"Cando se manca o corpo do teatro dóenos a todos"

Presentación dos nomeados nos Maria Casares © Gabriel Tizón

"Cando se manca o corpo do teatro dóenos a todos". A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de facer público o Manifesto Galego do Día do Teatro, redactado desta volta polo presidente da Asociación de Escritores en Lingua galega, Cesáreo Sánchez, quen será o encargado de lelo na cerimonia de entrega dos premios María Casares, o vindeiro día 27 no teatro Rosalía Castro da Coruña. Sánchez, elixido polos actores e actrices por ser "compañeiro de viaxe nun momento en que o papel que xoga a lingua resulta fundamental", considera que "a biografía do teatro galego é a biografía da cultura galega" xa que "no devir do teatro está insculpida a biografía deste pobo".

"O teatro fainos seres libres", proclama o escritor no seu manifesto, no que tamén destaca que na dramaturxia está "despositado o ser colectivo dunha cultura". Neste contexto Sánchez non esquece que o teatro está este ano aínda máis presente polo feito de que o Día das Letras vaia ter como protagonista a Roberto Vidal Bolaño quen, "como sabio canteiro -di- é un dos dramaturgos e actores que teñen posto as pedras basilares da casa comunal do teatro galego actual, cunha humandidade que é filla dunha radical liberdade".

Estas reflexións vainas compartir Cesáreo Sánchez nunha gala na que, o vindeiro mércores, se lle entregará á actriz Pilar Pereira o Premio de Honra Marisa Soto e dezasete compañías competirán en trece categorías diferentes. Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, e Tokio3, de Voadora, son as grandes favoritas para os premios ao contar con dez e nove finalistas, respectivamente. Marcos Orsi e Xúlio Abonjo, da compañía BaCaNa, dirixen a gala e os dous interpretarán aos seus personaxes Ratman e Bobyn, dous superheroes procedentes da cloaca cuxo lema heroico ben podería ser o seguinte: “Cando a realidade é brutal, só nos pode salvar a ficción”.

 

Cesáreo Sánchez © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.