Cristina Pato ocupará a prestixiosa cátedra de Cultura Española da Universidade de Nova York

Cristina Pato © Xan Padrón

A música Cristina Pato ocupará no vindeiro curso académico 2019-2020 a Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na New York University (NYU). Creada no ano 1983 nunha das máis prestixiosas universidade dos Estados Unidos, trátase dunha destacada responsabilidade, que nos últimos anos ocuparon persoeiros como Antonio Muñoz Molina, Juan Goytisolo, José María Maravall, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Baltasar Garzón ou Sir Raymond Carr.

Pato centrará a súa actividade na NYU nunha serie de conferencias e eventos públicos combinados cunha clase sobre as músicas invisibles do norte de España

Pato, cuxa carreira académica a ten levado a impartir clase en diferentes universidades americanas, como Harvard ou a Universidade de California, centrará a súa actividade na NYU nunha serie de conferencias e eventos públicos combinados cunha clase sobre as músicas invisibles do norte de España (“The Invisible Music of Northern Spain”). En concreto, centrada na música galega, a vasca, a sefardí e outras. Ademais das súas clases, organizará varias conferencias en torno a diversos temas relacionados cos seus obxectos de investigación dos últimos anos: entre eles música e neurociencia, a sustentabilidade do artista, a memoria cultural, a identidade e a perda de memoria, ou a situación en España das linguas diferentes do castelán

A Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española foi creada en 1983 e desde entón ten incorporado á NYU eminentes persoeiros da historia e da cultura da España moderna. A persoa elixida cada ano é evaluada por un comité de profesores de Estudos HIspánicos da propia universidade. 

Instalacións da NYU © NYU

Alén desta estadía na NYU, Pato impartirá un curso de verán neste 2019 na Universidade de California sobre Memoria e Migración, e o rol das artes no mundo académico, tema que tamén desenvolveu na Universidade de Harvard. Toda a súa actividade académica arredor das artes e neurociencia está baseada no poder de comunicación das artes para contar historias universais.

Cristina Pato, gaiteira, pianista clásica e educadora, foi aclamada como “unha virtuosa explosión de enerxía” polo The New York Times. A súa actividade está dedicada ao intercambio cultural e a forxar novos camiños para a Gaita Galega. Pato traballa habitualmente como Asesora de Educación de Silkroad e posúe un Doutoramento en Musical Arts pola Rutgers University (EUA), os títulos superiores de Piano, Teoría da Música e Música de Cámara polo Conservatorio de Musica do Liceu, e un Master en Artes Dixitais (Música Dixital) da Universitat Pompeu Fabra. Neste momento está a preparar o seu segundo doutoramento en Estudos Culturais, e é a co-creadora dunha pioneira clase sobre memoria xunto co neurocientífico Dr. Kenneth S. Kosik. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.