Cineuropa, o festival iluso

Fotograma de 'Los ilusos' © Cineuropa

Un dos diversos creadores que se achegou a Santiago de Compostela durante Cineuropa foi Jonás Trueba, que presentou a súa película Los ilusos. Aínda que é o seu segundo filme, funciona máis ben como un reinicio ou unha paréntese na súa carreira, está concibida como unha película de entretiempo, sobre o que fan os cineastas cando non fan cinema e, sobre todo, sobre perder o tempo. A película deambula xunto aos seus personaxes por Madrid, por Lavapiés, pérdese en cafés e salas de cinema e vaise atopando cando os mesmos personaxes se definen e avanzan. É unha película que sen ser pensada, pénsase a si mesma. A produción, entendida en termos non tradicionais, é a clave deste proceso; feita entre amigos, nos anacos libres, sen financiamento e de forma colaborativa. Dada a súa particular concepción de Los ilusos podería saír calquera cousa pero resulta que é un dos exercicios de cinema máis honestos e libres que se proxectaron no festival.

E non era doado. A película de Trueba formou xunto a outro oito obras un ciclo excepcional: contraculturas. Unha mostra do cinema á marxe da industria, do outro cinema español que ademais de ser posible é plausible. Entre outras destacan a galega Costa da morte de Lois Patiño ou Gente en sitios de Juan Cavestany, pero sobre todas, hai que mencionar ao merecido Premio Cineuropa Albert Serra e o seu filme Història de la meva mort, o encontro ficticio e intersecular entre Casanova e Drácula. Dobre fortuna para os espectadores que acudiron á proxección, polas intervencións de Serra, tanto na presentación como no coloquio posterior, que destilan autenticidade e compromiso co seu cinema, aínda que sexa só co seu; e tamén porque a proxección no Teatro Principal foi unha das poucas oportunidades para vela en pantalla grande, aínda que a súa película gañou o Festival de Locarno e foi comercializada en Francia, en España non atopou distribución en salas comerciais.

Como Los ilusos, Cineuropa tamén se fai a si mesma, proxectando películas e convidando a que o espectador dialogue con elas para atopar o seu camiño. Un festival entre tempos, un festival soñador, un festival iluso.

A que tampouco ten asegurada unha distribución comercial é The Broken Circle Breakdown, tamén coñecida por Alabama Monroe, que suma éxitos festival tras festival e reúne cinco nomeamentos nos Premios do Cinema Europeo. A película belga, ademais, foi a máis votada polo público na sección oficial levando así o Premio Cineuropa. Alabama Monroe pode ser a película máis conciliadora das que pasaron pola sección oficial, un melodrama clásico que xira en torno á relación dunha parella e ao cancro da súa filla. Posúe certa virtude na estrutura narrativa pero arrisca máis ben pouco ao cargar tanto peso sobre a música country que, doutra banda, é impecable. Quizá sexa ese espírito integrador e a facilidade do seu visionado os elementos que levaron o público a valorala por riba de La grande bellezza, segunda en discordia e para moitos a mellor do festival.

Coa valoración do público ponse fin a un festival dedicado ao espectador, que trae o mellor e o máis destacado dos principais certames a competición. Unha boa mostra do cinema que se fixo en 2013 e que veremos, oxalá, en 2014; recuperando a idea do filme de Trueba, Cineuropa transcorre nun período incerto, cando acaban os festivais dun ano pero non empezan os doutro, eríxese como un lugar onde van as películas a mostrarse cando non están noutras pantallas. E como Los ilusos, Cineuropa tamén se fai a si mesma, proxectando películas e convidando a que o espectador dialogue con elas para atopar o seu camiño. Un festival entre tempos, un festival soñador, un festival iluso.

Fotograma de 'Los ilusos' © Cineuropa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.