Comeza Curtocircuíto. O Festival Internacional de Curtametraxes acode á súa cita con Santiago de Compostela coa promesa de que outubro é para quedar e coa intención de seducir o público dentro e fóra da sala de proxección. Cunha década de experiencia ás súas costas, esta undécima edición é máis relevante do que poida parecer. O ano pasado, un novo equipo liderado polo cineasta Pela del Álamo recolleu a testemuña na dirección e salvou os mobles celebrando o festival in extremis. Agora, en 2014 esta nova dirección puido deseñar con tempo todos os elementos que definen a nova xeira de Curtocircuíto. Un festival que busca a súa identidade coa vantaxe de saber o que quere e o que ofrece.
As seccións competitivas abandonan a clásica clasificación por nacionalidades para competir en igualdade de condicións en categorías que responden a conceptos. Desta forma atopamos en Radar unha radiografía da produción que marca tendencias, en Explora un espazo de innovación e vangarda que nos propón descubrir novas narrativas e en Planeta GZ unha mostra da heteroxeneidade e bo estado de forma no que se atopa o cinema galego. Fóra de competición, dous nomes propios: Mike Hoolboom e Gabriel Abrantes. O primeiro, un cineasta canadense de extensa carreira que é un referente no cine experimental e o segundo un novo -pero moi proflífico- director portugués que non deixará indiferente a ninguén por polémico e gamberro, un auténtico enfant terrible. Ambos teñen en común o seu espírito transgresor e a súa decisión de levar as súas obras ata as últimas consecuencias. Dous directores que encarnan á perfección o novo espírito do Curtocircuíto.
A nova liña de Curtocircuíto transita os terreos fronterizos onde a ficción, o documental ou a animación deixan de ser xéneros excluíntes para mesturarse e ser cine en toda a súa dimensión
A oferta cinematográfica complétana gorentosas seccións paralelas como os programas dedicados a infancia e mocidade (Criaturas, 14_17) ou o ciclo deseñado polo Cineclube de Compostela (Carta branca) que proxectará a grandes autores como Aki Kaurismaki, Miguel Gomes ou Chris Marker. Alén da pantalla: concertos, performances e actividades formativas, unha variedade que ofrece unha experiencia completa a todo aquel que se achegue ao festival.
Por diante unha intensa semana de cine con moita oferta e escasa marxe para equivocarse. A nova liña de Curtocircuíto transita os terreos fronterizos onde a ficción, o documental ou a animación deixan de ser xéneros excluíntes para mesturarse e ser cine en toda a súa dimensión. Hibridacións que responden a unha filosofía de entender o cine, máis aló do entretemento, como método de exploración e coñecemento. O máis importante é que apostar por contidos destas características revela a confianza de Curtocircuíto na nosa capacidade para sorprendernos, retarnos e ampliar os nosos horizontes.