A retrospectiva sobre Sonia Delaunay na Tate Modern presenta a evolución da carreira desta artista da vangarda de París. Dende os seus comezos viaxando por Europa ata a re-invención dos seus traballos nos 70, a intensidade que caracteriza o seu traballo expresa as novos elementos da modernidade: os recentes tipos de danza, a vida urbana ou a tecnoloxía. Sonia Delaunay rompeu os límites das artes maiores para conectar a arquitectura ou a pintura ca moda, o deseño gráfico ou a publicidade. Sendo tamén muller de negocios abriu as súas propias tendas, establecendo unha nova interrelación entre a cambiante vida diaria, a arte e a literatura mediante as súas colaboracións coma creadora con escritores e artistas.
A exposición EY: Sonia Delaunay é organizada polo Musée d´Art Moderne de la Ville de Paris e a Tate Modern, sendo primeiro exposta en París e agora en Londres. Centrada na versatilidade de Sonia, a exposición comeza explicando o seu interese, moi cedo, na Arte. Nada en 1885 en Odessa coma Sarah Ilinitchna Stern (logo engadiu o apelido Terk), o seu manexo de varios idiomas e extensos viaxes polos museos e galerías europeas permitiulle desenvolver un amplo coñecemento das escolas e autores clásicos e contemporáneos. Foi sobre todo Paul Gauguin o pintor que mais atraeulle e o expresionismo do grupo Die Brücke (A ponte). As obras expostas o principio da exposición mostran a influencias de ambos referentes e riscos dela mesma: en retratos coma Filomena (1907) ou Nu (1908) as formas cúbicas dos rostros e os corpos e o emprego de cores fortes e vibrantes mostran non tanto a realidade física da persoa coma o seu carácter, expresión do seu estado psicolóxico.
Tras o seu primeiro matrimonio co galerista Wilhelm Uhde en 1908 e posterior divorcio, casou con Robert Delaunay en 1910, vivindo ambos en París. Tanto Sonia coma Robert viraron cara a abstracción e absorberon as teorías do químico Michel-Eugène Chevreul; este científico mostrou coma as cores e a súa percepción troca segundo estean dispostos unhas xunto a outras, motivo polo cal os Delaunay conformaron a teoría do cromatismo contrastado simultáneo ou Simultanísmo.
Tanto Sonia coma Robert viraron cara a abstracción e absorberon as teorías do químico Michel-Eugène Chevreul; este científico mostrou coma as cores e a súa percepción troca segundo estean dispostos unhas xunto a outras
Sonia Delaunay impulsou amplamente esta aplicación das cores. Na exposición pode ollarse a acuarela Natureza morta (1909), o cadro tecido de Bordado de follas (un bordado de la sobre lenzo) e tamén está exposta a colcha que ela fixo para o berce do seu primeiro fillo en 1911, na cal mediante un patchwork fusionou as técnicas e formas tradicionais empregadas polas campesiñas rusas ca abstracción nacente. Están as obras Contrastes simultáneos (1912), Debuxo en papel da Torre Eiffel (1913) e o deseño Cuberta para libro Prosa do Transiberiano (1913). Destaca a Ilustración do tren transiberiano, realizada en 1913; trátase dun longo texto que estendido mide varios metros. Mentres na parte inferior onde está a Torre Eiffel é o comezo do debuxo que vai subindo cara o ceo, o mesmo tempo é o final do escrito. E a inversa onde o escrito ten o seu comezo, está o fin da ilustración co debuxo dunha masa de nubes.
O Simultaneísmo de Sonia Delaunay sumou as formas xeométricas, o que lle permitiu emitir a dinámica e a enerxía da vida na cidade
O Simultaneísmo de Sonia Delaunay sumou as formas xeométricas, o que lle permitiu emitir a dinámica e a enerxía da vida na cidade. O fenómeno da luz eléctrica para os carteis, o efecto estético que producían na noite baseándose na súa calidade artificial, foi algo que levou as súas obras; varios lenzos chamados Prismas eléctricos realizados entre 1913 e 1914, transmiten a impresión da luz eléctrica no Boulevard Saint Michel de París. Sonia Delaunay empregou a división en cadros para suxerir a división da luz branca no espectro prismático de cores. Nos seus lenzos aparece a análise das cores e a observación do día a día ou a noite -Contraste simultáneo, nº 40, París, Estudio de cores, París (1912-1913), Estudio de cores. Boulevard Saint Michel (1913), Bal Bullier (1913) e Xente. Boulevard Saint Michel (1914), todas elas experimentando con distintas técnicas: collage, gouache, pastel, óleo sobre lenzo ou papel. Tamén aparecen as primeiras prendas deseñadas coma un chaleco simultáneo e un vestido para muller de 1913 realizado de novo en patchwork.
Coa I Guerra Mundial en 1914 os Delaunay marcharon de Francia para instalarse primeiro en Euskadi na cidade de Hondarribia e logo viaxaron a miúdo a Portugal. Sonia aproveitou as súas estancias en Portugal para pintar a vida diaria, destacando a súa serie sobre os mercados de Minho definindo a súa pintura entre a abstracción e a figuración. As mulleres e as froitas do lenzo Mercado portugués (1915) mostran un emprego de formas xeométricas, sobre todo circulares, mais difusas e cromaticamente fortes pero mais matizadas. Ademais dos lenzos poden estudarse os anuncios e os deseños gráficos que realizou para revistas. Destacan as da revista Vogue (1916), a cuberta para a exposición de Stockholm (1916), para Perfiles (1917) e Ararat (1917).
