Carlos Casares: Palabras amigas

Capa do libro © Editorial Galaxia

Case sen decatármonos, pasou xa máis dunha década dende que nos deixou Carlos Casares. E a súa ausencia nótase. Ai non. Porque un podería simpatizar máis ou menos coa súa figura, podería estar máis ou menos en consonancia coa súa presenza como intelectual e alto responsable das plataformas socioculturais de noso, mais o que é difícil de discutir é o seu liderado, a súa capacidade carismática e a sutil firmeza das súas conviccións en clave de país.

Case sen decatármonos, pasou xa máis dunha década dende que nos deixou Carlos Casares. E a súa ausencia nótase

Por descontado, a súa notoriedade como clásico moderno das nosas letras está tamén, ao meu ver, fóra de toda dúbida, así que o poliédrico e vizoso personaxe que Carlos Casares foi sempre ben merecía un ensaio que repasase e puxese ao día todos estes ancos da súa complexa personalidade.

Ese ensaio está xa, afortunadamente, nos andeis das librerías. O seu título: Carlos Casares, o amigo das palabras; o seu autor: Rafael Laso Lorenzo, amigo e conterráneo do autor, e a editora, como non podía ser doutra maneira, Galaxia, a que foi a súa casa de toda a vida.

O poliédrico e vizoso personaxe que Carlos Casares foi sempre ben merecía un ensaio que repasase e puxese ao día todos estes ancos da súa complexa personalidade

En Carlos Casares, o amigo das palabras Laso Lorenzo ofrece un sintético pero moi completo perfil biográfico de Casares que complementa cunha extensa e detallada bibliografía. Nesta, dáse razón de todos os volumes de creación, tradución, crítica literaria, articulística e edicións do escritor e sería unha relación verdadeiramente definitiva se non faltase toda a súa ampla produción espallada en revistas e xornais, ítems que agardamos que nun futuro traballo Laso Lorenzo se anime a considerar.

Alén deste capítulo biobibliográfico —de lectura ben amena e agradecida—, o editor engade un outro aliciente á obra a través dunhas Instantáneas de vida, nas que reúne máis de trinta páxinas de fotografías do ourensán que nos ofrecen medio cento de imaxes deste dende a súa infancia ata os derradeiros anos, compilación de gran valor documental, pois hai nela imaxes inéditas e ben pouco coñecidas do persoeiro que testemuñan non só as súas pegadas de vida, senón tamén relacións e presenzas clave para a nosa historiografía literaria.

Hai nela imaxes inéditas e ben pouco coñecidas do persoeiro que testemuñan non só as súas pegadas de vida, senón tamén relacións e presenzas clave para a nosa historiografía literaria

Mención á parte merece o que sería o segundo bloque de contido da obra, constituído, máis propiamente, por As palabras dos amigos, unha trintena longa de planas nas que case tres ducias de colaboradores responden o cuestionario que Laso Lorenzo lles pasou no que se lles preguntaba por diferentes asuntos vencellados coa vida e obra de Casares: como vían o autor nas súas facetas de escritor e cidadán, que perfís del destacarían, que calidades da súa escrita crían que sobranceaban, con cal das súas obras quedarían, que pensaban que lle debía a cultura galega ou, de estar aínda entre nós, que lle preguntarían.

Entre os participantes deste singular cuestionario Proust casariano atópanse tanto xentes que o trataron estreitamente coma outros cos que coincidiu só de modo puntual, igual compañeiros de quefaceres laborais que amigos da infancia e mocidade, o mesmo familiares que colegas da escrita. Así, a nómina de colaboradores incluíu tanto editores coma creadores, políticos e críticos e aínda xornalistas ou activistas culturais, multicolor vidreira da cultura galega que debruzou sobre do personaxe opinións tan diversas coma complementarias, pero que, por xunto, acaban por tracexar un retrato abondo fiel do que seguramente foi a traxectoria dun home irrepetible que marcou unha época.

Os que mellor o coñeceron saben ben que Carlos Casares sorriría ao ver un libro como este. Probablemente curiosease as súas follas con máis interese pola edición material do volume que outra cousa e logo, talvez, parase unha miga na introdución para ficar abraiado pola dedicación e xenerosidade de Laso Lorenzo e, se callar, aínda se sorprendería coa algunha das respostas dos enquisados que collese ao voo, ás que replicaría, ben seguro, con aquel seu peculiar, que barbaridade!

Os que mellor o coñeceron saben ben que Carlos Casares sorriría ao ver un libro como este

Sexa como for, o que foi grande amigo das palabras, contador oral excepcional, neno grande con soños de ferroviario e amigo dos seus amigos por riba de todo, seguro que se aledaría de saber que o lembramos e que o que foi a súa principal angueira vital, o progreso e dignificación da Terra que o viu nacer, segue a ser, invariablemente, a teima do que hoxe é o seu cómpito editor, Rafael Laso Lorenzo, e a de tod@s @s que con el colaboraron neste libro.

Capa do libro © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.