"En Galicia o audiovisual podería ser un sector estratéxico"

Público do Redondela en Curto CC-BY-SA Redondela en Curto

Bota a andar o festival cinematográfico Redondela en Curto. A cita prolongarase ata o domingo pola noite con multitude de seccións e sesións que farán desta vila costeira o paraíso dos amantes do cinema e, en concreto, das curtas. A obra galega entre as 16 seleccionadas é Deber, do vigués Ángel Manzano, aínda que os asistentes poderán ver máis creacións chegadas desde Galicia na sección Cine Galego. O director do certame, Fernando Carreira cóntanos os pormenores da ineludible cita cultural desta fin de semana

¿Como nace a idea do Redondela en Curto?

Pois Redondela en Curto nace hai 11 anos de unha xuntanza o concelleiro de cultura de aquela, Eduardo Reguera. El tiña ganas de facelo e como eu estaba no mundillo do audiovisual falou comigo e así foi a primeira edición. Pero claro, nós non pensamos que iamos chegar ata aquí.

Ides xa pola undécima edición, Redondela é unha cita indispensable no mundo das curtas?

Si, sen dúbida. A nivel nacional xa é unha cita consolidada, un festival potente e para nós é todo un orgullo e unha ledicia.

Por que calquera galego debería achegarse a esta edición?

Ben, iso é fácil. Pois primeiro porque a nivel nacional vai haber curtas que só van poder ver neste certame. Segundo, porque as dezaseis películas seleccionadas son as mellores a nivel nacional. Terceiro porque é unha cita co cinema nacional pero tamén co cinema galego.

"Un dos motivos polo que calquera debería vir ao Redondela en Curto é porque as dezaseis películas seleccionadas son as mellores a nivel nacional"

Vin por aí que tedes un cartel case que de Goyas…

Pois si, case case, porque un gran número das curtas seleccionadas competían nos Goyas deste 2015 e iso para nós tamén é un orgullo enorme. Iso si, hai máis drama porque non sei o motivo, pero as curtas cómicas son complicadas de atopar.

Hai dúas novidades este ano, a de Cine Galego e a de Curtísimas…

Si, o ano pasado xa experimentamos con estas ideas. Este ano chegou moito cinema galego, bastante máis que en pasadas edicións, na selección final de 16 irá unha, porque claro, chegáronnos máis de 700, pero outras poderanse ver nesa sección de Cine Galego. E dentro de Curtísimas hai curtas moi curiosas que, aínda que non entran a concurso porque se pasaban da duración, proxéctanse porque son moi interesantes

"Este ano chegou moito cinema galego, na selección final de dezaseis só irá unha, pero as outras poderanse ver na sección de Cine Galego

Unha das sesións chámase sesión golfa, o nome é provocativo…

Si, non sei se porque o nome é provocativo pero é unha sección que se peta sempre. Aí é onde están as películas máis pintorescas e gamberras do festival. Esta sesión é todo un compromiso, se queres divertirte hai que ir si ou si.

¿Por qué decidistes facer tamén sesións nos bares?

Porque é un xeito de incentivar o comercio na vila. De feito, este ano, a Asociación de Empresarios colabora con algúns agasallos que se distribuirán ente o público. É unha oportunidade para que moita xente que vén de fóra coñeza a vila e consuma nela.

A sesión golfa é onde está as películas máis pintorescas do festival. Indispensable se queres divertirte

O festival vai ser moi longo, oriéntanos un pouco, cales son as citas indispensables?

A verdade é que eu non me perdería nada, as 16 películas son moi boas, e por iso as poñemos dúas veces, en pases diferentes para que, se alguén non pode ir a unha das sesións, vaia a outra.

Escoitei que este ano vos subides ao carro dos selfies…

Si, aproveitamos xa que está de moda, e tamén é unha maneira de incentivar ao público para que colabore a nivel fotográfico e espalle o nome do festival nas redes sociais. Para promovelo  máis aínda, nesta cuestión haberá agasallos.

"Subímonos ao carro dos selfies porque é unha maneira de incentivar o público a que colabore"

Que opinión lle merece o cinema galego?

Cada vez faise mellor. Das que nos chegaron a concurso eran todas boas. Ata agora chegábanos moito material de animación, este ano non temos ningún. Pero non hai dúbida de que o nivel do audiovisual galego sube cada ano.

Está suficientemente promovido?

Nunca é abondo. A nivel Galicia, calquera axuda é boa. Mesmo debería haber máis, especialmente para a xente que empeza de cero e tamén para a organización dos festivais, que, ao final, son un axente importante na promoción do sector.

"En Galicia deberían promoverse máis as axudas para quen empeza de cero no audiovisual e tamén para os festivais"

Que medidas tomaría para melloralo?

O fundamental é a base, e a base son as escolas. En Galicia fan falta máis escolas de audiovisual para formar talento.

Podería ser un sector estratéxico en Galicia?
Claro que si, sen dúbida algunha. Grandes películas saíron de aquí e unha canteira importante de grandes autores. Os ingredientes témolos, falta facelo.

O director do Redondela en Curto, Fernando Carreira CC-BY-SA Redondela en Curto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.