Cristina Pato na Casa Grande de Cimadevila

Capa de 'Galicia no Fol' © Editorial Galaxia

Sempre pensei que as nosas artes, @s nos@s artistas, van moi por diante da sociedade de noso. Niso, xaora, non somos diferentes doutros pobos, onde tamén a vangarda creadora e mesmo intelectual vive decote instalada nun progresismo normalizador, integrador e con futuro que non é, nin moito menos, o adoito para a masa social.

O que digo vale tanto para o noso cinema coma para a pintura de aquí, igual para a escrita galega coma para a danza, a escultura ou a arquitectura, tanto ten. E, por suposto, se en calquera deses eidos polo seu talento creativo pode dicirse que estamos no mundo coa cabeza ben alta, non poderá discutirse que tamén na música da terra temos un dos máximos expoñentes da nosa capacidade xeradora e do mellor do que somos quen, daquilo que pode —e debe— causar positivo asombro en todos os que ata o noso se achegan dende os catro puntos cardinais.

Non poderá discutirse que tamén na música da terra temos un dos máximos expoñentes da nosa capacidade xeradora e do mellor do que somos quen

Por iso recibín con ledicia a nova da concesión a Cristina Pato do Premio Trasalba 2013, pois ela é unha desas significadas artistas que, desbaldindo xenialidade ás presas, espallou a música nosa por todos os recantos do planeta.

Brillante, intensa e entregue, a personalidade musical de Pato fíxoa acredora da admiración e o respecto dos máis esixentes públicos en toda a parte. Da súa capacidade saben ben na escola de Gaitas de Ourense e no Conservatorio Profesional de Música daquela cidade, onde aglaiaba a todos aínda adolescente, pero tamén no Conservatorio Superior de Música do Liceu de Barcelona, onde se fixo unha virtuosa pianista. Logo virían as clases en Hatford (Connecticut), o doutoramento na Mason Gross School of the Arts da Rutgers University (na que hoxe imparte os seus saberes) e unha chea de concertos por todo Estados Unidos, China, India, Corea, Angola e Europa.

Unha vertixe intercontinental pola que viaxaron tamén os seus discos en solitario (Tolemia, Xilento, Galicia Connection, Migrations...) ou con amig@s e colegas (Mutenrohi, Silk Road Ensemble, Yo-Yo Ma & Friends, Sandeep Das...). E, por descontado, con eles viñeron os recoñecementos: nominacións aos Grammy, aos premios da SGAE...

Toda esta plausible traxectoria —máis meritoria por canto a atesoura unha muller de apenas trinta e tres anos— viuse recoñecida, como dixen, co último Premio Trasalba, o que non deixa de ser unha bieita anomalía, pois neste paisiño noso non é costume o recoñecer a valía d@s paisan@s, que para iso somos abondo facareños.

Froito desta concesión (ou mellor: acaída substanciación da mesma) é o volume Galicia no fol, editado por Galaxia, a mesma casa que concede o galardón a través da súa Fundación Otero Pedrayo.

No libro, presentado o pasado día 30 de xuño na Casa Grande de Cimadevila, a carón dunha ampla fotobiografía da intérprete, se inclúen tamén dúas ducias de textos breves a modo de “Cartas dos amigos”

O libro, presentado o pasado día 30 de xuño na Casa Grande de Cimadevila, é unha edición a cargo de Xan Padrón e Pablo Sánchez Ferro na que, a carón dunha ampla fotobiografía da intérprete, se inclúen tamén dúas ducias de textos breves a modo de “Cartas dos amigos”, textos orlados de afecto e recoñecemento, asinados por persoas de diversos ámbitos que quixeron render amizada a esta dama dos ventos e señora dos punteiros.

Alén do dito, textos máis documentais dos editores e unha cronobiografía final que informa da valía patente da ourensá, confirmada aínda polo documental en dvd anexo Raíces e jazz en NYC por Cristina Pato, dirixido por Andrés Rosende, e mailo cd Alalá e muiñeira de Cabana, da autora e Roberto Comesaña, peza esta última creada ex professo para Pato e dedicada a Trasalba, unha alfaia musical pola que xa só pagaría a pena o esforzo editor.

Hoxe non direi da materialidade deste Galicia no fol. @s que xa coñezan o traballo que para este tipo de produtos desenvolven na coordinación editorial Xosé Manuel Soutullo e no deseño de colección Fausto C. Isorna intuirán o resultado, desta volta rematado pola maqueta de Hayat Husein. Só me permitirei un derradeiro apuntamento: se aínda non saben que regalar(se) estas vacacións, fagan o favor, recomecen a lectura destas liñas.

Capa de 'Galicia no Fol' © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.