Coa I Guerra Mundial en 1914 os Delaunay marcharon de Francia para instalarse primeiro en Euskadi na cidade de Hondarribia e logo viaxaron decote a Portugal
A raíz de 1917 co impacto dos Ballets Rusos, Sonia trabou amizade con Serguéi Diáguilev, quen dirixía este grupo de danza. Coñecendo o seu talento pictórico e o seu senso do estilo, encargoulle o deseño de vestiario para a súa produción do ballet Cleopatra en 1918. Sonia uniu nos seus deseños o seu traballo na arte abstracta e o seu interese pola danza. As fotografías tomadas en 1918 mostran a bailarina Lubov Tchernicheva caracterizada coma Cleopatra, así coma a Lydia Sokolova peiteada e vestida coma o personaxe de Ta-Hor. Sonia realizou os seus deseño cun compoñente abstracto pero de tal xeito que as bailarinas mantiveran o seu rostro de perfil e o seu corpo frontal facendo que respectárase o plano xeométrico do vestido, mantendo o aspecto cubista que caracterizaban as danzas dos ballets e evocaran as figuras das pinturas exipcias antigas.
De 1918 tamén pode verse varias fotografías do Arquivo Sonia Delaunay de cando marchou a Madrid. Alí ocupouse de abrir o seu propio establecemento, Casa Sonia, onde vendía vestidos, accesorios, tecidos e mobiliario en estilo simultáneo. (Tras o seu éxito, abriu varias tendas en Bilbo, Donostia e Barcelona). Tamén pintou o Pequeno Casino Madrid en 1919 e encargouse da decoración de interiores de varias casas en 1920.
O ano seguinte os Delaunay regresaron a París. Alí entroncaron en especial cos dadaístas. Xa estableceran contacto con Tristán Tzara e outras figuras do Movemento Dadá de Zürich anteriormente, pero a partir de 1921 as relacións fixéronse mais estreitas. Sonia deseñou traxes para as performances, a decoración para o interior da librería Au Sans Pareil en Neuilly e vestidos-poemas que levaban verbas de Tzara ou Vicente Huidobro (coma o nº 688 (1922) e o nº 1329 (1923).
Fixo construír unha Boutique Simultánea para mostrar os seus deseños na Exhibición Internacional da Industria Moderna e as Artes Decorativas
Coa demanda cada vez maior dos tecidos que deseñaba, Sonia contratou un grupo de mulleres rusas para tecer, bordar e facturar a produción. Fixo construír unha Boutique Simultánea para mostrar os seus deseños na Exhibición Internacional da Industria Moderna e as Artes Decorativas e foi alí onde coñeceu a Joseph de Leeuw, propietario do comercio de luxo Metz & Co en Amsterdam. Un acordo entre eles faría que moitas telas de Sonia, arredor de 200 deseños, vendéranse ata os anos 60.
Os deseños de Sonia Delaunay ocupan unha das salas mas grandes da exposición. Para Metz & Co prevalecen as telas cunha dinámica en zigzag (deseño B53 (1924) e fondos planos con cadros e liñas rectas intercaladas. As cores mais empregadas son os azuis, negros, vermellos, grises e verdes. Nas fotografías aparecen mantos, vestidos, bufandas, alfombras en interiores, abrigos, túnicas e imaxes de Delaunay no seu estudo deseñando téxtiles ou do seu estudo repleto de libros. Está exposto o abrigo realizado en la para a actriz Gloria Swanson en 1925 e filmacións das modelos lucindo as prendas, coma en Mademoiselle Y e L´Elélégance. De 1926 son os seus traballos de vestidos simultáneos (nº 186) e os deseños de escena e os traxes para a película Le P´tit Parigot de René Le Somptier.
Tras a crise económica de 1929 a súa actividade diminuíu, se ben continuou con encargos e a partir dos anos 30, xunto a distintos grupos artísticos da abstracción, Sonia e Robert Delaunay crearon o grupo Abstraction-Création. O liderado dos Delaunay no movemento da abstracción fixo que en 1939 organizaran a exhibición Réalités Nouvelles na Galerie Charpentier. O senso do ritmo e a abstracción aumentaron en Sonia Delaunay, destacando as obras Pinturas para o Palacio do Aire. Exposición Internacional en París (1937), Ritmo Cor nº 1076 (1939), Composición Simultánea (1942), Ritmo nº5 (1939) con formas xeométricas lixeiras. A temática da abstracción e a vida cotián tamén intensificouse nos 50, ben en forma de lenzos e artes decorativas - Ritmo coreado (1952), Mosaico (1955), Tríptico (1963)- ou de prensa diaria -Deseño para a cuberta L´Art Abstract (1949) e Deseño para xornal (1954)-.
A re-invención de Sonia Delaunay chegou a partir de 1964
A re-invención de Sonia Delaunay chegou a partir de 1964. Con Danza. Ritmo infinito (1964) volveron tamén o traballo no deseño de tecidos (Alfombra de la coloreada realizada a man), a introdución de novas formas xeométricas (triángulos e rectángulos), así coma a inspiración na poesía. En grandes ou pequenos lenzos en serie transformou a súa linguaxe abstracta creando un novo, coma en Ritmo sincopado, coñecido como a Serpe Negra (1967) e Discos (1968). No remate da exposición aparece a obra Avec moi-même (Comigo mesma) de 1970. Nela está escrita unha cita de Platón: penser c´est pour l´âme s´entretenue en silence avec elle-même , léndose o final da obra a firma da artista: Sonia Delaunay. Avec moi-même.
Referencia das exposicións en Londres
- Sargent. Retratos de artistas e amigos. The National Portrait Gallery. 12 de Febreiro - 25 de Maio do 2015.
- Inventando o Impresionismo. Descubrindo a Paul Durand-Ruel. The National Gallery. 4 de Marzo - 31 de Maio do 2015.
- Alexander MacQueen. Beleza salvaxe. The Victoria and Albert Museum. 14 de Marzo - 2 de Agosto de 2015.