros, Animaliños, Anxeliños ou Bailadela da morte ditosa. Unha das próximas citas para velo será o 29 de abril, día no que Teatro Principal acollerá esta obra. Pola súa banda, a Aula Universitaria de Lugo representará Animaliños, o xoves 25 dentro do MITEU.

Dias sen Gloria © AGADIC
A Santa Bolaña © Candidatura do Povo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.